Skip to Content

Manifesto do día 25 de novembro

Discurso redactado polo alumnado do Equipo Morgana de Igualdade con motivo da conmemoración do 25 de novembro:

Ben, comezamos... Bos días a todos e a todas. Antes que nada grazas por vir de negro no día de hoxe a todos os que o fixestes.

Hoxe é 25 de novembro, un día que en 1999 se proclamou o día internacional da eliminación da violencia contra a muller. Violencias que se exercen sobre ela polo simple feito de ser unha muller. Violencias que non só son as agresións físicas.
Este día foi elixido pola ONU, non ao azar, de maneira arbitraria. Elixiuse en conmemoración de tres irmás, tres activistas políticas que foron asasinadas este mesmo día hai 62 anos, en 1960. Quizais vos sonen máis se vos digo que son as tres bolboretas, ou quizais non porque esta, como moitas outras, é unha historia de mulleres valentes que se enterrou xunto a elas e da que se prefire non falar. Pois hoxe estamos aquí para falar, para falar de Sara, Mónica, Claudia, Mercedes, Isabel e todas as que non nomeamos e as que non se coñecen. Porque hai moitas que non se coñecen, demasiadas.

Este ano xa levamos 38 feminicidios en España, 544 denuncias por violación, un dos últimos asasinatos, o dunha nena de 14 anos, Erika, que morreu apuñalada por un veciño que a acosaba. Tampouco é que esteamos avanzando moito. En 2021 inscribíronse como vítimas de violencia de xénero e doméstica case 38 715 mulleres, máis ca no 2020.

Esta é só unha dos montóns de historias de mulleres que por ser iso mesmo sofren desde o máis mínimo “micromachismo” ata agresións ou os recortes dos seus propios dereitos. Isto está moi ben reflectido no iceberg que tedes colgado no corredor da cafetería. Nos próximos días colocaremos tamén preto unha lámina con todas as cousas positivas que podemos aplicar precisamente para evitar estas situacións de violencia.

Antes de marchar só queremos dicir grazas por escoitarnos, e que se queredes apoiar a nosa causa e a de moitísimas mulleres podedes ir hoxe pola tarde á manifestación que se celebra todos os anos. Tamén podedes apoiala dende dentro do instituto apuntándovos ao club, que sempre está aberto e no que todo o mundo é benvido.

Recordade que acabar coa violencia de xénero é unha tarefa común, e que está nas nosas mans pronunciarnos contra certos comportamentos que observamos no noso entorno e non son aceptables.

 

2022_25N



page | by Dr. Radut