Alfredo Brañas

Alfredo Brañas

 

 Alfredo Brañas

 

[Podes acceder a un folleto en PDF que resume a vida de A. Brañas premendo aquí ou na imaxe de embaixo]

 

 


Biografía

A familia

Alfredo Brañas nacíu o 11 de xaneiro de 1859 en Carballo de Bergantiños (A Coruña). Foi bautizado como Alfredo, José, Francisco, Higinio Brañas Menéndez. Seus pais, naturais da Coruña, eran Vicente María Brañas Valseca e Celestina Menéndez Vilas; tivo catro irmás. Seu pai, dun matrimonio anterior, segundo Francisco Campos Freire, tivera un fillo tamén escritor Gonzalo Brañas Sánchez (A Coruña, 1840-1903).

 

 

 

Seus avós paternos eran Gonzalo Brañas e Juana Balseca, de Valladolid; os avós maternos, eran Gregorio Menéndez, da Coruña, e Rita Vilas de Santiago. Os padriños de Alfredo Brañas foron Enrique Piñeiro e a súa dona Josefa Borrell residentes en Carballo.

Os dous anos, en 1861, a súa familia trasladase a Cambados, onde o pai vai exercer de Rexistrador da Propiedade.

A xuventude

Estudia en Santiago de Compostela onde realiza o bacharelato (1869-1873) no Instituto e a carreira de Dereito na Facultade que remata en 1878. A morte de seu pai, en 1876, trae dificultades económicas á familia e recibe axuda da Duquesa de Medina de las Torres que, segundo Xavier Castro, era a nai dun compañeiro da Facultade. Alterna diversos traballos xornalísticos co exercício da avogacía así como unha breve estancia en Madrid, 1880-1881 onde traballa no xornal La Política e despois na Biblioteca Nacional.

A vida profisional

De volta a Galicia, despois dun brevísimo periodo traballando nunha notaría en Cambados, matriculase no Colexio de Avogados de Compostela en 1883 e sería avogado fiscal substituto (1884) ata que pasa a ocupar a Secretaría Xeral da Universidade (1884-1885). Mentrastanto prepara o doctorado que acada en Madrid en 1885. Comeza a dar clases en Santiago ata que consigue a cátedra de Dereito Natural (1887) en Oviedo e pouco despois a de Economía Política e Facenda Pública (1888) en Santiago onde permanecerá ata a súa morte, realizando as súas actividades académicas, literarias, periodísticas, políticas e cívicas na defensa de Galicia, resaltando o seu libro El Regionalismo (1889).

En 1885 casa con Ramona Casulleras Galiana, irmá do médico e escritor Isidoro Casulleras, autor da composición poética “Juan Tuorum. Leyenda sobre una tradición gallega del siglo XIV ” (Santiago, 1880).

A morte

Vivían na rúa da Azabachería número 5, onde, a pesar dos cuidados do seu médico e amigo Juan Barcia Caballero (prologou El Regionalismo) morríu o 21 de febreiro de 1900, con apenas 41 anos.

Alfredo Brañas, de fondísima formación e ideoloxía católica, foi soterrado no cemiterio de Nosa Señora do Rosario e pasaría logo, en 1905, a un mausoleo custeado por subscripción popular en San Domingos de Bonaval, no actual Panteón de Galegos Ilustres onde tamén está Rosalía de Castro (nos actos de traslado dende o cemiterio de Adina o 25 de maio de 1891, participou activamente Brañas), o xeográfo e matemático Domingo Fontán, o poeta Ramón Cabanillas, o escultor Francisco Asorey así como Castelao.

Na tumba de Alfredo Brañas hai unha inscripción que di:

Aquí yaz Alfredo Brañas, bo cristiano, agarimo a terra gallega, sabido maestro na Escola compostelana. Deus o teña no ceo. Naceo janeiro 11-1859. Finou febreiro 21-1900.

 

 


Alfredo Brañas e o Rexionalismo

É comunmente aceptado pola historiografía galega a actual a periodización da historia do galeguismo en tres grandes etapas, a primeira chamada provincialista que arrancaría a comezos da década dos trinta do século XIX, que ten como fito máis destacado a revolta de 1846 que da lugar os Mártires de Carral.

 

 

 

A segunda corrésponde co Rexionalismo que abarcaría dende o prolífico ano de 1886 ata 1915, con tres tendencias claras o rexionalismo liberal representado pola figura de Manuel Murguía, o rexionalismo máis tradicional simbolizado pola figura de Alfredo Brañas e un rexionalismo federalista con Aurelio J. Pereira, Amor Meilán ou Leiras Pulpeiro entre os seus persoeiros máis relevantes.

A terceira etapa será a nacionalista, que arranca en 1916 co nacemento das Irmandades da Fala, e que terá a Castelao como referente fundamental, ata a actualidade. Temos pois que a figura de Alfredo Brañas inscríbese na segunda metade do século XIX, en pleno auxe do Rexionalismo, do que el será un dos principais teóricos.

Aínda que houbo diversos intentos de unión destas tendencias nunha plataforma unitaria, apenas nun breve periodo de tempo se acadou como foi a convocatoria dun Congreso Rexional do que sairía en novembro de 1890 en Santiago o Comité Central Regionalista, primeiro núcleo da Asociación Regionalista Gallega. Aquí estaban entre outros Manuel Murguía (presidente), Salvador Cabeza de León e Alfredo Brañas. O seu voceiro era La Patria Gallega.

Como deciamos, durou pouco e as divisións levaron a práctica extinción da Asociación en 1893. Cada grupo seguirá o seu camiño, así en 1897 os liberais da Coruña crean a Liga gallega en 1897 e os tradicionalistas de Santiago crearon a súa en 1898. A partir deste ano a aproximación de Brañas ó carlismo conducirá a unha división practicamente definitiva.

A aportación teórica de Alfredo Brañas o rexionalismo está explicitada nas seguintes obras:

El Regionalismo , Jaime Molinas Editor, Barcelona, 1889, a contribución máis completa e estructurada do galeguismo.

Bases Generales del Regionalismo y su aplicación a Galicia, coa presencia fundamental de Alfredo Brañas (1892 ).

La crisis económica en la época presente y la descentralización regional, 1892.

 

 


Carballo e Alfredo Brañas  

Alfredo Brañas pronunciou un célebre discurso durante unha homenaxe que recibíu no seu Carballo natal o 9 de marzo de 1890, titulado “A causa do rexionalismo” que está recollido por Francisco Fernández del Riego no seu libro Pensamento galeguista do século XIX (1983).

O día seguinte noutro discurso durante o Banquete Rexionalista de Santiago, onde tamén se lle rinde homenaxe, afirma: “...Brindo e dou gracias ó meu querido pobo natal de Carballo que me proporcionou o maior pracer da miña vida, coa súa cariñosa felicitación”.

En Carballo, a súa vila natal, dende o mesmo día da publicación de El Regionalismo recolléronse asinaturas de entusiastas e enviáronse á Universidade Compostelana como recoñecimento. Asimesmo no ano 1900, cando morre Brañas, o Concello carballés sumase a Xunta Pro-Monumento, constituída en Santiago de Compostela, cousa que agradeceu a súa viúva Ramona Casulleras nunha carta.

1959: centenario do nacemento

Con motivo do centenario do nacemento en 1959 realizase unha gran Homenaxe a Brañas , organizada polo concello de Carballo, que presidía Cregorio Chillón de la Fuente, A Real Academia Galega e a “Junta Alfredo Brañas” da que era presidente Baldomero Cores Trasmonte. Asistiron entre outros o citado profesor Baldomero Cores Trasmonte, Raimundo García Domínguez “Borobó”, Iglesias Alvariño, Leandro Carré Alvarellos, membro da Real Academia galega, que ademáis representaba o Centro Galego de Montevideo e a Unidad Gallega de Nova York, e Luís Carré Alvarellos, Vales Villamarín, secretario da Academia Galega e Juan Naya bibliotecario da mesma. Mosquera Pérez en representación do Patronato Rosalía de Castro. Interviu tamén o avogado carballés Manuel Pazos Abelenda, Baldomero Cores, Leandro Carré e o sobriño Angel González Brañas, que estaba de médico en Cedeira, lendo un poema en galego. Descubrironse dúas placas, dos Centro Galegos de Buenos Aires e Montevideo. A do Centro Galego de Bos Aires, de bronce, tiña a inscripción: “Eiqui nasceu Alfredo Brañas, 11 de xaneiro de 1859. A Galicia emigrada de Bos Aires adícalle con emoción ista lembranza e homaxe no centenario do seu nascemento”. Descubríuse a placa que dá nome a rúa Alfredo Brañas por parte do alcalde e do sobriño de Brañas, o doctor Angel González Brañas.

1970: o noso instituto

No ano 1970 inaugurouse o primeiro Instituto de Carballo que leva o seu nome; creouse mais tarde un Centro Cultural “Alfredo Brañas” que xunto co concello de Carballo promovíu a reedición facsimilar de El Regionalismo, cun prólogo de Ramón Piñeiro, en 1981.

 

 
 Dende 1982 erguese na praza de Galicia un fermoso cruceiro realizado polo escultor Buciños en bronce e pedra.

 

2000: centenario da morte

En febreiro do ano 2000 celebranse diversos actos con motivo do centenario do seu pasamento, coa presencia de diversas autoridades e familiares de Alfredo Brañas. A Agrupación Cultural Lumieira, ademais dunha conferencia do historiador Xusto González Beramendi, organizou unha ofrenda floral ante o cruceiro da praza de Galicia, realizada polo poeta Manuel María, colocación dunha placa por Lumieira na casa natal e o concello de Carballo aprobou, por unanimidade do pleno celebrado o día 26 de febreiro de 2000, declarar a Alfredo Brañas Fillo Predilecto a título póstumo, e tamén realizou unha ofrenda floral do alcalde Manuel Varela e a escritora e membro da Real Academia Galega Luz Pozo Garza, así como a colocación dunha placa conmemorativa na praza de Galicia, asistindo entre outros Francisco Puy, presidente da Fundación Alfredo Brañas.

2005: o monumento

Finalmente en febreiro de 2005 realizaronse diversos actos de homenaxe, con motivo da colocación dun monumento a Alfredo Brañas na rúa Coruña, diante da súa casa natal, polo escultor César Lombera (Baracaldo, 1953) autor entre outras obras dos monumentos As Marías de Santiago ou Valle Inclán de Santiago e tamén o de Pontevedra.

 

 


Escolma de poemas

Brañas tiña un gran coñecimento da cultura galega do seu tempo, tendo unha especial predilección por Rosalía de Castro, sendo un dos organizadores do traslado dos seus restos dende o cemiterio de Santa María de Adina (Padrón) a Santiago de Compostela o 25 de maio de 1891. En La Patria Gallega número 5 ofrecense varios poemas adicados a Rosalía, entre outros de Juan Barcia Caballero, Curros Enríquez, Alberto García Ferreiro , Galo Salinas e o propio a Alfredo Brañas, que di así:

 

Á boa memoria de dona Rosalía Castro de Murguía

 

Desde que ó pé dos olivos

de Adina enterrar che vin

eu non sei por que me lembro

da miña patria infelís...

Ti na cova, ela esquencida

de todos, ¡triste de min!,

¡cantándoche os teus cantares

choro por ela... e por ti...!

 

Himno gallego

Letra: Alfredo Brañas / Música: Luis Taibo García

 

Casta dos celtas ¡esperta axiña!

¡ergue do fango da escravitú!

pátrea da ialma, teus ceibes cantos

enchen o mundo de norte a sur.

Dos meus pasados bendita terra,

Nai amorosa da miña nai

creva as cadeas que te asoballan

e cingue a croa da libertá.

Cantai galegos, o himno xigante

dos pobos libres, dos pobos grandes;

cantai, galegos, a idea santea

da independeza da nosa Pátrea.

Os de de Castela son castelaos

os de Galiza galegos son,

pero non somos, como españoles,

Nin eles amos, nin servos nós.

Das costas bravas de Finisterre

astra as douradas beiras do Sil,

ruxen os berros de guerra a morte

contra os tiranos do meu país.

Ártabros forte, feros brigantes,

sombras quiridas doutras edades,

prestade alentos ós que batallan

por esta meiga pequena Pátrea.

Nós como eles*

Hai unha terra

lonxe da nosa,

como ela vere,

como ela hermosa

onde os labregos,

cultivadores,

foran escravos

dos seus siñores

i agora libres

rexenerados

van en camiño

de ser vingados.

Irlanda...

a isla pelra dos mares,

é a doce terra dos meus cantares,

terra de altivos fortes colonos,

onte inda servos, hoxe xa donos...

¡Ergue, labrego! ¡Érguete e anda!

¡Coma en Irlanda! ¡Coma en Irlanda!

* Poema en catro cantos, reproducimos o primeiro.

 


Obras literarias

Dentro dos seus traballos literarios resaltamos os seguintes.

 

Poesía

Oda a Calderón de la Barca, 1880

Lamento, Revista de Galicia, 1880

Borradores de Versos, 1881

La Eternidad, 1881

Lembranza, Gaceta de Galicia, 1889, dedicado a Rosalía

O Avellón, Teatro Principal, A Coruña, accésit (100 exemplares impresos) no Certame Literario celebrado no Teatro Principal, 0 24 de agosto de 1884, pola Reunión Recreativa e Instructiva de Artesáns da Coruña

Valero entre los estudiantes, 1885

A víspera de San Xoán, no Certame Literario Musical galego de Pontevedra, 9 de agosto de 1886, premio dunha rosa de prata e ouro. Publicado en Galicia humorística nº 5, 15 de marzo de 1888

Oda homenaxe ó Padre Feijóo, en Ourense (Inauguración do monumento) 1887

Brindis a Maruxiña

Aire galego (música de Chaves)

Como en Irlanda

Poema homenaxe a Montero Ríos, 1887

A groriosa mamoria d`o insine Jovellanos

 

Drama

La voz de la sangre y la voz de la patria, estreada na Coruña a finais de 1896

Texto: Xan Fraga
Distribuir contido