Normalización lingüística

O Besbello Saltón 2024

Acaba de se publicar o novo número da revista do centro O Besbello Saltón

 

Verseando a nosa Rosa

O alumnado do Agrupamento de 1º ESO e 2º ESO realizou a súa particular homenaxe a Rosalía para conmemorar o seu día.
En colaboración co Departamento de Orientación e a materia de Lingua Galega, colocaron un cartaz coa imaxe de Rosalía no vestíbulo, escribiron en flores de papel os seus versos favoritos dunha escolma de poemas e bordearon con elas a imaxe para unir así a beleza da poesía e a natureza arredor da nosa grande autora e dar a coñecer á comunidade educativa a súa obra.

 

Recital musicado

Do 19 ao 23 de febreiro conmemoramos o nacemento de Rosalía de Castro coa Semana Rosaliana.

O mércores e o xoves celebramos na nosa Biblioteca un recital musicado de poemas de Cantares gallegos e Follas novas, as dúas obras da autora que marcaron o rexurdir literario da lingua galega.

O recitado veu da man de alumnado de Bacharelato, mentres que o acompañamento de piano correu a cargo do Grupo de Música do instituto.

Pechamos ambas as dúas sesións cunha interpretación de “Negra sombra” con baixo, piano e voz, que non deixou indiferente a ningún dos asistentes.

 

 [Se non pode ver o vídeo, prema na seguinte ligazón: Negra sombra]

 

Alexandre Bóveda

Toda a comunidade educativa do IES Alexandre Bóveda tivo a oportunidade de coñecer, dende outubro a decembro, o persoeiro que dá razón de ser ao noso centro a través dunha exposición cedida polo Servizo de Normalización do Concello de Pontevedra.

A través de varios paneis que foron variando ao longo destas semanas, fomos sabendo máis da vida e obra deste intelectual e político galego.

 

Segunda volta do obradoiro de Regueifas

E tocou a hora de regueifar!


O luns, 6 de novembro, o músico e regueifeiro Luís “o Caruncho” volveu ao centro para traballar co alumnado seleccionado na primeira volta do obradoiro, celebrado o 26 de outubro.


Nesta ocasión, o alumnado elaborou e interpretou unha copla de presentación e outra improvisada.


Esperamos poder pasar á fase final e poder ir ao IES Valadares a finais de mes!

 

Abrolla a lingua

O Departamento de Lingua galega e literatura, xunto co EDLG, acaba de publicar unha recompilación das creacións literarias e postais de Nadal que resultaron gañadores nos distintos concursos e certames que se convocaron durante o curso 2022-2023. Podes gozar da lectura de Abrolla a lingua no documento que se achega.

CURSO 2013-2014

MEMBROS PROXECTO
ACTIVIDADES AUDIOVISUAIS

Distribuir contido