O público de aRi[t]mar aposta por dúas voces femininas, novas e modernas
Compromiso, renovación e ruptura son tres palabras que califican con precisión a obra de Lúa Mosquetera. A autora, orixinaria da coruñesa vila de Miño, abandona os tropos máis recurrentes da poesía por unha, a súa, sempre recitada sobre música (se pode ser en directo), e coa defensa dunha lírica separada do elitismo. “Anorak de pel de caribú”, a poesía gañadora do premio á Mellor Poesía do Ano na Galiza, formou parte da antoloxía “15 voces da nova poesía galega” e será publicada nun poemario da autora, neste 2022, pola Editorial Galaxia.
Máis nova aínda que Mosquetera é a gañadora portuguesa. Só ten 24 anos, pero xa leva moitos utilizando a poesía como unha ferramenta coa que expresar a súa visión da vida. Despois de ter participado en varias antoloxías, a caboverdiana e portuense de adopción, Wilma Vieira, estreouse no 2021 co seu poemario “Menina de Cor”, libro que contén “E se eu fosse eu”, poema gañador do premio á Mellor Poesía do Ano en Portugal. A peza dá boa conta de como, na obra de Wilma Vieira, a reflexión sobre a vida propia vólvese reflexión sobre a vida de calquera, e polo tanto, expresa unha lírica e existencial visión da vida de todos.