O xurado do certame aRi[t]mar galiza e portugal vén de decidir que a asociación Ponte... nas Ondas! será a galardoada co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2022. É un recoñecemento outorgado por medio de resolución directa do xurado e pretende salientar o traballo de todo aquel que contribúe a achegar as culturas galega e portuguesa. A resolución dáse a coñecer nas vésperas do 25 de abril, data da Revolución dos Caraveis.
Coa finalidade de promover a existencia dunha identidade común entre os pobos galego e portugués, Ponte... nas Ondas leva máis de vinte e cinco anos organizando actividades culturais e pedagóxicas na Galiza e na zona norte de Portugal. Creada en 1995, esta entidade naceu aproveitando a construción dunha ponte física entre as localidades de Monçao e Salvaterra de Miño e estabeleceu unha ponte comunicativa a través do medio radiofónico. A primeira actividade desenvolvida pola entidade foi levada a cabo por alumnado de 16 escolas de amba as dúas beiras do Miño, utlizando os estudos Ecos da Raia de Monção e outros situados na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño. Foron numerosos os galardóns recibidos por esta iniciativa antes de obter o recoñecemento do aRi[t]mar galiza e portugal. Entre os premios máis importantes cóntanse un Premio ONDAS, acadado no ano 2014 pola “mellor cobertura informativa do patrimonio inmaterial galego-portugués”, e o Premio Galicia de Comunicación, outorgado no 2005 pola Xunta.