A HISTORIA DE PACO PACOLO

XESTACIÓN DUNHA HISTORIA DE MONECAS DE MILLO

Iniciado o curso 07-08, a aula de 5-4 anos da escola de Cruceiro empeza a recoller as aportacións que van realizando os pais e que nos van permitir manter longas conversas e lembrar e aprender tantas cousas.

Á escola van chegando uvas, castañas, ourizos, figos,... e unha boa variedade de mazarocas de millo.

Nunha das conversas mantidas en torno ó millo, lembramos o divertido xogo de levantar castelos cos carozos, que tanto nos gustou aprender dos avós o curso pasado, e volvemos falar das monecas que tamén antigamente se lles facían ós pequenos da casa aproveitando a mazaroca, as barbas e o casulo do millo.

O interese dos nenos da aula é enorme, de tal xeito que queren ter unha moneca para eles ( o curso pasado, 4-3 anos, o tema sen embargo pasara case desapercibido ). Aproveitando as barbas e o casulo dunha mazaroca, improvisamos unha moneca, arrolámola no noso colo ( “ a miña nena pequena, heina de levar á escola...” ) e comprometémonos a preguntarlle ás avoas se de pequenas elas tamén xogaban coas monecas de millo e se saberían facer unha para nós.

Ó longo de varios días sorprendémonos, rimos e xogamos con distintos tipos de monecas que nos van facendo as avoas e os papás. E todas as monecas, todas, queren que lle poñamos nome ( María, Carolina, Lucía, Juanita,...) e que as arrolemos con agarimo no colo.

Unha mañá, despois da sesión de biblioteca, pregúntolles ós nenos se queren inventar un conto coas monecas de millo. Non o dubidan, como tampouco dubidan o feito de escoller como protagonista ó único exemplar masculino das monecas : será a historia de Paco.

- Paco...que?

- Paco Papán. Di un neno.

- Non, Paco Papán é o protagonista dun conto que xa existe. Ten que ser outro Paco.

- Paco Pacolo !!

- Ben, e...que lle pasou a Paco Pacolo ?

... E vai xurdindo a historia de Paco Pacolo quen, de tódolos amigos posibles, atopou primeiro a Juanita.

- Meu pai cántame: “ Juanita banana, mexa na cama...”.

E a cantiga que o pai canta entra na historia de Paco Pacolo, como entran algúns dos xogos populares cos que tanto nos divertiamos o curso pasado, e entran a noite e a treboada que nos lembran o seguro que podemos sentirnos na nosa casa, e, como non, entran tódolos colos nos que arrolamos as nosas monecas de millo.

“ E aquí acaba a historia de Paco Pacolo que cando ía para casa ía cantando:

Paco Pacolo, vai para o colo !

Porque a súa mamá ía durmilo no seu coliño ”.

Sol Beiroa.

 

HISTORIA DE PACO PACOLO

Érase unha vez unha mazaroca de millo que se chamaba Paco Pacolo.

Paco Pacolo quería xogar con amigos. Un día atopouse con Juanita e xogaron moito ó " pilla-pilla ", e despois foron dar un paseo. Mentras camiñaban ían cantando :

" Juanita banana,

mexa na cama "

 

Paseando atopáronse con Lucía, que estaba peiteada cunhas trenzas longas. Xogaron ás " escondidas " e despois foron pasear. Mentres camiñaban ían cantando :

" Lucía, Lucía,

mexa de día "

 

Camiñando, atopáronse con María, que estaba peiteada cunhas trenzas máis curtas. Xogaron moito ó " gato que pilla ó rato ". Despois foron pasear e ían cantando :

" María, María,

xoga de día "

 

Atopáronse cunha nova amiga, Carolina, e xogaron moito á " roda-roda ". Cando foron pasear ían cantando:

" Carolina, Carolina,

vai á piscina "

 

Atopáronse con Pepa e xogaron á " pita cega ". Pero a Pepa non lle cantaron nada porque era moi tarde e había que marchar, xa era de noite e empezaba unha treboada.

E aquí acaba a historia de Paco Pacolo que cando ía para casa cantaba:

" Paco Pacolo

vai para o colo "

...porque a súa mamá ía durmilo no seu coliño.

 

Aula de 5 e 4 anos.

 

 

...e se este conto vos gustou non vos perdades...

 

" HISTORIA DE PACO PACOLO. A PELÍCULA "

PRÓXIMAMEMTE NOS MELLORES PORTAIS EDUCATIVOS

Sobre Paco Pacolo

A  historia  de   Paco  Pacolo    gustoume   moito,  moito,  moito  e   espero   que      fagades   outra. Gabriel, 8 anos (Pazo) Sonriente

A  historia    de  Paco  Pacolo   gustame  moito   e   desexo

que   fagades  outra  . Paula   7  anos  (Pazo )  Chulo

AOS NENOS E NENAS DE CUVIDE GUSTALLES PACO PACOLO

ANXO : A MIN GUSTOUME CANDO IAN CANTANDO AS CANTIGAS

PEDRO : GUSTOUME CANDO PACO PACOLO ESTABA NO COLO

RAUL : GUSTOUME CANDO XOGARON A PILLA PILLA

PARABÉNS A PACO PACOLO

     A miña noraboa pola excelencia do traballo presentado que amosa non só a riqueza cultural que posúen os avós dos nenos e nenas da vosa escola senón tamén a súa dispoñibilidade para compartila na aula con vós. Eses sí eran xogos, os relacionados coas tarefas e os productos do traballo do campo onde xa se comezaba a xogar facendo o propio xoguete, intuindo as posibilidades que unha simple mazaroca de millo tiña. O feito de levar todas esas historias a aula di moito deles e da profesora que facilita e fai posible a entrada de antigas lembranzas na aula. ¡Que non se perdan!.

     Por outra parte, o traballo de creación literaria co nacemento dese pequeno conto é delicioso ; como vai xurdindo esa rima ligada á experiencia emocional dun neno : Meu pai cántame "Juanita banana, mexa na cama" e como o pai, sabedor da potencialidade desas palabras escatolóxicas relacionadas cos excrementos, tan exitosas entre os nenos e nenas, utiliza unha delas para facer esa rima que por suposto non se vai esquecer da memoria - nin cognitiva nin emocional- do seu fillo ou da súa filla, que aquí non aparece reflectido se é masculino ou feminino, e que logo na aula , compatíndoa co grupo, tira doutras  rimas do mesmo estilo porque hai un bo clima desprovisto de censuras ñoñas. 

     O relato vaise entreverando cos xogos aprendidos e xogados na escola, cos medos ligados aos fenómenos atmosféricos adversos, a treboada, tan temida sobre todo no medio rural transferíndoos a Paco Pacolo e calmando a ansiedade na confortabilidade do colo da nai antes de desaparecer no sono.

     No último libro de Mari Carmen Díez Navarro "Mi escuela sabe a naranja. Estar y ser en la escuela infanti". Ed. Grao a autora expresa :

 

     "Creo que el aprender es el "pretexto" que nos sitúa en la escuela. Pero el verdadero "texto" es el mundo emocional y de relación en el que los niños se estrenan y se entrenan, para ser personas....    Si ponemos el acento en el "pretexto", y no en el "texto", los niños aprenderán muchas cosas,sí, pero sin otorgarles un sentido vital, sin arraigo verdadero.... Aprenderán ..."para el examen", "para cumplir", "para contentar a otros quedándose fuera del placer de cubrir sus necesidades de saber. Luego, cuando puedan, se desprenderán de muchos de sus conocimientos aprendidos "de prestado" desconectándose así de la educación y la cultura que los ha utilizado como meros alumnos "contenedores de saberes" y no como personas pensantes y sintientes...."

     A cita é algo longa pero creo que paga a pena porque o voso traballo, na miña opinión, é unha síntese de "texto" e "pretexto" : as emocións ligadas ás experiencias familiares para chegar aos aspectos relacionados co outono  e á creación literaria.

     O resultado plástico resulta verdadeiramente encantador. Espero ansiosamente a aparición da película "PACO PACOLO".  Non vos demoredes en presentárnola. Seguide amosando os vosos traballos para que poidamos disfrutar , aprender e enriquecernos con experiencias tan ricas e estimulantes.

     Mañá, se vai Internet na nosa aula, lereilles o voso conto aos meus nenos e nenas e verán esas fantásticas bonecas feitas cunhas simples mazarocas de millo  e moita tenrura detrás.

     Un biquiño e unha aperta para todos vós.

     María