CPI PROGRESO BUSCANDO O NORTE

Este ano a carreira de orientación, zonal e provincial, tivo a sorte de contar entre as súas filas ao alumnado de 3º e 4º de ESO. Poucos foron os clasificados, polo que a esperanza na provincial non era demasiado alta… con todo, houbo algunha que outra sorpresa.

O que parecía un pretexto para saltarnos o horario lectivo, volveuse no inicio dunha odisea. Comezamos o noso periplo á primeira hora da mañá. O autobús levounos ata Pontevedra, á Illa das Esculturas, e unha vez alí o noso profesor e mentor atlético deunos as indicacións necesarias para coñecer o tipo de roteiro que iamos realizar; a verdade é que máis dun non sabía aínda nin onde estaba. Unha vez fomos identificados cunha pulseira dixital que nos adentrou nun mundo distópico, procedemos a comezar a carreira; que preguiza!

Esta primeira carreira, a pesar de que algúns participantes doutros grupos moveron as balizas entorpecendo a nosa vitoria e a calor era abafante, conseguimos acabar a carreira sen ningún problema destacable e coa clasificación dunha vintena de persoas do noso colexio. O noso trofeo foi un Calippo refrescante para soportar ese día solleiro. Sobre as 14:30, xa estabamos novamente no centro escolar, onde nos esperaba Marta para unha marabillosa clase sobre formulación orgánica.

Os afortunados que nos conseguimos clasificar fomos á carreira provincial a Vigo, ao parque de Castrelos. Que Martín GM chegase tarde, como sempre, provocou que as nosas compañeiras do equipo feminino chegasen ao límite para a súa saída; porén, o equipo masculino tivo tempo para cambiarse e otear o terreo. Nesta segunda carreira a sinalización do mapa que nos deron non era demasiado clara e nos desorientamos, o que provocou que as nosas marcas baixasen. A pesar de que isto supuxese unha criba importante cara ao triunfo, Daniel DD conseguiu alzarse como o noso Aquiles chegando á súa patria, conseguindo o primeiro posto entre os vigueses. Bravo!

Alumnado 4º ESO Bilingüe

 


Feito con Drupal (ver. 6.28)

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013
Drupal theme by Kiwi Themes.