QUÉROTE MÁIS 2022/2023
Durante o primeiro trimestre deste curso arrincamos de novo (e xa por cuarto ano consecutivo) co Plan Proxecta Quérote máis nos tres grupos de 3º da ESO.
Comezamos a última semana de outubro presentando o programa Quérote+ ao alumnado na ficha nº 1, para o que visitamos a súa páxina web, vendo os recursos que o programa pon á súa disposición de maneira totalmente gratuita: información e asesoramento sobre sexualidade, ITS, anticoncepción ou convivencia, test de embarazo e probas de VIH ou dispensación de preservativos.
Realizáronse preguntas anónimas e entre todas e todos escolleron unha delas para enviala a modo de proba no apartado da páxina “resposta a túa dúbida”. No primeiro caso obtivemos unha resposta moi rápida e completa por parte dos profesionais do Quérote+, e no segundo non sabemos, porque se perdeu o código (cousas que pasan…).
A ficha nº 2 do programa titulada Educación sexual desenvolveuna o profe de Música David Piñeiro co alumnado dos distintos grupos durante a última semana de novembro.
As alumnas e alumnos fixeron neste caso un total de 75 preguntas que se clasificaron nos seguintes apartados:
- ETS: 14 preguntas.
- Anatomía e fisioloxía dos órganos sexuais: 8 preguntas.
- Prácticas sexuais, “A primeira vez”: 10 preguntas.
- Prácticas: 13 preguntas.
- Métodos anticonceptivos: 17 preguntas.
- Educación sexual: 12 preguntas.
O equipo de docentes participantes no programa acordou na súa reunión inicial ampliar o programa nunha 9ª sesión para poder responder ás cuestións que non sexa posible responder ao longo das seguintes fichas.
Na ficha 3, desenvolta durante a última semana de decembro por Asunción Prieto en 3º A e B, e María Zapatero en 3º C (ambas profes de Bioloxía e Xeoloxía), debatemos co alumnado sobre A orientación do desexo e a identidade sexual, temática moi ben recibida e que é incluso requerida por os e as adolescentes.
Falamos dos conceptos básicos comentando as bases científicas das fases de sexuación no ser humano coa axuda dun guión e dunha presentación interactiva, e resolvendo dúbidas respecto do significado dos termos que reflexan a ampla diversidade, tanto de sexualidade e identidade de xénero como constructo psicobiosocial como da orientación sexual. Reflexionamos sobre o sentido e o bo ou mal uso das etiquetas, para o que visualizamos fragmentos de vídeos con protagonistas adolescentes, divulgadores e activistas que nos amosaron a súa realidade respecto ás orientacións sexuais e identidades de xénero.
Durante toda a sesión os estudantes mostraron respecto e satisfacción por coñecer máis sobre a diversidade da sexualidade humana.