Club de ciencia

Obradoiro de debuxo da natureza con Calros Silvar

Hoxe tivemos connosco ao debuxante, ilustrador e deseñador Calros Silvar, que impartiu un obradoiro de debuxo da natureza para o noso alumnado.  Con Calros puidemos coñecer como é o traballo do ilustrador, a importancia de observar a natureza e reter os pequenos detalles para trasladala posteriormente ao papel con precisión, proporción e realismo. Na parte práctica do obradoiro traballamos debuxando materiais que el trouxo, como cráneos ou pezas de esqueletes de animais, follas, plumas... Aquí vos deixamos unha mostra das nosas creacións.

Foi un pracer compartir esta experiencia cunha persoa como Calros, que, ademais de deseñar moitas das pezas de Sargadelos e Cerámicas do Castro, ilustrou multitude de libros e guías de natureza ao longo da súa vida. Unha fermosa despedida a un ano de actividades do Club de Ciencia.

Coñecemos o Monumento Nautral Costa de Dexo-Serantes

 

O luns 3 de xuño, ao acabar as clases, o alumnado de 1º da ESO marchamos no autobús para facer unha ruta guiada de sendeirismo polo Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes. Coñecemos os seus valores naturais, fixemos exercicio e gozamos da paisaxe. Así aprendemos que non fai falta ir moi lonxe para atopar lugares extraordinarios.

Coñecermos estes lugares é o paso fundamental para comprender a importancia da súa preservación. 

Compañeiras do mar e do ceo. Galicia, lugar clave para as aves mariñas

O sábado 11 de maio celebrábase o Día Mundial das Aves Migratorias. Para conmemoralo no noso centro, solicitamos ao CEIDA en préstamo a exposición "Compañeiras do mar e do ceo. Galicia, un lugar clave para as aves mariñas". Esta exposición foi deseñada, tal e como se recolle na propia web do CEIDA, co obxectivo de divulgar e coñecer e poñer en valor a importancia da conservación das aves mariñas.

Aproveitamos tamén a ocasión para expoñer os paneis que elaboramos no Club de Ciencias para a nosa participación no Día da Ciencia na Rúa o pasado 4 de maio.

Ambas as dúas exposicións estarán na entrada do noso CPI durante tres semanas. Animamos a todo o profesorado e alumnado a visitalas!

 

 

A nosa participación no Día da Ciencia na Rúa

O pasado sábado 4 de maio, o CPI Castro Baxoi estivemos participando no Día da Ciencia na Rúa. Levamos experimentos e xogos nos que o noso contorno próximo era o protagonista. Pasámolo moi ben!! Tamén aproveitamos para visitar a Casa das Ciencias e ir ao planetario. Deixámosvos algunhas das imaxes da xornada. Repetiremos seguro!

 

Obradoiro Horto Escolar coa Reserva da Biosfera

Continuamos con actividades pertencentes ao Club de Ciencias, neste caso os nenos e as nenas de primeiro de Primaria a semana pasada gozamos dun obradoiro para poñer en marcha o horto escolar. Para elo, contamos coa colaboración dos profesionais da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Grazas a eles aprendemos a acondicionar o terreo, abonalo e acolchalo para finalmente plantar diferentes verduras ou hortalizas como cebolas, porros ou feixóns verdes. Estamos desexando ver a colleita!

Saída á Praia da Ribeira

O luns día 15 algúns integrantes do Club de Ciencia aproveitamos as horiñas entre as clases da mañá e da tarde para facer unha excursión á Praia da Ribeira, onde coñecemos os segredos da zona intermareal. Aquí vos deixamos unhas imaxes da xornada.

 

En 1º de primaria comezamos a experimentar coa natureza plantando xirasoles

Desde a área de Ciencias da Natureza os  nenos e as nenas de primeiro de primaria comezamos a experimentar coa natureza. Para elo,  plantamos unhas sementes de xirasoles nun envase de iogur. Despois, colocámolas pretiño da ventá, onde está chegando moita luz e agora cada día estamos pendentes de regalas. Algunhas das sementes  xa están a xerminar!

Aprendemos a compostar con Down Coruña para reducir os residuos no noso centro

O pasado martes día 9 os nenos e a nenas de primeiro asistimos a un obradoiro levado a cabo por compañeiros/as da Asociación Down de Coruña. Franqui e os colegas ensináronnos como obter compost e como empregarmos un composteiro. Fixemos xogos e ata nos agasallaron cun imán moi chulo. Aprendemos moito e pasámolo xenial! Animádesvos a compostar na vosa casa?

 
 

Preparamos a nosa participación no Día da Ciencia na Rúa

Este ano participaremos no Día da Ciencia na Rúa alumnado tanto de primaria como de secundaria. Estamos a preparar uns proxectos moi interesantes para presentar. O día 4 de maio explicarémosllos a todas as persoas que queiran facernos unha visita na nosa haima no parque de Santa Margarita.

 

Distribuir contido