LETRAS GALEGAS 2022
A Real Academia Galega xa ten en marcha a nova edición de Primavera das Letras, dedicada a Florencio Delgado Gurriarán, protagonista do Día das Letras Galegas 2022. Na páxina web deste proxecto dirixido ao público infantil, primaveradasletras.gal, pode descargarse a biografía do autor escrita por Ledicia Costas e ilustrada por Blanca Millán.
O espazo irase enriquecendo con novas actividades interactivas, fichas para colorear e outros recursos arredor do universo vital e literario de Delgado Gurriarán, concibidos para abordar cos nenos e nenas tanto contidos lingüísticos e literarios como outros transversais.