O CEP Xosé Neira Vilas recibe o Selo de Vida Saudable
Con grande alegría, informamos de que o noso centro, o CEP Xosé Neira Vilas, foi distinguido co Selo de Vida Saudable na Resolución do 30 de xuño de 2024 da Secretaría de Estado de Educación pola que se concede o distintivo de calidade "Selo de Vida Saudable". Así aparece publicado no BOE núm.165 do 9 de xullo de 2024.
Este recoñecemento pon en valor o noso compromiso co fomento de hábitos de vida saudables entre o noso alumnado e a comunidade educativa en xeral.
Este selo representa o esforzo diario que levamos a cabo no centro por promover a educación para a saúde, a actividade física regular, a alimentación equilibrada e o benestar emocional. Son valores fundamentais que consideramos imprescindibles para o desenvolvemento integral dos nosos nenos e nenas, e este recoñecemento só nos anima a continuar traballando nesa liña con máis forza e ilusión.
A nosa vontade é seguir avanzando neste camiño, incorporando novas iniciativas e reforzando as accións que xa realizamos, sempre coa saúde e o benestar do noso alumnado como prioridade. Queremos compartir este logro con toda a comunidade educativa, cuxo apoio foi clave para acadar este obxectivo.
Agradecemos a todos e todas por contribuír a facer do noso cole un lugar onde a saúde é un piar fundamental da educación, e comprometémonos a seguir mellorando día a día.