Os nenos de 2º tíñamos pendente, na área de Ciencias Naturais, plantar lentellas no cole para velas xerminar. Propóñovos facer este sinxelo experimento na casa. O alumnado de 1º tamén pode facelo xa que as nosas plantiñas do cole cando voltemos estarán secas... :(
A actividade consiste en plantar unha ou varias sementes de legume, por exemplo lentellas, nun tarro de cristal ou de iogur onde anteriormente poñeriamos un pouco de algodón. Con esta actividade entenderemos o proceso e as partes que ten unha planta e ademais seremos responsables do coidado e o crecemento dela.
Qué necesitamos?
-Un bote de cristar, envase iogur, botella de plástico cortada...
-Lentellas (ou calquera outra legume que escollamos)
-Algodón
-Auga
Unha vez que temos todos os materiais poñemos un pouco de algodón no fondo e introduciremos a semente no algodón a uns dous cm da superficie. Regarase e poñerase nun lugar luminoso e cálido.
No prazo de dous ou tres días a semente irase inchando e xurdirán dúas follas pequenas, iso significará que a nosa planta xa brotou e o noso experimento foi un éxito.
A partir de aquí todos os días dedicaremos uns minutos para regar a nosa planta sempre con pouca cantidade de auga simplemente para mantela húmida e para observar o cambio e o crecemento das plantas (mellor facelo con un pulverizador para non encharcar)
Explicación: As plantas son seres vivos que necesitan da auga para crecer, primeiro sae a raíz da semente e despois vai crecendo o talo que é o que dá forma á planta e finalmente as follas. As plantas nacen, crecen e aliméntanse a partir do aire, da auga, dos nutrientes do chan e da luz do sol.É un proceso lento e debedes ter claro que levará un tempo ver a planta crecida e con follas. Asique paciencia!
Podedes sacarlle unha foto cada día para ver despois todo o proceso e tamén estaría ben anotar todos os cambios nun caderno.