Dende o noso centro cremos que é fundamental seguir impulsando as accións e a concienciación medioambiental, por este motivo, e dende que comezou o curso, non paramos!
Consideramos que a relación que temos as persoas coa natureza esixe cambios inmediatos que freen o dano que se está a ocasionar ao medio ambiente e ao noso planeta.
Conscientes de que o Nadal é unha data onde se consume moito e se mercan infinitos enfeites de Nadal decidimos crear adornos reciclados cos que puidemos decorar de forma sostíbel a nosa árbore de nadal.
En novembro da man de Tomás, axente das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, e máis concretamente do Seprona, participamos nunha xornada formativa sobre Protección da Natureza.
Ademais participamos en proxectos como Pilabot, ou o Plan Proxecta, concretamente o de Recíclate con Sogama. Coa nosa participación nos mesmos pretendemos que o noso alumnado sexa unha parte activa na xestión dos refugallos e que os nosos nenos e nenas actúen como axentes dinamizadores das boas prácticas ambientais na súa contorna familiar e social.
No centro temos convocado un concurso de fotografía medioambiental que está a resultar un éxito! Non só polo extraordinario material que estamos a recibir senón porque unhas actividades están a desencadear outras. Un exemplo é a familia do noso alumno Gael que aproveitou para recoller e reciclar o lixo que atopou namentres facía fotografías para o concurso. Non pode ser máis satisfactorio!