Skip to Content

VendasA: Entroido 2024

A continuidade da tradición está asegurada no Concello de Riós e é que o alumnado do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira comezou atendendo o xoves de compadres aos mandatos do Meco para dar comezo na semana seguinte ao noso tan agardado Entroido.

Durante semanas as nosas familias e o profesorado do centro traballaron con intensidade e con total implicación para confeccionar os disfraces que o noso alumnado debía lucir o día do Desfile Infantil.

Queremos dar infinitas grazas ás familias que con tanto agarimo dedicaron moitas horas a preparar unha nave espacial que, nalgún momento, nos fará chegar moi lonxe. Grazas de corazón!

Este ano foi un pouco triste para nós pois, por mor da borrasca Karlotta, o Concello de Verín viuse na obriga de suspender o Desfile Infantil de Entroido e aínda que foi aprazado para o seguinte xoves, desafortunadamente as condicións atmosféricas tampouco quixeron acompañarnos.

Pero tantísimas horas de traballo e ilusión non podían quedar esquecidas! A chuvia non nos botou atrás así que decidimos facer o Desfile de Entroido no pavillón e convidar a toda a Comunidade Educativa.

Os nosos nenos e nenas, que son os verdadeiros protagonistas, participaron no Desfile de Entroido acompañados polas súas familias e luciron os seus divertidos disfraces de foguetes, marcianos e astronautas. O desfile foi amenizado con música e é que as ganas de troula e emoción da nosa cativada eran moitas!!!

Coa ilusión de volver a comezar e preparar xa o disfrace do curso que vén, concluíu esta grande exhibición, que pese á chuvia, brillou con luz propia.

 

 



blog | by Dr. Radut