Skip to Content

Blogues

Información importante para bolseiros do servizo de comedor

É importante que leades a seguinte información aportada pola ANPA do colexio:

 

PREME AQUI PARA LER A INFORMACIÓN

Obradoiros da OSI

Sinal de tráfico que fala de tráfico ou de obrar con precaución.

Obradoiros da OSI (Oficina de Seguridade do Internauta)

Martes 24 de abril ás 19:00

Xa todas e todos sabemos que boa parte do alumnado ten contacto constante co mundo da Internet, dende as casas, cos teléfonos móbiles, no colexio, etc. Outros aínda non, porque son pequenos pero... non tardando moito aí estamos.

Preocupados polas graves consecuencias que podan xurdir sen as necesarias medidas de protección e coidado, tanto na casa como na rúa ou no centro, estamos a organizar uns obradoiros a cargo dun equipo experto: a OSI (Oficina de Seguridade do Internauta). 

Estas charlas terán lugar para as familias e para o profesorado no noso centro o vindeiro martes 24 ás 7 da tarde. Para o propio alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria será o día seguinte durante as clases.

Cómpre polo tanto pedirvos con insistencia que todas e todos participedes nestas sesións informativas o martes 24 dada a enorme importancia do tema  a tratar. Agardámosvos.

Hai xente que por descoñecemento, pensa que xa está todo controlado ignorando que o asunto é moito máis importante do que puidera aparentar. Para facervos unha pequena idea, deixamos a continuación un pequeno vídeo de mostra alusivo.

 

Nova edición da revista escolar. Curso 2010/2011

Ola de novo. Desta volta estamos aquí para anunciarvos unha nova edición da revista con moitas novidades como son o seu deseño e o seu formato integramente dixital.

Para acceder a ela poñemos aquí esta previsualización, e se facedes clic sobre ela poderedes lela nun formato máis comodo a pantalla completa.

Que vos guste.

Pé de media (e descrición alternativa): Módulo en formato flash para poder visionar o documento en formato PDF. Este documento é a revista dixital do colexio do curso 2010/2011. Ao facer clic sobre este documento pasa a visionarse en pantalla completa. De todos modos os textos que contén a publicación están conservados como tales a fin de poder ser escoitados por lectores de pantalla para persoas con discapacidade visual.

Día da paz: 'Imagine'

Nestes días que andamos aos líos co idioma, e remexendo na rede na procura dun video para usar nas aulas para o día da paz que xa o temos ahí, á porta (30 de xaneiro), atopei esta pequena xoia, unha pequena luz sobre un xeito de facer ben as cousas. Canción -Imagine- en lingua de señas da serie de televisión Glee.

O vídeo tomado de Youtube

Pé de media (e descrición alternativa): Un vídeo da serie norteamericana -Glee- coa canción de John Lenon -Imagine- representada por un grupo de rapazas e rapaces estudantes con diversidade funcional uns si e outro non, e todos eles signándoa coa lingua de señas toda a canción mentres a cantan. O rapaz principal que dirixe o canto sen moito afinamento, é xordo e nótase na súa voz, porén os seus compañeiros, que se van engadindo á canción, converténdose todo nun conxunto impecable.

Español, galego, inglés, pictogramas, lingua de señas... non debéramos estar para pelexar, estamos para incluír. Feliz día da paz!

Xandre e a resposta para Iago

A historia

Fai tempo tiñamos noticias dende a bitácora de TADEGa de que se premiaba o vídeo de Iago titulado Yo también tengo derechos. De todos modos, con premio ou sen el, este esforzo non cae en saco roto.

No noso centro, o alumnado de 2º curso de primaria aprendeu e serviuse de Xandre, o elefante sen sombra. Impactoulles e gustoulles moito, pero a cousa non quedou aí. Resulta que aquelo de comunicarmos con pictogramas resultaba algo moi abstracto que non acababan de entender moi ben pois nunca viviran unha experiencia similar nin coñecían a ninguén que precisase este sistema de comunicación.

Así pois non quedaba outra que puideran coñecer a alguén que empregase este sistema comunicativo, polo que lles amosamos o vídeo de Iago no que se pode ver con moita claridade como o usa e precisa comunicarse con el.

Unhas cousas levan a outras, e o alumnado pediu darlle resposta a este rapaz usando o seu mesmo idioma. Así que armado cunha cámara de vídeo e imprimindo e preparando os pictogramas correspondentes, aquí tedes o resultado da resposta para Iago. (E polas noticias que temos parece que lles gustou moito.

Unha aperta moi moi grande para Iago, para a súa nai, e para estas rapazas e rapaces do CEIP Sal Lence de A Coruña que moito se acordan del, e que xa o queren coñecer.

A resposta do CEIP Sal Lence, A Coruña

Pé de media (e descrición alternativa): Un vídeo coa montaxe audiovisual do alumnado do CEIP Sal Lence da Coruña, en resposta a Iago polo seu vídeo. Nel podemos ver e escoitar o proceso que se seguiu así como a parte principal na que o alumnado deste 2º curso de primaria respota a Iago con audio, subtítulos, pictogramas e xestos.

O conto de Xandre, o elefante sen sombra

Pé de media (e descrición alternativa): Conxunto de actividades interactivas multimedia entre as que se inclúe o Conto Xandre, o elefante sen sombraXandre, o noso protagonista naceu sen sombra. Neste conto acompañarémolo cos seus amigos e amigas a resolver este conflicto. Se optades pola opción estándar do conto, lembrádevos de facer clic co rato no triángulo amarelo que está a pé de páxina para así escoitar o texto do conto en audio en cada páxina.

Enlaces de interese

 


Distribuir contido


by Dr. Radut