O noso centro foi creado segundo a Orde Ministerial de 16 de maio de 1970, comezando a funcionar en marzo de 1972. Situado no lugar de Bormoio, na parroquia de Augalada (Concello de Coristanco), dista 12 quilómetros da capital comarcal (Carballo) e 45 da capital provincial (A Coruña). Actualmente recóllense alumnos/as das seguintes parroquias: Agualada, Castro, Ferreira, Cuns, Nantón e Rioboo; estas dúas últimas pertencen ao Concello de Cabana de Bergantiños.
O edificio actual dista moito da primeira construción, xa que ao longo destes máis de 30 anos de historia, foron engadíndose 2 aulas e un laboratorio nun primeiro momento, e posteriormente outras 5 aulas, unha delas destinada a Educación Musical, que podería funcionar tamén como sala de audiovisuais. Ademais, contamos cun ximnasio cuberto, comedor e biblioteca, facendo un total de 1.500 metros cadrados edificados.
O nivel socio-económico e cultural no que se enmarca o noso centro é medio-baixo, destacando a base agraria da economía reforzada por unha forte emigración (especialmente a Suiza e Alemaña) e un progresivo abandono do medio rural cara aos centros urbanos máis próximos (Carballo e A Coruña, principalmente). Destaca tamén a ausencia de infraestruturas industriais e empresariais de consideración, polo que a maioría da poboación debe desprazarse a outras localidades para traballar.
Do mesmo xeito, a localidade atópase escasamente dotada de servizos educativos complementarios (academias, asociacións...) ou elementos culturais (cines, teatros...).
Resulta especialmente significativo o elevado número de persoas maiores de 65 anos, cunha taxa de mortandade moi superior á de natalidade, coa conseguinte perda de alumnos/as matriculados/as no centro ano tras ano.
No aspecto lingüístico, o galego é a lingua materna e vehicular da práctica totalidade da poboación.