Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
Celebración de Nadal
Dise que as vacacións son para desconectar e mirade se desconectei eu nas vacacións de Nadal, que ata me esqueceu publicar unha entrada na web sobre o que fixemos para celebrar a fin de trimestre na escola!
Tamén se di que máis vale tarde ca nunca (ou moi tarde, coma neste caso ), así que vouvos contar o que fixemos durante esa xornada, porque non ten desperdicio.
Comezamos a mañá xogando a rol. Un xogo de rol é un xogo interpretativo-narrativo no que os xogadores asumen o papel de personaxes imaxinarias ao longo dunha historia ou trama na que interpretan os seus diálogos e describen as súas accións. Non hai guión a seguir, o desenvolvemento da historia queda por completo suxeito ás decisións dos xogadores e aos resultados das tiradas de dados. Deste xeito, a imaxinación, a narración oral, a orixinalidade e o enxeño son primordiais para levar a cabo o xogo. En resumo, consiste en imaxinar ser unha personaxe que en realidade non son, polo tanto é a versión avanzada de xogar a mamás e papás, a policías e ladróns ou a indios e vaqueiros que todos os nenos e nenas xogan cando son pequenos.
Neste caso xogamos a Magissa, un xogo de rol de fantasía para nenos e nenas. Nas semanas previas, creamos as personaxes na clase. Ademais de escoller a raza (humano, elfo, unicornio, anano...) e a clase ou profesión (mago, sandador, explorador, pícaro, guerreiro...) para a súa personaxe, debían debuxar o seu aspecto e redactar unha historia na que explicaran a súa personalidade e o seu trasfondo.
Por fin, despois de tantos preparativos, puidemos levalo a cabo na aula e darlles vida a esas personaxes grazas á axuda de Rebeca e Javier, pais de Darío, e tamén de Laura e de Juanma. Os catro, xunto comigo, fixemos de masters ou directores de xogo e guiamos a cada grupo de alumnado na súa aventura. Moitísimas grazas aos masters, xa que sen a vosa axuda sería imposible implementalo na clase.
O xogo foi un éxito! A gran maioría de rapaces e rapazas quedaron encantados coa experiencia e xa me están a preguntar cando imos seguir e para min foi unha gran sorte poder facer esta actividade na aula.
Despois do xogo, tocaba celebrar o fin de ano ataviados coas nosas mellores e máis brillantes galas e tomar as uvas ao ritmo das badaladas, mentres tres presentadoras un pouco tolas facían algo o parvo para entreter ao alumnado e familias presentes.
Por último, tivemos unha visita moi especial: nin máis nin menos que Papá Noel, que parou en Centieiras para escoitar os desexos dos nosos nenos e nenas e darlles un agasallo antes de visitalos a cada un e cada unha nos seus fogares.
E así de felices marchabamos de vacacións de Nadal. Agora xa estamos de volta coas pilas ben cargadas e traballando a pleno rendemento.