Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

5 de decembro, Día da Diversidade en Centieiras

O día 3 de decembro conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Hoxe, luns 5 de decembro fixemos a nosa conmemoración especial na escola para reflexionar sobre a importancia de valorar ás persoas con distintas capacidades e a diversidade.

Para isto, comezamos lendo o conto O Cazo de Lorenzo. Lorenzo é un neno que está permanentemente atado a un cazo vermello do que non se pode desprender. Este cazo é un símbolo metafórico que utiliza a autora, Isabelle Carrier, para representar as necesidades especiais de Lorenzo. Trátase dunha historia conmovedora dun neno que aprende a superar as dificultades que atopa no seu día a día.

Despois falamos e reflexionamos sobre o conto e os nenos e nenas escribiron as cousas que lles custan e as cousas que lles axudan a superar estas dificultades.

Para rematar a nosa conmemoración, vimos un vídeo de pintores que pintan co boca e cos pés e nós tamén quixemos probar a pintar coma eles e comprobamos o difícil que é!

 

Con esta actividade foron conscientes da dificultade e o afán de superación destes artistas que non teñen brazos, pero que con esforzo e tesón conseguen o seu soño de ser pintores e pintoras e fan uns cadros impresionantes. Polos corredores e escaleiras do cole podedes desfrutar das obras de arte pintadas coa boca e cos pés polos nosos rapaces e rapazas. Fixérono xenial!