Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

O venres que 25 de novembro conmemoramos na escola o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Foi unha xornada moi completa na que fixemos unha chea de actividades: vimos un vídeo sobre a violencia de xénero dixital e falamos sobre el, xa que nos fixo reflexionar e debatir sobre diversas cuestións. Despois, escribimos unha mensaxe positiva e unha negativa, que tiramos ao lixo para simbolizar que rompiamos a cadea da violencia de xénero dixital.

Gatiza tamén se vestiu de violeta para a ocasión e mirade que decoracións tan preciosas fixo o equipo artístico da ANPA. Non deixan de sorprendernos coa súa creatividade!

A continuación, asistimos a unha representación teatral a cargo da clase de 6º A, que fixeron unha adaptación do conto Artur e Clementina de Adela Turin. Nesta historia, o afecto e a ilusión que caracterizan o inicio da relación entre Artur e Clementina, acaban converténdose en monotonía e prisión. Clementina non se sente realizada, libre e feliz; a súa parella subestima as súas cualidades e ridiculiza as súas aspiracións. En vez de ofrecerlle comprensión e respecto, a actitude de Artur anula a súa personalidade e xéralle unha dinámica de dependencia, ao sobrecargala de obxectos materiais que non satisfan a súa ansia de desenvolvemento persoal.

As rapazas e rapaces de 6º A fixeron unha adaptación moi boa da historia e sorprendéronnos coas súas dotes para o teatro. Noraboa, rapazas e rapaces!

Despois do teatro, tocounos tecer no tear montado no patio especialmente para a ocasión.

Finalmente, despois do recreo, fomos á biblioteca, xa que alí nos agardaba un espectáculo de maxia para a igualdade de Magia en la Manga. O espectáculo foi marabilloso, moi divertido e sorprendente. Ademais, Salvador e Daniela foron axudantes especiais dos magos, vaia sorte!

Foi un día moi completo, cunha chea de actividades divertidas e interesantes, pero o máis importante é que todas e todos sexamos conscientes da importancia de acabar coa violencia contra as mulleres.