Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Simulacro de incendio

Hoxe, xoves 20 de outubro, mentres estabamos en clase, soou a alarma de incendios da escola. Houbo uns segundos de nerviosismo, pero rapidamente o alumnado de quinto soubo como había que actuar, xa que recentemente tivemos unha sesión de formación na aula para refrescar a memoria.

As dúas responsables, Ariadna e Xantal cumpriron os seus cometidos á perfección: Ariadna achegouse de inmediato á porta e tocouna con coidado para comprobar se a porta estaba quente. Como a porta non queimaba, soubemos que podiamos saír con tranquilidade da clase, posto que o lume non estaba do outro lado da nosa porta.

Pola súa banda, Xantal comprobou que as ventás da clase quedaran pechadas, para evitar que entre aire e avive o lume. Mentres, o resto do alumnado xa estaba formando unha fila para saír do edificio do xeito máis ordenado posible. Houbo que recordarlles, iso si, que debiamos baixar en silencio para poder escoitar en caso de que alguén estivera pedindo axuda. 

Xantal rematou a súa tarefa á perfección, saíu de última na fila, colleu a cadeira máis próxima á porta, pechouna e colocou a cadeira no corredor diante da nosa clase. Facemos isto para indicarlles aos servizos de emerxencias que esa aula está baleira e así non perden tempo buscando en todos os espazos do centro, en caso de que ao facer o reconto total, xa fóra do colexio, falte alguén. 

Baixamos polas escaleiras con orde e paso rápido e fomos ata o lugar designado para poder facer o reconto de alumnado. Vinte e tres, estabamos todas e todos a salvo, menos mal!

Ao pouco chegou o camión de bombeiros coas luces e a sirena acesas. Tiveron que acceder ao colexio por unha ventá usando a escaleira para sacar a dous alumnos que quedaran dentro. Os dous nenos foron recibidos con aplausos cando un bombeiro os trouxo co resto de compañeiros e compañeiras.

O alumnado de quinto actuou moi ben na evacuación, demostrando que están preparadas e preparados para actuar en caso dunha emerxencia real. Bravo, rapazas e rapaces!