MINIOLIMPÍADAS NA PRAIA

MINIOLIMPÍADAS NA PRAIA 

Estes días aproveitando o bo tempo e para rematar este curso, baixamos ata a praia da Banda do Río para celebrar as nosas particulares Miniolimpíadas de Papirus.

Os días previos confeccionamos o facho olímpico, que nos ía acompañar no noso camiño, e as bandeiras, que nos axudaron a organizarnos por equipos mesturando idades e cursos (os aros olímpicos, de cor branca; a candea olímpica, de cor amarela; o caldeiro olímpico, de cor vermella, e as mascotas, Les Phryges, de cor azul). Tamén preparamos coroas de oliveira para os participantes pola súa colaboración, esforzo e ilusión.

Finalizados todos estes preparativos, xa só nos quedaba achegarnos ata a praia para gozar das distintas probas que tiñamos que realizar: lanzamentos de vortex ou xavelina, salto de lonxitude, remudas con entrega de testemuño e dobres con raquetas. Unha vez que todxs pasamos polas catro probas, demos por clausuradas as nosas Miniolimpíadas coa entrega das coroas de oliveira.

Para rematar, fixemos unha recollida selectiva de todo aquilo que atopamos pola praia e que non forma parte da natureza como plásticos, papeis, cartóns, botes, cristais, latas... para poder seguir gozando deste espazo o maior tempo posible.

Esperamos que desfrutarades da convivencia porque ese era o noso obxectivo, aprender convivindo deixando de lado a competitividade que moitas veces nos desborda. Grazas aos titores pola súa colaboración e a Lina e a Suso pola súa paciencia. E con isto damos por rematado un ano olímpico.

 

BO VERÁN!