Saídas
VISITANDO PONTEVEDRA
Enviado por Anónimo o Mér, 06/11/2019 - 23:10Os alumnos e alumnas de 3º realizaron hoxe unha saída a Pontevedra que na que lles deu tempo de salvar o mundo e investigar obras de arte por todo o Museo Provincial.
En primeiro lugar asistiron a unha obra de teatro titulada Gaia na que, ademais de gozar coa danza contemporánea, repasaron algúns contidos dos que se están a traballar na clase: as características da Terra, os seus movementos, a atmosfera... Grazas aos nosos coñecementos descubrimos a clave para salvar o planeta: as 3R (reducir, reutilizar e reciclar).
E, como non, tamén tiveron un ratiño para recargar as pilas e para dar un breve paseo por Pontevedra.
Despois dese pequeno descanso tocoulles traballar un pouco máis, neste caso convertíndose en detectives da arte no museo. A verdade é que non se lles deu nada mal. Percorreron varias salas aprendendo sobre cadros, esculturas e xéneros artísticos.
Que ben o pasaron!
UN COMEZO DE CINE CO FIC
Enviado por Luisa Vidal Fraguas o Dom, 15/09/2019 - 12:50Como vimos facendo nos últimos anos, estes primeiros días de curso todo o alumnado do noso centro asiste, por quendas, ao Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.
O FIC ofrécenos, na súa duodécima edición, un completo programa que inclúe a proxección de máis dun cento de curtas e múltiples actividades paralelas.
Os máis pequenos/as do cole asistiron á proxección de 7 curtametraxes de diferentes nacionalidades e seleccionadas especialmente para eles na Sección Irmandade.
O alumnado de 1º, 2º e 3º gozou dunha selección de curtametraxes dentro da Sección Infantil, composta tamén de 7 títulos, con temática e procedencia variada.
Os maiores do coles 4º, 5º e 6º visionaron 6 curtas dentro da Sección Xuvenil, tamén de procedencia e temas variados e axeitados as súas idades.
Ao remate das sesións Infantil e Xuvenil houbo un pequeno coloquio sobre as curtas a cargo do persoal organizador do evento.
Dende o CEIP Plurilingüe A Pedra queremos agradecer a invitación e a fantástica organización coa que nos sorprende cada ano o FIC. Ademáis, destacar a boa selección de curtas proxectadas en todos os niveis.
Agardamos seguir asistindo ás seguintes edicións do Festival.
![Saídas Distribuir contido](/centros/ceipapedra/misc/feed.png)