Blogues

NELAS TEMOS QUE CRER

Grazas a iniciativa de Elsa, mestra de música, á dinamización do Equipo de Normalización lingüística e a colaboración de todo o alumnado do cole, fixemos esta canción que leva por título:

NELAS TEMOS QUE CRER

Deste xeito conmemoramos o 25 DE NOVEMBRO pero sobre todo lembramos que hai moitas mulleres que seguen sufrindo violencia polo feito de seren mulleres.

Cada verso da canción foi realizado por unha aula do centro e a música foi composta por ELSA.

 

25 DE NOVEMBRO

O venres 24 de novembro o alumnado de 2º reuniuse para reivindicar a construción da convivencia entre as persoas e dicir un NON claro e rotundo a violencia contra ás mulleres. Para tomar conciencia deste problema social o alumnado leu historias de mulleres que loitaron polos seus dereitos ao longo da historia, visualizou vídeos con esta temática e cantou a canción de Rozalén "LA PUERTA VIOLETA" ilustrando a súa mensaxe de maneira comprensible e creativa, podedes ver os seus traballos no vídeo premendo na imaxe.

 

Ademais aportamos un verso e un vídeo para unha canción colaborativa e de denuncia que cantamos xuntos "NELAS TEMOS QUE CRER" baixo a dirección de Elsa, profe de música do centro. Se premedes nesta imaxe podedes ver o produto final.

   

 

MES DA CIENCIA EN GALEGO

Onte fomos á AULA DE CIENCIAS, xa que seguimos no mes da ciencia en galego.

Estivemos experimentando cos sentidos coas profes Rosa e Marta. Puidemos probar e tratar de adiviñar sabores e olores. Tamén tocamos un alfabeto Braille e deixamos a nosa pegada dixital nun papel. Ademais xogamos a descubrir obxectos só usando o sentido do tacto. Pasámolo xenial e aprendemos moito!

Podedes ver o vídeo premendo aquí:

EXPERIMENTANDO COS SENTIDOS

MAGOSTO 2023

O venres 17 celebramos o MAGOSTO en primaria. Foi unha mañá moi agradable xa que non choveu e puidemos gozar cos xogos tradicionais que nos prestou a Asociación Corredoiras. Despois, Ramón asou unhas moi ricas castañas que degustamos con moitas ganas.

Premede na palabra para gozar do vídeo!

 

MAGOSTO

EXCURSIÓN A PONTEVEDRA

O pasado 14 de novembro, martes, tivemos a primeira saída fóra de Bueu deste curso.

O noso destino foi Pontevedra, concretamente o teatro de Afundación, onde puidemos gozar dun espectáculo de percusión da man do grupo ODAIKO.  Pasámolo xenial e gustounos moito!

Ao rematar a actuación, deixáronnos merendar no vestíbulo do auditorio xa que fóra estaba chovendo. Como máis tarde parou a choiva, puidemos saír ao exterior e, acompañados das profes, achegámonos ao parque das palmeiras na Alameda de Pontevedra. Alí puidemos gozar dun raíño de sol que nos permitiu xogar un bo rato ata que foi a hora de coller os buses e volver a Bueu. Foi unha mañá fantástica!

MAGOSTO 2023

Un ano máis co “San Martiño trompos ao camiño”, ao noso colexio chega o Magosto con castañas asadas e xogos tradicionais que nos trae a asociación Corredoiras. O martes 14 foi a quenda dos máis pequenxs do cole, os de Infantil e o venres 17 foron os de Primaria os que estiveron de celebración. Así despois do recreo baixamos por cursos e fomos probando os distintos xogos que estaban espallados por todo o patio. Lanzamos, saltamos, rodamos, corremos, subimos, baixamos, compartimos unha mañá diferente chea de diversión e recordos doutra época. O tempo tamén acompañou e despois de varios días chovendo sen parar, tivemos unha mañá soleada que deixou a Ramón que poidese asar as castañas que comemos quentiñas antes de recoller e marchar para casa.

 

Grazas CORREDOIRAS polos xogos e o voso tempo.

 

 

MAGOSTO 2023

O pasado venres celebramos no cole o Magosto.

 

Despois dun mes sen parar de chover, amenceu un día perfecto.

 

As castañas estaban boísimas pero o máis divertido foron os xogos tradicionais que desfrutamos grazas a ASOCIACIÓN CORREDOIRAS de Bueu.

 

No seguinte vídeo poderedes ver imaxes deste día de festa.

 

 

No seguinte poderedes observar momentos divertidos:

 

XORNADA DE CONVIVENCIA NO CENTRO JUAN XXII DE CANGAS

O alumnado de cuarto visitamos este pasado xoves  O CENTRO JUAN XXIII DE CANGAS.

 

Ao chegar, asistimos a unha charla de concienciación na que Tere, directora do centro, nos falou de diversidade pero tamén de igualdade e de dereitos.

Despois leváronnos a coñecer as instalacións e de paso aos usuarixs. Comprobamos que o obxectivo principal é que acaden autonomía. Fan tarefas do fogar,  simulacións de compras co manexo do diñeiro. Tamén traballan como carpinteiros,  elaborando alfombras e bisutería ou etiquetando produtos, reciclando papel …

 

Así mesmo teñen clubs  de lectura,  obradoiros de memoria, cociña  ou de habilidades sociais.

Pasamos despois aos obradoiros. Aínda que había 8, tivemos que elixir dous porque non nos daba máis tempo. Dividímonos en grupos de seis.

1.      OBRADOIRO DE CARPINTERÍA E XOGOS DE MADEIRA

2.      OBRADOIRO DE MANIPULADOS e COMUNICACIÓN EN L.S.

3.      OBRADOIRO DE MEMORIA

4.      OBRADOIRO DE EUROS E COCIÑA

5.      MANTENIMENTO FISICO e RELAXACION MULTISENSORIAL

6.      OBRADOIRO DE MANUALIDADES e BISUTERIA

7.      OBRADOIRO DE EMOCIONS

8.      OBRADOIRO DE EXPERIMENTOS DE CIENCIA

Non hai palabras para describir tanta emoción, admiración e agradecemento.

Tivemos tempo para merendar e compartir xogos populares que constrúen alí.

Ao rematar volvemos xuntarnos con Tere. A primeira  pregunta  foi o que máis nos gustou e unha compañeira respondeu inmediatamente:

O QUE MAÍS ME GUSTOU FORON AS PERSOAS!

Soubemos de discapacidade intelectual pero sobre todo de  capacidades diversas.

CANTO APRENDEMOS!

Para finalizar fixemos a entrega de medallas olímpicas, que antes fixeramos con todo o noso amor no cole.

Para finalizar fixemos a entrega de medallas olímpicas, que antes fixeramos con todo o noso amor no cole

No seguinte vídeo poderedes ver as imaxes e  comprobar o emotiva que foi esta experiencia.

No seguinte vídeo atoparedes anaquiños das vivenzas deste inesquecible día.

MILLÓNS DE GRAZAS

OBSERVANDO O TEMPO

Durante esta semana, o alumnado de 5º observamos o tempo na caseta meteorolóxica e realizamos medicións de temperatura e precipitacións. Encántanos atopar auga no pluviómetro!

MES DA CIENCIA: OBRADOIRO SOBRE A AUGA

O pasado venres, 10 de novembro, o alumnado de segundo e cuarto de primaria tivemos a sorte de asistir a un obradoiro sobre a auga.

Este obradoiro está enmarcado dentro da celebración do mes da ciencia en galego.

O alumnado de cuarto ademais estamos a piques de empezar un proxecto sobre a auga.

Loreto, científica de AUGAS DE GALICIA, explicounos cousas moi interesantes, pero o que máis nos chamou a atención foi que as inundacións son fenómenos naturais e que ademais son beneficiosas para o propio río e para os terreos que están na súa beira.

O problema é que se construíu onde debería haber vexetación e que ademais se desviou o leito de moitos ríos.

Con Loreto fixemos ademais algún experimento e xogos.

Clicade na imaxe para ver imaxes dese día.

Distribuir contido