Blogues

LIBROS Á SOLTA

Prezadas/os nais, pais, familias:

Con motivo do Día do libro, dende o EDLG queremos  propoñer unha actividade inspirada no movemento " BookCrossing" e que nós  denominaremos  "Libros á solta".


A nosa proposta vai destinada ao alumnado de 5º e 6º e é de carácter voluntario. Consiste nun intercambio de libros nuns puntos quentes debidamente identificados no exterior e no interior do centro. Dito intercambio terá lugar na hora de ler e levarase a cabo durante o mes de maio.

Cada alumno e alumna que queira participar, deberá traer un libro da súa casa, usado pero en bo estado, lembrade que este libro non se recuperará, pero sí poderán quedar con outro dos depositados en calquera dos puntos de solta.


 


Grazas pola vosa colaboración.

Equipo de Dinamización de Lingua Galega

ESCOLA DE NAIS E PAIS

Estimadas nais, pais, familias,

O vindeiro luns 6 de maio de 2019 ás 16:30h., terá lugar na biblioteca do centro o 1º encontro de escola de nais e pais. Poderemos asistir á charla impartida pola pedagoga Mercedes Urbiola sobre unha temática que, sabemos, de interese de todas e todos nós: “Disciplina positiva

Agardamos contar coa vosa presenza e participación neste 1º encontro que se realiza no CEIP A MAÍA, organizado pola Consellería de Educación, o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), a ANPA CEIP A MAÍA e coa colaboración do Concello de Ames.

No día do libro: unha porta, unha aventura!

Para conmemorar o  Día do libro que se celebrou o 23 de abril, o Equipo de Dinamización da Biblioteca propuxo  que cada clase decorase a súa porta como se fose a portada dun libro. Pequenos e maiores traballaron para transformar as súas portas. Eles e elas foron os que escolleron os libros para traballar... Esta montaxe ofrece unha visita por tódalas portas do colexio de primaria e infantil. (Para ver a entrada completa entrade na Web da Biblioteca)

Como nas portadas dos libros, cada porta ofrece unha historia e moitas aventuras. Pasade!

ADMISIÓN 2019_20: LISTAS PROVISIONAIS

Todo o alumnado que presentou a solicitude de admisión neste centro resultou admitido.

 

Publicación da lista definitiva: 14 de maio

Lembren que en xuño, do 20 ao 30, terán que formalizar matrícula.

 

Bertamiráns, 24 de abril de 2019

Día do libro: unha porta, unha lectura!

   O Equipo de Dinamización da Biblioteca propuxo para conmemorar o  Día do libro que se celebra hoxe 23 de abril, que cada clase decorase a súa porta como se fose a portada dun libro. Pequenos e maiores traballaron para transformar as súas portas.

  En esta montaxe xa podedes ver como quedaron as portas de infantil. (en breve subiremos as de primaria)

Un traballo de interiorismo dos alumnos de 6º: MAQUETAS

   Os alumnos e alumnas de 6º realizaron estas MAQUETAS DAS HABITACIÓNS. Un traballo de "interiorismo" no que non esqueceron ningún detalle!. Ampliade a pantaia completa para apreciar o traballo realizado en cada unha. As maquetas están expostas no corredor do 2º andar. 

 

 

 

Anxela Loureiro: "Choiva de ras" na Maía

O xoves 28 de marzo os alumnos de 3º de primaria recibiron a visita de Ánxela Loureiro. A súa obra“Choiva de ras” foi a que traballaron os nenos nas clases cos seus titores e trátase dunha ventura protagonizada por animais, chea de música e humor, que afonda nos valores da amizade, a solidariedade e o respecto. Ánxela deleitounos coa súa guitarra tocando as canción do libro.

Ver máis información sobre a escritora e a súa obra no blog da Biblioteca.

 

Aviso importante: peche da pista cuberta

 

Estimadas nais, pais, familias

Nunha sesión de claustro celebrada onte, decidimos por unanimidade adoptar unha medida cautelar para a protección do noso alumnado.  Despois de varios avisos ao Concello para que arranxe o cerre da alambrada da pista cuberta, e estando neste momento á espera de que o fagan, decidimos suspender toda a actividade neste espazo por consideralo altamente perigoso.

Temos resposta por parte do Concello de que as obras de substitución deste peche iniciaranse esta semana. 

Presentación do monográfico sobre Servizos Complementarios

 

Este mércores 20 de marzo teremos a presentación do monográfico da Revista Galega da Educación, de Nova Escola Galega, sobre Servizos complementarios. Será ás 19:00 horas no comedor do CEIP A MAÍA.

Como sabemos que é un tema do voso e do noso interese, estades todos convidados.

 

 

 

Esther Pedrosa: unha muller para o deporte!

   A semana pasada tivo lugar na biblioteca do centro unha charla da atleta galega Esther Pedrosa para 5º e 6º, organizada polas titoras de 5º, co gallo da conmemoración da Día da muller traballadora.

Nada en Santiago é unha das mellores atletas galegas de todos os tempos. Esther é deportista en activo, nai de outra atleta, e traballadora da USC onde exerce de técnico de deportes.

 Ten unha brillante traxectoria deportiva na que destacan:

O campionato de España gran fondo 20 km en 1986

Cinco subcampionatos de España en 10000 e 3000 m

Cinco medallas de bronce en distintos campionatos españois

Tamén participou con brillantez en múltiples copas e campionatos internacionais.

  Este sábado recibiu o premio a mellor atleta máster española, como recoñecemento anual aos mellores do atletismo español.

  Premede nas imaxes para ver as fotos da súa visita e charla cos de 5º e 6º.

 

Distribuir contido