Skip to Content

Secretaría

OS CANS DA GARDA CIVIL VISITAN O COLEXIO

 

O Servizo Cinolóxico e Remonta (SECIR) da Garda Civil ten como misión preparar e dirixir aos equipos caninos en diferentes especialidades. Os cans da Garda Civil apoian ás unidades operativas do corpo en servizos coma a busca de persoas desaparecidas, rescates en montaña, intervención en catástrofes, localización de drogas e explosivos e outras actividades nas que axudan a obter mellores resultados.

O pasado dia 12 de maio, o alumnado de 6º gozou dunha experiencia inesquecible con catro destes cans, acompañados dos seus adestradores, nas instalacións do colexio.

Picando na seguinte imaxe pódese ver un vídeo sobre a actividade.

 

EXCURSIÓN: O ALUMNADO DE 1º DE PRIMARIA VISITA "A CASA DO PATRÓN"

 

O pasado día 9 de maio, o alumnado de 1º de educación primaria visitou “A Casa do Patrón”,  na aldea de Codeseda (Lalín). A Casa do Patrón é o museo Etnográfico máis importante de Galicia,  con trece salas organizadas por temáticas, con máis de 4500 pezas que amosan as nosas tradicións, os oficios galegos, a casa, a escola, a taberna, os telares, et. Ademais, teñen perfectamente organizadas diferentes actividades e obradoiros para escolares de tódolos niveis.

Pódese ver un vídeo da experiencia picando na seguinte imaxe.

 

ENQUISA SOBRE A CONVIVENCIA ESCOLAR

 

Como continuidade á Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, a Consellería de Educación  ten en marcha a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, que contempla o seguimento e avaliación da convivencia escolar en Galicia mediante a realización dunha enquisa bianual nos centros educativos e a elaboración do posterior informe de diagnose.

Poden participar na enquisa para valorar a convivencia escolar os seguintes colectivos:

•Alumnado: todo o alumnado a partir de 5º de Educación Primaria (5º e 6º de Primaria, ESO, FP Básica, Bacharelato, Formación Profesional, Ensinanzas de Persoas Adultas, Ensinanzas de Réxime Especial, etc).

•Profesorado: todo aquel que imparte docencia no centro educativo durante o curso académico completo.

•Persoal non docente: todo o persoal non docente do centro educativo.

•Familias: todas as familias responsables de alumnado con idades comprendidas entre os 3 e os 18 anos, cubrindo un cuestionario por familia e centro educativo.

A recollida de datos farase mediante unha ferramenta informática por internet, de xeito automatizado e totalmente anónimo. 

O Colexio fará chegar a todos e todas as persoas da comunidade educativa con dereito a participar na enquisa as claves de acceso á mesma e as orientacións para proceder. 

A aplicación informática mencionada leva o nome de ConvivenciaXestion e pódese acceder a ela mediante o seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/convivenciaxestion/

Dende alí poderase acceder ao cuestionario específico para cada colectivo (alumnado de primaria, profesorado, persoal non docente e familias), cubrilo e envialo.

 

O CONCELLO DE OURENSE CONVOCA AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO, MATERIAL ESCOLAR E PARA COMEDORES ESCOLARES PARA O PRÓXIMO CURSO 2023-2024

O Concello de Ourense vén de publicar a convocatoria de  axudas para a adquisición de libros de texto, material escolar e para comedores escolares, de cara ao próximo curso 2023-2024. 

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo día 15 de maio, luns (incluído).

Pódese obter información completa na seguinte ligazón: BECAS DO CONCELLO DE OURENSE PARA O CURSO 2023-2024

ADMISIÓN DE ALUMNADO PARA O CURSO 2023-2024: PUBLICACIÓN DE LISTAXES PROVISIONAIS DE ADMITIDOS

Dende o 25 de abril de 2023 están expostas no taboleiro de anuncios do centro as listaxes provisionais de admitidos e de excluídos para o próximo curso académico 2023-2024. Contra esta resolución poderase formular reclamación entre o 26 de abril e o 4 de maio ante o Consello Escolar do Centro.

As listaxes definitivas publicaranse o 15 de maio.

O prazo para a formalización da matrícula irá do 20 ao 30 de xuño. Na páxina web do centro poderase atopar toda a información na semana previa.

 

INAUGURACIÓN DE NOVAS INSTALACIÓNS DA BIBLIOTECA ESCOLAR: Biblio@.lab (Aula LIA)

 

O 28 de marzo tivo lugar a inauguración de un novo espazo da Biblioteca Escolar. Trátase de un espazo dotado de recursos educativos, fundamentalmente tecnolóxicos, pensados para a incorporación de novas formas de ensinar e de aprender: pantalla interactiva de última xeración, 25 ordenadores con conexión wifi a internet, impresora 3D, estudo de radio, espazo croma con telepronter e cámaras avanzadas para gravacións audiovisuais, kits de robótica, medios para a realidade aumentada, espazo de xogo con especial protagonismo para proxectos LEGO, et.

Asistiron á inauguración diversas autoridades: A Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Dona Judith Fernández, O Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Don Gabriel Alén, A asesora de Bibliotecas Escolares de Galicia en Ourense, Dona Dolores Nieto, O Inspector Xefe de Educación de Ourense, A Inspectora do noso centro, entre outras.

No acto de inauguración un amplo grupo de alumnos e alumnas protagonizaron: a) a presentación do acto e das instalacións, b) unha breve demostracións de posibles actividades a desenvolver na aula e c) unha entrevista radiofónica a Don Gabriel Alén e a Dona Judith Fernández. A actuación de todo o alumnado foi realmente brillante.

Picando na seguinte imaxe pódese ver un video con fotos das novas instalacións e da inauguración das mesmas.

 

 

 

 Picando na seguinte imaxe poderase escoitar a entrevista completa a Don Gabriel e a Dona Judith en Radio Rosais.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut