Aquí tedes o texto coas normas do Comedor e do Plan Madruga da nosa escola, documentos que podedes descargar no final desta publicación en pdf. Lembrámosvos que os servizos son por e para conciliación familiar e para axudar ás vosas necesidades. O comedor non é unha gardería, é réxese polas normas internas do centro aprobadas polo Claustro, o Consello Escolar e recollidas no N.O.F e no Proxecto Educativo da escola.
NORMAS PLAN MADRUGA E COMEDOR ANPA CEIP PLURILINGÜE A FLORIDA
1. O horario do PLAN MADRUGA será de 08:00 a 09:30 horas. A hora de entrada será a partir das 08:00 h. (Sempre dependendo dos usuarios anotados).
2. A hora de saída do COMEDOR será ás 16:00 horas, momento no que se abrirá a porta de entrada á zona da entrada do comedor da escola e o alumnado será entregado polas monitoras ás súas nais, pais ou persoas autorizadas. Prégase a máxima puntualidade, pasados os 15 minutos de imprevistos o protocolo indica que se avisará a Policía Local para a recollida do/a alumno/a.
3. Se unha nai ou pai ten que recoller ao seu fillo/a antes da hora estipulada, deberá facelo previa comunicación xustificada. A porta de entrada estará pechada e deben tocar o timbre para acceder. Deixarase a porta sempre pechada para evitar que entre ou saia calquera sen consentimento.
4. Os pais do alumnado deberán facilitar á ANPA dous ou máis teléfonos de contacto, e o nome das persoas autorizadas para recoller o alumnado. As follas de autorización serán entregadas polas monitoras o 1º día de comedor.
5. Ningunha nai, pai ou familiar do alumno/a poderá entrar no local do comedor sen previa autorización segundo conta no regulamento interno do centro.
6. A empresa contratada procederá mensualmente á domiciliación do pagamento e ao control do mesmo, comunicando a ANPA puntualmente os posibles impagos. As familias que non estean ao corrente de pago se lles comunicarán ditos feitos.
7. As nais ou pais das/os filla/os que utilicen o comedor de forma esporádica deberán comunicalo á empresa contratada antes das 17:00 horas do día anterior, do mesmo xeito que se algún día non puidese acudir un fillo de xeito habitual para evitar irregularidades no suministro de comida.
8. Para a baixa no servizo de comedor dun alumno deberá presentar unha notificación por escrito á empresa contratada e nunca ao persoal que traballa no comedor.
9. Se unha alumna/o non está ao día no pagamento tras comunicación escrita e non se fai efectivo, procederase á baixa directa.
10. No momento de inicio do comedor despois de tocar o timbre de saída do horario do centro, unha monitora subirá a Infantil ás 14:20 para recoller ao alumnado do comedor e a outra velará do alumnado de primaria cando suba pola zona das escaleiras, no suposto de que houbesen máis de dúas monitoras distribuiranse as funcións indicadas.
11. Unha vez rematado o tempo de comedor as monitoras baixarán ao alumnado ás respectivas actividades extraescolares.
12. Todo o alumnado deberá levar ao comedor unha bolsa cos seus artigos de aseo e cepillo de dentes. Recoméndase que as nenas e nenos tamén leven un mandil. Todos os venres ou vésperas de festivos ou vacacións, levarán a bolsa á casa, entregándoa no comedor o seguinte día correctamente lavado.
13. Para facer uso do comedor e do plan Madruga debe ser alumnado do centro e ser socio da ANPA e estra matriculado no centro.
14. O alumnado estará vixiado polo persoal responsable do comedor en todo momento, tanto nas instalacións do comedor como nos patios ou pavillón. No caso de chuvia o lecer será no pavillón sempre acompañados por un responsable do servizo de comedor.
NORMAS DE COMPORTAMENTO NO COMEDOR
1. Antes de entrar no comedor, todos os comensais lavarán, secarán as mans e colocarán ordenadamente as súas pertenzas no seu espazo, mochila ou percheiro.
2. Os nenos solicitarán permiso para ir ao baño, evitando levantarse reiteradamente e sempre respetando as necesidades dos máis pequenos.
3. Procurarán comer todo o axeitado á cantidade da súa idade, evitando estragar a comida. Lembremos que debemos concienciar da importancia de non tirar a comida. O comedor é un servizo necesario para moitas familias non unha gardería.
4. Todos o alumnado comerá o mesmo, agás aqueles que precisen de dietas suaves ou menús “especiais” aconsellados polo médico correspondente. Circunstancia que deberá ser comunicada e acompañada de informe médico, comunicando ao servizo da empresa contratada antes das 17:00 horas do día anterior.
5. Queda terminantemente prohibido xogar, tirar a comida aos compañeiros e no chan verter auga adrede, nestes casos será advertida a familia para solucionar dita actitude, quedando nas normas do centro recollido o feito de non continuar no comedor se persiste dita actitude negativa. Son normas mínimas de educación.
6. As monitoras velarán para que ningún alumna/o saia do comedor sen ter comido polo menos unha parte do menú ou un dos dous pratos e o postre, sempre intentando un mínimo de comida sen ter que obrigar a elo, posteriormente comunicaráselle á familia o comido. O horario de coida será de 14:30 a 14:50 o primeiro prato. De 14:50 a 15:10 o 2º prato, e a franxa do postre será de 15:10 a 15:30. A partires das 15:30 todo o alumnado deberá disfrutar do seu tempo de lecer. O menú que non coma o alumnado se lle entregará á familia nun recipiente na recollida da nena ou neno.
7. O alumnado deberá respectar e obedecer as normas de convivencia así como as indicacións das monitoras que informarán aos pais se se producen incidencias durante a xornada, mediante unha folla de incidencias ou directamente na saída do comedor, nunca en público e sempre en privado. Reiterados avisos sen cumprir serán comunicados á Dirección do centro.
8. O alumnado deberá respectar o mobiliario e equipamento do comedor, evitando facer mal uso do mesmo e coidándoo. O comedor é un espazo máis do centro e réxese pola mesma normativa. Os danos no mobiliario e material ocasionados polo alumnado correrán por conta dos pais.
9. Os espazo de lecer do centro non permite o uso de xogos con balón como o fútbol, dispoñendo o comedor dun baúl de xogos para poder disfrutar dese momento con actividades moito máis tranquilas.
10. O alumnado ou persoal que incumpra ditas normas quedará sen dereito ao comedor e decidirá a ANPA e a Dirección do centro a sanción a impoñer.
11. As normas de convivencia da nosa escola aplicaranse igualmente nos espazos que sexan empregados nas actividades extraescolares, plan madruga ou comedor e que dependen do noso centro, así como o pavillón, os corredores, as escaleiras, as aulas específicas cedidas a outras actividades, o salón de actos, o comedor,etc. Empregarase un tono de voz axeitado a fin de crear un ambiente relaxado e tranquilo que favoreza o traballo que se está a facer e incluso no mobiliaro ou co material cedido que non poderá usarse sen consentimento expreso da Dirección. Neste caso deixarase todo recollido no seu sitio de xeito ordenado e reposto nas condicións iniciais. Isto inclúe ao alumnado e aos monitores e monitoras que son responsables de dita actividade. Se non se aplicaran estas normas sería motivo de cese da actividade ou de apercibimento aos responsables.