Participar nos cursos Platega
Protocolo para a participación nos Cursos Platega
Os cursos ofertados en Platega contribuirán ao desenvolvemento das competencias profesionais docentes establecidas pola Rede de Formación do profesorado galego. As persoas participantes nestes cursos guiaranse polo seguinte Protocolo:
- As persoas participantes en cursos Platega deben empregar a súa conta de correo institucional (++++++++@edu.xunta.gal) para a inscrición en Fprofe e realización dun curso na Rede. A vía oficial de comunicación é esta conta de correo sendo responsabilidade do ou da participante consultala coa frecuencia necesaria e mantela sempre operativa (contrasinal actualizado, cota de almacenamento non excedida…).
- A normativa que regula as actividades formativas na Rede atópase na Orde do 14 de Maio de 2013 e mais no plan anual de formación do profesorado. Calquera dúbida ao respecto debe consultarse coa persoa coordinadora do curso.
- A coordinación do curso é a encargada das cuestións administrativas do curso tales como a súa apertura e peche, baixas de participantes, atender en segunda instancia as solicitudes de revisión das cualificacións emitidas mentres o curso estea aberto e calquera outra de índole organizativo ou de certificación.
- A titoría encárgase de dinamizar os foros, resolver as dúbidas e consultas feitas nos foros do curso ou por mensaxaría interna, revisar e cualificar as tarefas, atender en primeira instancia as solicitudes de revisión das cualificacións emitidas.
- No momento da selección as persoas inscritas recibirán un correo no que serán informadas da súa situación:
- Seleccionado/a: deberán confirmar ou renunciar á súa participación no prazo indicado no correo electrónico. Despois dese prazo enténdese que a persoa renuncia á súa participación e o propio sistema (Fprofe) xestionará a renuncia. En caso de ter dificultades que impidan confirmar dentro do prazo será preciso poñerse en contacto coa persoa coordinadora do curso por correo electrónico.
- Non admitido/a: non poderán participar por ter xa superado o mesmo curso, non ter destino asignado, atoparse en situación de incapacidade temporal ou estar realizando outra actividade en Platega nas mesmas datas.
- Reserva: formarán parte da lista de reservas e poderán resultar seleccionadas nos días posteriores, polo que é importante consultar o correo de maneira frecuente.
- O día da apertura do curso recibirá a mensaxe de apertura da persoa coordinadora do curso na que atopará a ligazón ao curso. Recibirá tamén a mensaxe de benvida da persoa titora coas primeiras instrucións para comezar o curso.
- En Platega (https://www.edu.xunta.es/platega) deben entrar no curso canto antes e consultar a información, tarefas, contidos… así como a Guía do curso no módulo de presentacións, pois cabe a posibilidade de que fose actualizada.
- É imprescindible iniciar o curso presentándose no Foro de presentacións do curso durante os primeiros días do curso. De non facelo causará baixa e perderá o dereito a participar en actividades formativas durante o resto do curso escolar en aplicación do artigo 7.8 da Orde do 14 de Maio de 2013.
- Unha vez iniciado o curso os abandonos comunicados á titoría ou á coordinación e non xustificados debidamente provocarán a exclusión da actividade e a perda do dereito a participar en actividades formativas durante ese curso escolar.
- As comunicacións das persoas participantes coa coordinación ou coa titoría do curso realizarase a través dos foros de consultas e dúbidas do curso. En caso de necesitar algunha comunicación que non se considere que se deba compartir en tales espazos públicos, cando fale de situacións persoais ou privadas, utilizarase a mensaxaría interna do curso.
- Cando xurdan dúbidas ou problemas consultaranse os foros de consultas e dúbidas do tema correspondente. No caso de non atopar resposta ou solución engadirase un fío novo poñendo un título significativo, evitando títulos xenéricos, describindo a dúbida ou o problema con todos os datos necesarios. A titoría responderá por ese mesmo medio nun prazo máximo de 48 horas, salvo en fins de semana, festivos, vacacións. As persoas participantes poden, e deben, axudarse entre elas polo que calquera participante poderá responder as dúbidas ou problemas formulados polos compañeiros e compañeiras.
- As intervencións en foros, e en xeral no curso, deben ser respectuosas co resto de participantes. As comunicacións nos espazos públicos da aula virtual deberán ser orientadas á formación nas competencias obxecto do curso, e non se empregarán como medio de difusión de cuestións persoais, alleas á materia do curso.
- Envío, avaliación e cualificación das tarefas.
- As tarefas cualificables deben entregarse nos prazos establecidos na Guía do curso.
- Se despois da primeira avaliación e cualificación pola titoría non se acadase a máxima puntuación, poderase reenviar ata en dúas ocasións máis para revisala, mellorala, completala … seguindo as indicacións da titoría. Estes tres envíos realizaranse dentro do prazo asignado ao módulo correspondente; para facilitar isto evitarase o envío de tarefas nos últimos días dos prazos dos módulos e posibilitar, se procedese, o seu reenvío dentro do seu prazo.
- Unha vez rematado o prazo e se non se tivesen esgotados os tres envíos, poderase enviar unha vez durante a seguinte semana ao remate do módulo correspondente, sen posibilidade de novos reenvíos, salvo que a titoría o permita por non ter podido revisala no seu prazo debido á acumulación de tarefas para revisar coincidindo co final do módulo.
- Chegados ao final do curso a titoría poderá permitir o reenvío excepcional de tarefas que sumen un 10 % de puntuación total aos participantes que acumulen o 70 % sen chegar ao 80 % do total das puntuacións e deste xeito poder chegar á puntuación mínima para certificar a formación.
- Se no curso se realizasen tarefas, actividades, traballos... en grupos colaborativos atenderase aos prazos sinalados e colaborarase cos participantes do grupo para non prexudicar a ninguén.
- As tarefas e actividades presentadas deberán ser orixinais. Se se detectasen tarefas plaxiadas anularanse e perderase a súa puntuación correspondente a elas. No caso de que dúas ou máis persoas presentasen a mesma tarefa a sanción aplicarase a todas elas.
- Se no curso se realizasen “Obradoiros” de auto e coavaliación prestarase especial atención ás datas das súas fases de envíos e de avaliación, pois non respectar os seus prazos demora e prexudica a todo o grupo. Quen non entregase o seu traballo ou non realizase as coavaliacións nos prazos establecidos no calendario do obradoiro perderá a puntuación desa Tarefa.
- Reclamación das cualificacións das tarefas
- Cando unha persoa participante estime que unha cualificación recibida nunha das tarefas avaliables do curso ou no proxecto final non se axusta ao establecido nas especificacións do curso poderá solicitar a súa revisión mediante unha mensaxe dirixida á persoa titora na que xustificará o motivo.
- Se a titoría non respondese nun prazo de 48 horas, a persoa participante poderá solicitar a revisión de cualificacións obtidas nas tarefas perante a coordinación do curso mediante mensaxería ou correo electrónico.
- Recibirá a resolución da revisión da titoría. No caso de que a titoría ratifique a súa cualificación, a persoa participante recibirá unha xustificación da mesma. A coordinación do curso deberá recibir copia desta mensaxe co cal queda presentada perante a coordinación.
- Se a coordinación ratifica a cualificación e persiste a desconformidade, poderá presentala ante a dirección do CAFI en cafi@edu.xunta.gal
- Ao rematar o curso debería responder a enquisa en Fprofe, da que recibirá aviso no correo electrónico.
- O curso, tras o seu remate, permanecerá accesible aos participantes durante o curso escolar de celebración.
Departamento de educación dixital
Vostede é libre para:
- Compartir — copiar e redistribuir o material en calquera medio ou formato
- Adaptar — remesturar, transformar, recrear e crear obras derivadas sobre o material
...mesmo con finalidade comercial, baixo as condicións seguintes:
- Atribución— Debe dar o recoñecemento apropiado, fornecer un vínculo á licenza e indicar se se fixeron cambios. Pode facelo de calquera maneira razoábel pero non de maneira que poida suxerir que o licenciante o apoia a vostede ou o seu uso.
- Non comercial — Non pode utilizar este material para propósitos comerciais.
- Compartir Igual — Se vostede remestura, transforma ou recrea sobre o material, debe distribuír as súas colaboracións coa mesma licenza cá orixinal.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0