Titorizar en Platega
O labor titorial é fundamental na formación na Rede por ser o nexo humano entre o profesorado participante nos cursos e a Plataforma de formación. Por iso, é responsabilidade das titorías artellar un ambiente propicio á adquisición das competencias e desempeños programados nos cursos virtuais.
As persoas titoras dos cursos Platega deben ter competencia profesional docente para titorizar, especialmente nos aspectos específicos e singulares da formación na Rede e de Platega en concreto. Mediante o curso virtual Titorizar cursos Platega facilítase esta formación aos novos titores e titoras de cursos para Platega no estilo de titorización desta plataforma e nos seus usos específicos e características singulares. Así mesmo, empregarase para actualizar aos titores de cursos Platega. As persoas titoras deberán ter todos os desempeños das persoas creadoras de cursos amais dos propios da titorización, relacionados de seguido.
- As persoas titoras deberán ter competencia profesional para desenvolver estes desempeños:
- Revisa e actualiza un curso virtual.
- Actualiza a guía do curso.
- Revisa (e modifica se fose preciso) a configuración do Cualificador.
- Abre e pecha os módulos notificándoo no foro correspondente.
- Resolve dúbidas técnicas sobre o uso da plataforma.
- Configura foros para un debate organizado en subgrupos.
- Dinamiza e resolve conflitos nos foros de debate.
- Xestiona a comunicación no curso, individual (mensaxaría) e colectiva (foros)
- Revisa con regularidade a Zona de coordinación e mantemento e é proactivo na toma de decisións.
- En caso de traballar en conxunción con outras persoas titoras, toma decisións consensuadas sobre as actuacións e os criterios de avaliación que se van seguir.
- Fai un seguimento continuado da aprendizaxe do alumno, dende o inicio ata a finalización do curso promovendo o seu avance e o progreso empregando todas as ferramentas dispoñibles na plataforma.
- Avalía e cualifica tarefas devolvendo comentarios axeitados e personalizados dentro do prazo establecido, máximo 48 horas.
- Xestiona / controla as cualificacións dos participantes.
- Aclara as disconformidades dos participantes coas cualficacións.
- Elabora os informes do curso en Fprofe (seguimento e final).
- Dinamiza o curso nas redes sociais.
Cada curso terá asignado unha persoa coordinadora para asesorar e guiar a titorización.
Desenvolverán os seus labores seguindo o Protocolo para a titorización de cursos Platega
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0