Compartir igual (SA)
Infórmate
O número de persoas que crean obxectos dixitais educativos e os comparten na rede cunha licenza que permita reutilizalo, facer obras derivadas del, redistribuílo, ... é cada vez maior. Grazas a este traballo colaborativo e colectivo dispoñeremos de recursos cada vez mellores. Agora ben:
- Debe atribuírse o traballo feito a quen o fixo ou é lícito apropiarse de traballos alleos?
- Como podemos compartir as nosas creacións de maneira que se nos atribúa a súa autoría?
"Se ti tes unha mazá e eu teño unha mazá, e intercambiamos mazás, entón tanto ti como eu seguimos tendo unha mazá. Pero se ti tes unha idea e eu teño unha idea, e intercambiamos ideas, entón ambos temos dúas ideas"
George Bernard Shaw
Infórmate
Para que unha obra entre na esfera de protección da propiedade intelectual ha de ser orixinal, entendendo que unha obra é orixinal cando non foi copiada doutra e na que se probe a intervención do autor. O maior atentado contra a orixinalidade da obra é o plaxio, que consiste na apropiación dunha obra allea que o plaxiador a atribúe como propia. Non se trata de captar as ideas doutro e poñelas coas túas propias palabras nin en cometer un erro á hora de citar un autor, senón de "copiar e colar" unha obra enteira ou parte desta asumindo a titularidade desta. En moitas lexislacións o plaxio é un delito castigado con penas de prisión e os procedementos xudiciais por plaxio adoitan ter unha gran complexidade e repercusión social, ao afectar en moitos casos a persoas coñecidas polo público.
Teremos que resolver sobre o grao de protección outorgado a obra e decidir baixo que licenzas publicaremos o noso recurso, para permitir unha maior difusión e reutilización da obra servindo á comunidade en xeral. Aínda que sexamos o único creador do material que vai ser utilizado dentro da nosa actividade docente non temos que esquecer que nos une unha relación de tipo laboral ou funcionarial co centro no que exercemos docencia. Esta relación de dependencia e remuneración pola prestación de servizos implica unha cesión dos dereitos de explotación sobre as súas obras, entendéndose que dentro do salario se inclúen as contraprestacións económicas polo uso das súas creacións intelectuais. Normalmente a cesión efectúase para sempre, aínda que se extinguise a relación laboral. Se non se pactou nada se entende efectuada a cesión dun modo amplo, pero sempre terán preferencia os acordos ou pactos individuais. O autor non poderá facer uso das súas creacións para actividades distintas ás que foron creadas, a menos que conte co permiso do titular dos dereitos de explotación. Afecta isto a todo tipo de material creado por nós? Non, trataríase soamente daqueles materiais creados para desenvolver a nosa función docente habitual, non aquelas creacións extra académicas como por exemplo un libro escrito a título particular no noso tempo libre. Tamén está prohibido, salvo pacto, que o centro utilice esas creacións para fins distintos aos estritamente docentes.
Elaboraremos os nosos propios materiais, ben de xeito individual ou con outros docentes, mesmo coa colaboración dos alumnos ou de terceiros, alleos á institución educativa. Esta situación requirirá unha análise sobre os permisos que debemos pedir de terceiros propietarios das obras que se van incluír na nosa, caso de existir e as posibilidades que a lei nos ofrece para efectuar esta inclusión sen ter que pedir permiso nin pagar, como sucede co límite legal do dereito de cita.
Nesta animación Flash podemos estudar as compatibilidades entre licenzas CC (na última pantalla):
En principio pode parecer que a licenza CC BY-SA é moi restritiva por ser unicamente compatible consigo mesma, mentres que CC BY ou, máis aínda, a licenza PD (dominio público) deixan máis ou total liberdade. Pero o seu problema é precisamente este, que deixan demasiada liberdade, ata o punto de poder privatizar un ODE de dominio público. En efecto, podemos tomar recursos CC BY ou de PD incorporalos a un novo recurso e publicalo con licenza CC BY-NC-ND ou mesmo © (as licenzas CC BY ou PD nolo permiten) co cal un recurso que era libre pasa a estar baixo unha licenza moi restritiva. Polo tanto, podemos concluir que "...a BY é máis libre a BY-SA é máis xusta..." afirmación que resume moi ben as diferenzas entre ambas licenzas. O BY ou o DP son as que certamente xeran máis liberdade nos usuarios de recursos alleos, pero trátase de protexer tamén os dereitos de autor das obras ao mesmo tempo que se potencia a cultura libre e, neste aspecto, é mellor a BY-SA: permite un uso libre e obriga a manter libres as obras derivadas dela.
Para saber máis...
- [1] J. O. Castanedo, R. Luna P. Barberán Obra colectiva para a Rede Iberoamericana de TIC e Educación (RIATE) e o Instituto de Tecnoloxías Educativas (ITE).“Creaciones originales del docente”, [En liña]. Dispoñible: http://www.riate.org/version/v1/recursos/cursolicenciasnavegable/situaciones_con_las_que_puede_encontrarse_el_docente.html. [Consulta: 4-novembro-2013]. Licenza CC BY-NC-SA
- “Safe Creative: Registro de Propiedad Intelectual”, [En liña]. Dispoñible: http://www.safecreative.org/. [Consulta: 11-decembro-2013].
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0