Maletas viaxeiras: Lectura, Banda deseñada, Poesía

 

 

A Asesoría de bibliotecas escolares pon a disposición dos centros unhas maletas viaxeiras co fin de achegar, ao profesorado que as solicite, uns materiais que sirvan para reforzar e apoiar as súas propias iniciativas de formación no ámbito do fomento da lectura, e outras actividades destinadas ao alumnado. As maletas están a dispoñibles nos Centros de Formación e Recursos do Profesorado, e poderán solicitarse, en préstamo, a través da persoa asesora en materia de bibliotecas escolares.

  • MALETA DE LECTURA: contén unha selección de materiais recentes, ou non tanto, pero imprescindibles á hora de abordar as aprendizaxes en materia de lectura e de adquisición do hábito lector. Vai destinada ao profesorado (Grupos de Traballo, Seminarios, PFACs ou, simplemente, equipos de biblioteca interesados).
  • MALETA DE POESÍA: inclúe unha selección de libros de poesía infantil e xuvenil, para "abrir boca" e coñecer novas tendencias. Contempla textos poéticos destinados a adultos, dos que poderían extraerse algúns poemas para o seu tratamento cos rapaces e rapazas, e materiais específicos para os docentes. Fundamentalmente destinada ao profesorado de ensino primario.
  • MALETA DE BANDA DESEÑADA: unha selección de cómic e novela gráfica, para coñecer autores e títulos de banda deseñada que están a ser referencia entre os lectores do xénero. Destinada ao profesorado de ensino secundario.

Cada maleta leva unha relación dos materiais que inclúe, unhas propostas de utilización e unha relación de recursos sobre o tema do que é obxecto. Tamén leva un caderno para a recollida de suxestións.