Fomento da lectura

Vídeo resume da V Xornada dos Clubs de Lectura


Xornada Clubs de Lectura 9 de Xuño - HD 1080p from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

O pasado 9 de xuño celebrouse en Compostela a V Xornada dos Clubs de Lectura, con asistencia dos profesores que coordinan os clubs de lectura nos 215 centros públicos de ensino secundario de Galicia e que contaron con axudas da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para o funcionamento dun club durante o curso que agora remata. Os clubs de lectrua son unha iniciativa integrada no programa Hora de ler, para o fomento da lectura nos centros de ensino.

Esta actividade de formación para o profesorado implicado, reuníu nesta ocasión tamén a unha boa representación de alumnos e alumnas que integran os clubs de lectura, xunto cunha pequena representación de nais, pais ou persoal non docente, que forman parte dos grupos de lectura de adultos, presentes nalgúns centros. A través deste vídeo podemos coñecer algo do que alí pasou. 

Todos os vídeos das sesións plenarias, así como outros materiais e informacións, están dispoñibles AQUÍ (entrar como convidado)

V Xornada de Clubs de Lectura

 
Por V ano consecutivo convócase a Xornada dos Clubs de Lectura, destinada ao intercambio de experiencias e á formación do profesorado que coordina os clubs de lectura presentes en 215 centros públicos de ensino secundario de toda Galicia, con apoio da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e O.U., a través do seu programa HORA DE LER e da convocatoria anual de axudas.
Ademais do profesorado, nesta V Xornada de Clubs de Lectura vai participar tamén alumnado integrante de clubs de distintos puntos de Galicia, así como pais e nais que forman parte dos grupos de lectura de adultos existentes nun 25% dos centros con club de lectura. Será ocasión para o intercambio de experiencias de lectores de distintas idades e intereses. O programa inclúe conferencias, mesas de debate, reunións por perfís de asistentes, e obradoiros para os mozos e mozas.
Esta actividade está cofinanciada polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, en virtude do convenio de colaboración asinado en 2011 para o programa Leer para aprender.

 

 

Mireia Manresa: "Els hàbits de lectura: dels perfils lectors a la intervenció docent"

 

Intervención de Mireia Manresa nunha xornada sobre o gusto pola lectura, na Universitat Autònoma de Barcelona, o pasado 27 de abril.

Pódese seguir AQUÍ

 

 

 

 

23 de abril, Día Mundial do Libro.

 

Co gallo da celebración do Día Mundial do Libro - 2012, edítase un novo marcapáxinas que inclúe, desta vez, un texto-agasallo de Agustín Fernández Paz, OS RÍOS DA VIDA, escrito para esta ocasión por un dos autores más lidos por grandes e pequenos no noso país, e recoñecido a nivel internacional.  

 

"ABRIR UN LIBRO E DEIXARSE LEVAR POLA FERVENZA DE VOCES, DE LINGUAS, DE RECENDOS, DE PAISAXES... UNHA MAXIA SECRETA E INESGOTABLE, QUE A NÓS NOS CORRESPONDE DESCUBRIR".

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil

"Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos en voz alta tamén estamos repetindo un ritual moi antigo que cumpriu un papel fundamental na historia da civilización: facer comunidade. Ao redor deses contos reuníronse as culturas, as épocas e as xeracións para dicirnos que somos un só os xaponeses, os alemáns e os mexicanos; aqueles que viviron no século XVII e nós que lemos un conto en Internet; os avós, os pais e os fillos. Os contos énchenos por igual aos seres humanos, a pesar das nosas enormes diferencias, porque todos somos, no fondo, os seus protagonistas".

Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro é o texto que Francisco Hinojosa, poeta, dramaturgo, narrador, editor e ensaísta mexicano, cedeu á IBBY para a conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil 2012. Cada ano, a International Board on Books for Young People encarga a unha das súas seccións a edicíón do cartel conmemorativo deste día no que se lembra o nacemento de Hans Christian Andersen. Nesta ocasión foi a sección Mexicana quen acolleu esta iniciativa, e velaquí  tamén o cartel que elaborou para a ocasión o ilustrador deste país, Juan Gedovius.  

As datas significadas, coma esta, poden ser útiles para insistir nos beneficios da lectura, na necesidade de ofrecer ao alumnado textos de calidade que os axuden a medrar como cidadáns xustos e felices. Aínda que estas celebracións por si soas non consiguen nada, cando vaian acompañadas de actividades sistemáticas, de tempos e espazos para a lectura (na familia e na escola), e de bos libros (en papel ou en pantalla), seguramente poidamos avanzar como sociedade lectora, máis culta e máis igualitaria.

21 de marzo: Día Mundial da Poesía

A poesía é unha fogueira,

queimémonos nela.

Celso Emilio Ferreiro.

"Nun mundo que está en plena mutación, sacudido por unha vertixe de cambios e transformacións sociais, os poetas acompañan os movementos cívicos e atinan tanto a sacudir as conciencias polas inxustizas do mundo como a conmovelas pola súa beleza. Nós vemos tamén as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e as breves mensaxes que circulan polas redes sociais para conferir un novo alento á poesía e favorecer a creación e o intercambio de poemas ou versos capaces de dilatar a nosa relación co mundo."

Da mensaxe de Irina Bukova, Directora Xeral da UNESCO, co gallo do Día Mundial da Poesía, 2012.

As bibliotecas escolares galegas comezan a facernos chegar as crónicas das súas actividades para celebrar o Día da Poesía.

RECURSOS:

  1. LEER.ES
  2. Literalia.Tv
  3. REDE LECTURA: POESÍA  POESÍA INFANTIL  POESÍA XUVENIL

¡A poesía é o gran milagre do mundo!

Luís Pimentel

Ai, amor, amor! Hai moito amor na biblioteca escolar...

Ilustración de Pedro SeromenhoHai datas con gran presencia na sociedade do consumo que, ao igual que outros fenómenos coma o deporte de masas, por exemplo, poden servir para avanzar en habilidades de lectura, escritura e investigación. Téñeno claro os docentes que dinamizan as bibliotecas escolares galegas, que aproveitan estes días fríos de febreiro para poñer en valor a poesía amorosa... porque "aos mozos e ás mozas gústalles a poesía", inda que algúns non queiran crelo. Velaquí algunhas actividades e propostas destes días:

Clubs de lectura 2011/2012. Resolución da convocatoria

O Portal Educativo da Consellería de Educación e O.Universitaria, publica a Resolución de 30 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se adxudican contías para o funcionamento de CLUBS DE LECTURA, para o curso 2011/2012, ao abeiro da convocatoria de 1 de setembro. En total, reciben axudas 215 centros públicos que matriculan alumnado de ESO, Bacharelato, Formación Profesional, Ensinanzas de Persoas Adultas, Ensinanzas de Réxime Especial.

RESOLUCIÓN

Recomendacións de lectura para tempos fríos: Nadal 2011

Achégase o final de ano e con el o tempo de Nadal. As bibliotecas escolares galegas comezan a difundir as súas recomendacións de lecturas para estas datas: seleccións de títulos recentes e outros non tanto, que hai moito bo que recuperar para os lectores máis novos. Libros, cine, música... porque as lectoras, os lectores, que medran en contacto coas diversas manifestacións da cultura desenvolven maiores capacidades de comprensión dos textos, teñen máis recursos cos que enfrentarse ás novas aprendizaxes. Porque a ler se aprende lendo, velaquí algunhas propostas: 

 

Un verán de libros: recomendacións de lectura das bibliotecas escolares galegas

Remata o curso escolar pero non remata o tempo da lectura. Ben o saben as nenas e os nenos que nos últimos días andiveron reservando as súas lecturas para o verán na biblioteca do centro. Son cada vez máis numerosas as bibliotecas que prestan lotes de libros para as vacacións aos distintos membros da comunidade educativa. Outra función da biblioteca, a de orientar en lecturas de calidade, ponse de manifesto, nestes días, a través das guías de lectura, boletíns de recomendacións e outras publicacións en papel e en internet. Recomendamos visitar os blogues das bibliotecas escolares galegas. PRIMARIA  -  SECUNDARIA , e poñemos aquí algúns exemplos:

IV Xornada dos Clubs de Lectura. Materiais

 

 

O 10 de xuño celebrouse en Santiago de Compostela a IV Xornada de Clubs de Lectura, coa asistencia de 205 profesoras e profesores de toda Galicia, coordinadores dos clubs de lectura que funcionaron este curso 2010/2011 en centros públicos que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, idiomas ou ensinanzas artísticas. Os materiais da xornada están accesibles a todo o profesoado neste enlace (entrar como convidado). Están tamén dispoñibles os vídeos das diferentes sesións.

+ información en LER EN MANCOMÚN

 

IV Xornada dos Clubs de Lectura

   

O venres 10 de xuño, na EGAP (Escola Galega de Administración Pública), de Santiago de Compostela, reunirase o profesorado que coordina os clubs de lectura que, no actual curso 2010/2011, están a ter funcionamento en máis de 200 centros de ensino secundario de toda Galicia. Esta IV Xornada dos Clubs de Lectura será oportunidade para o encontro, o intercambio de propostas, a creación de canles de colaboración futuras, a presentación de experiencias e a reflexión sobre as múltiples posibilidades desta fórmula de fomento da lectura e de formación de lectores e lectoras competentes. Axudarán a tal efecto, a profesora da Universitat de Barcelona, Ana Díaz-Plaja, e o escritor Fernando Marías. Unha mesa de experiencias baixo o lema, Un club de lectura é algo máis, servirá para coñecer algúns exemplos de clubs de lectura que colaboran en actividades conxuntas, implican ás familias ou realizan actividades de fondo calado nas súas respectivas comunidades educativas, espallando o pracer de ler no seu medio máis próximo, ampliando a súa actividade a outras bibliotecas, visitando librerías, creando roteiros literarios nas súas vilas e cidades, ou colaborando con outros clubs de lectura de centros educativos doutras comunidades autónomas, a través do programa ARCE, do Ministerio de Educación, e mesmo doutros países, a través do programa europeo e-Twinning.

Retransmitirase en directo, a través desta páxina, toda a xornada.  Tamén no blogue LER EN MANCOMÚN, dos clubs de lectura

PROGRAMA

Maletas viaxeiras: "Os mundos de Cunqueiro"

O 2011 foi declarado polo Consello da Cultura Galega, "Ano Cunqueiro" por mor de celebrarse o centenario do seu nacemento.

Con este motivo, recóllense nunha nova "maleta viaxeira" algunhas das obras do escritor, xunto con outros títulos de autoría diversa, inspirados no fértil imaxinario creado por Álvaro Cunqueiro. Acompáñanse, entre outro material, dunha breve mostra de músicas publicadas a partir dos seus poemas.

As maletas "Os mundos de Cunqueiro" están dispoñibles para os centros que as soliciten, en préstamo temporal. Contacto: bibliotecasescolares@edu.xunta.es.

Esta maleta vense unir ás xa existentes de lectura, cómic e poesía, que andan a rolar polos centros de toda Galicia. A partir do vindeiro curso, estarán todas centralizadas na Asesoría de bibliotecas escolares.

23 de abril, Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor

As Bibliotecas Escolares non poden pararse, e menos neste mes de abril, que vén cargado de encontros, soños e actividade arredor do libro e da lectura. O vindeiro 23 de abril, aínda que sexa período vacacional, non pasa desapercibido. Este Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, é un día para reivindicar eses "lugares para a lectura" que construímos entre os lectores e os libros (calquera que sexa a forma que estes libros acaben tomando).

O poeta Carlos Negro agasallou ás Bibliotecas Escolares Galegas cun fermoso texto, "O lugar da lectura", e a Consellería de Educación editou con el un marcapáxinas para celebrar este 23 de abril de 2011. Agradecemos a Carlos Negro as fermosas imaxes do seu texto, aproveitamos para poñer a bufanda colorada e saímos pasear pola fenda do espello.

MARCAPÁXINAS (dobrar en sentido lonxitudinal)

No blogue HORA DE LER hai algúns exemplos da forma en que as bibliotecas escolares galegas celebran este día.

"O libro lembra": 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

O libro lembra. Este é o título do texto da escritora estonia Aino Pervik que serve para conmemorar a data do nacemento de Hans Christian Andersen, o 2 de abril, e que desde hai xa anos (1967), a IBBY (International Board on Books for Young people) promove como Día Internacional do Libro Infantil, co fin de estimular a creación e difusión de libros de calidade para nen@s e moz@s, e promover a lectura entre a xente máis nova. 

Cada ano, esta organización encarga un texto e unha ilustración para o cartel conmemorativo a autores dun país distinto. Nesta ocasión, Aino Pervik e Jüri Mildeberg proceden de Estonia e agasállanos con unha imaxe exquisita e unha visión do libro como testemuña dunha época e dun lugar. 

Grazas á OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) e á sección galega, GALIX, podemos acceder ao tríptico que presenta o texto de Aino Pervik nas catro linguas do Estado, e disfrutalo en galego. 

+ Información

Texto do escritor DAVID OTERO sobre o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Versos a moreas!!!

"a poesía ten mil caras e emana sempre do máis fondo da cultura dos pobos". 
Andan nestes días as bibliotecas escolares galegas "a poemar", a dicir versos, a cantalos, a darlles vida...
que os versos gustan do aire libre e de enredar con nen@s e grandes;
andan as nenas e nenos galegos a facer visibles esas mil caras, e outras mil máis, 
que a palabra poética é quen de construír...
Lembramos dous poemas que se difundiran co gallo do Día do Libro, 2009 da man de Ramiro Fonte e de Gloria Sánchez, ámbolos dous sobre o libro e a biblioteca como tema.

Namórame con lecturas! Propostas de febreiro nas bibliotecas escolares galegas

cartel concurso mensaxes de amorSon moitas e moi variadas as propostas que desde os Equipos de Biblioteca, en colaboración ás veces cos equipos de Normalización Lingüística, se lle están facendo á rapazada co gallo do 14 de febreiro, data que (sendo estritamente comercial) ben se pode mudar nunha oportunidade para atraer ao alumnado á lectura e á escritura. Un modo contundente de recoller os seus intereses a, a partir deles, incentivar máis usos de cultura escrita. Algúns exemplos:

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura 2010/2011

Xa está publicada no Portal Educativo a Resolución de 22 de decembro, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se resolve a convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2010/2011. Neste curso reciben axudas para o seu funcionamento un total de 200 Clubs de Lectura de centros que matriculan alumnado de ensino secundario, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

Lémbrase a posibilidade de intercambiar lotes de libros con outros clubs de lectura, a través do "banco de libros" no blogue LIBROS A EITO. Pódense ofertar lotes de libros (enviando a listaxe a bescolares@gmail.com) e pedir libros en préstamo, logo de realizada a busca, directamente ao centro ofertante. Tamén teñen á súa disposición o blogue LER EN MAN COMÚN, onde poden atopar informacións específicas e difundir as súas bitácoras.

+ información       

"Ler e escoitar", emocionante final.

O I Concurso de lectura en voz alta "Ler e escoitar" chegou á súa fase final. O pasado 16 de decembro tivo lugar a sesión prevista, na que os 49 rapaces e rapazas finalistas pasaron as últimas probas, nun acto ben emotivo. Todos os participantes deron mostras dun grande aplomo e saber estar á hora de subir a un escenario e amosaron, sen excepción, grandes habilidades de lectura en voz alta. A selección dos textos escollidos libremente polas lectoras e os lectores sorprendeu pola súa calidade e pertinencia. Foi, en fin, unha mañá longa pero emocionante, dedicada á lectura e aos libros, na que os sorrisos estiveron presentes en todo momento en pequenos e grandes. A narradora Charo Pita, que foi a guía deste acto de exaltación da palabra escrita, pero tamén da oralidade, fixo unha defensa da lectura e da necesidade de escoitar aos outros, de saber escoitar. Houbo tamén tempo para os contos, e como broche final, a entrega de premios con "foto de familia" incluída. Parabéns a todas e todos os participantes.  + Información

Publicada no Portal Educativo a listaxe de alumnado galardoado

Finalistas do I Concurso de lectura en voz alta, LER E ESCOITAR

 

O Portal Educativo publica hoxe, 3 de decembro, a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se fai pública a listaxe de alumnos e alumnas que pasan á fase final do Concurso "Ler e Escoitar",  logo da valoración por parte do Xurado dos vídeos presentados á fase autonómica, tal e como estaba previsto na convocatoria de 21 de setembro.

O alumnado finalista será convocado a un acto de lectura pública que se realizará en Santiago de Compostela o vindeiro 16 de decembro, no que se resolverá definitivamente este I Concurso de lectura en voz alta, LER E ESCOITAR, destinado a estimular a práctica da lectura expresiva nos centros educativos galegos.

Acceso directo á resolución

I Concurso de Lectura en voz alta "Ler e escoitar"

 

A Consellería de Educación, a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, publica hoxe no Portal Educativo a convocatoria do I Concurso de Lectura en voz alta, "LER E ESCOITAR", destinado ao alumnado de 3º Ciclo de Primaria e 1º Ciclo de ESO. O concurso terá unha primeira fase no centro e unha fase autonómica, da que sairán os finalistas da fase última do concurso que se resolverá nun acto de lectura pública. O concurso contempla as modalidades individual e de grupo. Haberá premios para as lectores e os lectores e para os centros de procedencia.

TEXTO DA CONVOCATORIA

CARTEL

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2010/2011

1 Set 2010 - 12:24

O Portal Educativo publica no día de hoxe, 1 de setembro, a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no contexto das iniciativas destinadas ao fomento da lectura, pola que se incentiva o funcionamento de Clubs de Lectura en centros públicos que acollan alumnado de educación secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, para o curso 2010/2011. A data final para a presentación de solicitudes é o 30 de outubro.

Texto da convocatoria e anexo de solicitude.

Que non falte lectura no verán!

Unha das funcións da biblioteca escolar é a de orientar na selección de lecturas. Son cada vez máis as bibliotecas que elaboran guías de lectura, recomendacións, seleccións temáticas ou por nivel de idade... co fin de axudar ao alumnado e ás familias a escoller entre o moito que hai publicado, e acertar á hora de elixir lecturas de calidade, variadas e axeitadas segundo a idade lectora e os intereses de cada quen. Velaquí algunhas destes seleccións de lectura para o verán: