Fomento da lectura

Lecturas para tempos fríos - 2015

Achégase o tempo de vacacións e as bibliotecas escolares comezan a difundir as súas recomendacións de lectura (tamén de cine, música, fontes dixitais de interese...). Diferentes en propostas, en contido, en deseño... todas elas responden ao interese dos equipos de biblioteca por facilitar ás familias unha escolla axeitada á hora de agasallar libros. Buscan, tamén, que as lectoras e os lectores desenvolvan autonomía á hora de seleccionar as súas propias lecturas, aprendendo a mirar nos libros máis aló da súa capa e das estratexias do mercado, aprendendo a escoller con criterio.  Son propostas de lectura feitas desde a especialización dos integrantes dos equipos de biblioteca. E como din no CEIP Santiago Apóstolo, de Mugardos, "Como somos espelidos, na Nadal pedimos... libros!

EN COLABORACIÓN:

Convocatoria de clubs de lectura. Curso 2015/2016

O Portal Educativo publica hoxe a Convocatoria de 1 de setembro de 2015, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, destinada a incentivar o funcionamento de CLUBS DE LECTURA nos centros públicos, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universtiaria, que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial. 

Esta iniciativa encádrase no programa para o fomento da lectura nos centros de ensino, Hora de ler, e trata de apoiar ás comunidades educativas no seu empeño por espertar e consolidar o gusto pola lectura entre os seus integrantes: alumnado, profesorado, familias ou persoal non docente.  É tamén un apoio á construción da sociedade lectora que precisamos para avanzar como colectividade. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2015.

ACCESO AO TEXTO DA CONVOCATORIA

Para o envío da documentación en formato dixital á Asesoría, empregar o formulario aquí enlazado.

Na imaxe, alumnado de CPI Dr. López Suárez, de Friol, nunha sesión do club de lectura. 

Guías de lectura Verán2015

Remata o curso escolar e as bibliotecas escolares galegas  comezan a difundir as súas recomendacións de lectura para este tempo de verán con títulos para toda a familia. Se alguén anda despistado e non sabe que ler, unha ollada a estas "guías de lectura" e poderá acudir a bibliotecas ou librarías cun bo feixe de recomendacións tanto de lectura como de música, cine, espazos web... Os profesionais das bibliotecas escolares axudando a construír sociedade lectora.  Velaquí algúns exemplos: 

COLABORACIÓNS:

VIII Xornada dos Clubs de Lectura - Materiais

 

O pasado 5 de xuño celebrouse en Compostela a VIII Xornada dos Clubs de Lectura, coa asistencia do profesorado que coordina clubs de lectura en 238 centros públicos de ensino postobrigatorio de Galicia (IES, CPIs centros de FP, Escolas Oficiais de Idiomas, CMUS e centros de ensinanzas de persoas adultas).

No transcurso da xornada, o escritor Agustín Fernández Paz recibiu o Premio dos Clubs de lectura 2015. 

Os materiais da xornada están dispoñibles no espazo redeBE. En breve completaranse cos vídeos gravados nas diferentes sesións.

 

Agustín Fernández Paz. Premio dos Clubs de Lectura 2015

Agustín Fernández Paz. Premio dos Clubs de Lectura 2015 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Gravación realizada na casa de Agustín Fernández Paz co gallo da concesión do Premio dos Clubs de Lectura 2015, que lle foi entregado no transcurso da VIII Xornada dos Clubs de Lectura, o pasado 5 de xuño en Compostela. Agustín non puido estar presente e no seu lugar recolleu o premio o seu amigo e editor, Manuel Bragado. Porén, os asistentes puideron escoitar ao escritor  as súas palabras de agradecemento e unha pequena disertación sobre o poder e a necesidade da lectura. 

VIII Xornada dos Clubs de Lectura

O venres 5 de xuño reunirá en Compostela ao profesorado que coordina os clubs de lectura presentes en máis de 230 centros educativos que matriculan alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas e ensinanzas de persoas adultas).

Esta VIII Xornada dos Clubs de lectura é unha oportunidade para a profundización en temáticas relacionadas coa lectura e os xéneros literarios, tamén para reflexionar sobre o papel dos clubs de lectura do ámbito educativo na construción da sociedade lectora, así como para intercambiar experiencias e actividades. Este encontro anual dos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura é un espazo para reflexión conxunta, tamén para a creación e reforzo de vínculos profesionais arredor dos libros, a lectura e, finalmente, a educación. 

Esta VIII Xornada será tamén ocasión para entregarlle a Agustín Fernández Paz o Premio dos Clubs de Lectura 2015, tal e como se recolle na resolución do pasado 23 de abril, da D.X. de Centros e RRHH, pola que se establece este premio que se concederá cada ano ao autor ou autora galego que foi lido por un maior número de clubs de lectura no curso inmediatamente anterior. Agustín Fernández Paz recibirá pois este galardón dos lectores e das lectoras, e impartirá a conferencia inaugural da xornada. Acompañarán ao profesorado asistente, así mesmo, o xornalista e crítico literario César Lorenzo Gil, director de Biosbardia, e o escritor e crítico de cine e televisión, Miguel Anxo Fernández, que impartirá a conferencia final. Haberá ocasión para o intercambio de experiencias e a reflexión compartida arredor de diferentes temáticas que ocupan e preocupan ao profesorado que coordina os clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia. 

Letras Galegas 2015

Maio, Mes das Letras tamén nas bibliotecas escolares galegas. Alumnado e profesorado do CEIP Eduardo Pondal, de Vigo, fannos as súas recomendacións de lectura, como unha achega a esta festa das Letras que se estende por todo o país. Velaquí algúns exemplos da intensa actividade que se xera nos centros educativos, e concretamente nas bibliotecas, arredor desta data significativa para a valorización da lingua e a cultura de Galicia: 

Premio dos Clubs de Lectura 2015 ao autor máis lido nos clubs de lectura

O Portal Educativo publica hoxe, co gallo da celebración do Día Mundial do Libro, a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 23 de abril de 2015, pola que se recoñece o autor galego máis lido polos clubs de lectura do ámbito educativo no curso precedente, galardón que se entregará nesta ocasión a Agustín Fernández Paz, no transcurso da que será a VIII Xornada dos Clubs de Lectura, que terá lugar o próximo 5 de xuño en Santiago de Compostela.

Profesoras e profesores que coordinan estes clubs de lectura nos centros de ensino secundario e postobrigatorio, amosaron o seu interese por recoñecer a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción dos lectores. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Establécese así o Premio dos Clubs de Lectura que, cada ano, outorgarase ao autor ou á autora de obra en galego que resultase seleccionado polo maior número de clubs de lectura no curso precedente.

Na VIII Xornada dos Clubs de Lectura, Agustín Fernández Paz recibirá a homenaxe do profesorado asistente e, por el representados, de todos os lectores e lectoras  participantes nos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia. 

Día Mundial do Libro 2015

Coma en anos anteriores, as Bibliotecas Escolares de Galicia celebran o Día Mundial do Libro coa edición dun pequeno marcapáxinas en forma de díptico que acolle un texto inédito, neste caso da escritora María Solar, sobre a maxia dos libros, con referencias literarias evocadoras de aventuras e viaxes. Agradecemos a María Solar a súa xenerosidade e a súa recomendación para este día: "Ás veces o destino está no libro que tes ao lado. Só tes que abrilo e gozar". 

O mes de abril ferve xa nas bibliotecas escolares cunha gran variedade de actividades arredor do libro e a lectura. Velaquí algúns exemplos: 

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

Os carteis e os textos que anualmente edita a IBBY (International Board on books for Young People), xunto coa OEPLI e as entidades colaboradoras (en Galicia, GALIX), arredor do mes de abril, permítennos coñecer autores e ilustradores de distintas sensibilidades e procedencias. Neste ano 2015, o Día Internacional do Libro Infantil, que se celebra o 2 de abril, en memoria do nacemento de Hans Christian Andersen, lévanos aos países árabes e á palabra e á imaxe creada por dúas mulleres representantes da literatura infantil e xuvenil desa parte do mundo: 

  • Moitas culturas, unha historia, é un texto  de Marwa Obaid Rashid Al Aqroubi, escritora e difusora dos libros infantís nos Emiratos Árabes Unidos.  Traballa pola creación dunha cultura de lectura e por proporcionar libros para nenos e nenas afectadas pola guerra, a inestabilidade política ou os desastres naturais na rexión de Asia Central e Norte de África:

"Falamos diferentes linguas e vimos de diferentes orixes, máis compartimos as mesmas historias"

Lectura de primavera 2015

Achégase un breve período vacacional e as bibliotecas escolares galegas aproveitan para publicar as súas recomendacións de lectura, cine, música, recursos electrónicos... Son as "lecturas de primavera":

 

 

 

 

 

 

21 de marzo, Día Mundial da Poesía

A primavera entra cun sorriso poético nas bibliotecas escolares galegas. O 21 de marzo, declarado pola UNESCO en 1999 como Día Mundial da Poesía, é unha data clave nas bibliotecas para tratar de vincular ao alumnado a un xénero literario dos que moitos adultos din "gustar" e poucos len. Existe tamén (nos adultos), o preconcepto de que "aos rapaces non lles gusta a poesía", que cae polo seu peso en canto se lles acompaña no acceso aos textos poéticos e se lles permite achegarse de forma libre á poesía. Velaquí algunhas das actividades levadas a cabo nestes días nas bibliotecas escolares do país: 

Maletas viaxeiras - Actualización

Dado o elevado número de maletas viaxeiras dispoñibles (xa son 29 coa última incorporación da maleta de Ciencias Secundaria A), fixemos unha pequena modificación na páxina.

Agora podemos ver a lista completa das maletas dispoñibles desde a parte superior da web, para facilitar así a busca desexada.

Nas vindeiras semanas seguiremos engadindo novas maletas a esta colección. Calquera suxerencia que nos desexedes facer chegar sobre este programa será benvida.

Aproveitamos para lembrar que estas maletas están localizadas nas dependencias da consellería, na Asesoría de Bibliotecas escolares, en Santiago de Compostela, polo que os centros que desexen participar deberán vir a recoller e devolver a maleta a esta localización (persoalmente ou a través dunha axencia de transporte), agás cando se desexe facer un intercambio directo entre os centros, tal e como se describe no Protocolo de  intercambio (PDF), previa consulta aos responsables da Asesoría de bibliotecas escolares. 

 

Novas maletas viaxeiras: Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Poesía...

Son xa 28 as maletas viaxeiras postas a disposición dos centros educativos a través da plataforma MALETAS VIAXEIRAS, dispoñible tamén a través desta páxina. Incorpóranse agora 6 novas maletas: Poesía (2-Primaria), Física e Química (2- Secundaria) e Bioloxía e Xeoloxía (2- Secundaria).  

Estes materiais están tendo moi boa acollida por parte das bibliotecas escolares. No que levamos de curso 2014/2015, desde setembro ata hoxe, 5 de marzo, houbo un total de 99 solicitudes para distintos momentos do curso escolar e xa se levan feito un total de 69 préstamos. 

Lembramos que as maletas viaxeiras levan unha selección de materiais sobre determinadas materias co fin de apoiar as actividades das bibliotecas (exposicións, proxectos e outras iniciativas), así como dar a coñecer algúns materiais que poidan ser de interese para profesorado ou alumnado.  Estas maletas ofrécense en préstamo temporal máximo de un mes  e os centros deben asumir os custos de transporte. 

Novas maletas viaxeiras de ciencias

As maletas viaxeiras están a curmprir a súa función: apoiar as actividades programadas desde as bibliotecas escolares. Velaquí o exemplo que nos chega desde o IES Gonzalo Torrente Ballester (Pontevedra), onde a biblioteca programou 15 días de BD, en colaboración co departamento de Plástica e co apoio dunha das maletas de Banda Deseñada que a Asesoría de bibliotecas escolares pon a disposición dos centros interesados. 

Nestes días incorporáronse tres novas maletas, todas elas de CIENCIAS, destinadas aos centros de Primaria. Na páxina de MALETAS VIAXEIRAS (cun enlace na parte superior desta páxina) pódese acceder aos materiais de cada unha das maletas e, a través do botón RESERVAR, ás instrucións para xestionar a reserva e ao formulario de solicitude de préstamo. 

Desde este mes de xaneiro amplíase o prázo de préstamo que pasa a ser de un mes (aínda que se poden solicitar por menos tempo).  O centro encargarase,  coma sempre, da recollida e entrega da maleta. 

Resolución da convocatoria dos Clubs de Lectura para o curso 2014/2015

O Portal Educativo publica a Resolución de 26 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se asignan contías para o funcionamento dos clubs de lectura para o curso 2014/2015, segundo a convocatoria de 15 de setembro. Reciben axudas un total de 228 centros que contan con un ou varios grupos de lectura, integrados no club de lectura do centro. Segundo as estimacións recollidas nas solicitudes, durante o curso 14/15 beneficiaranse desta iniciativa uns 8.570 alumnos e alumnas, e están directamente implicados máis dun milleiro de profesores e profesoras. 

Na imaxe, un grupo de lectura "A poza da moura", do IES A Paralaia (Moaña) nunha sesión dedicada ao libro "A evolución de Calpurnia Tate", durante o curso 2013/2014.

Listaxe de centros inscritos na acción Voluntariado de lectura-A

 
O pasado 24 de novembro publicábase no Portal Educativo a Resolución da Dirección Xeral de Centros e RRHH pola que se impulsa, por segundo ano, o voluntariado cultural relacionado coa lectura entre o alumnado dos centros de ensino non universitario, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da iniciativa denominada Voluntariado de lectura - A, para o curso 2014/2015. Esta iniciativa queda acollida ao programa Bibliotecas Escolares solidarias, segundo resolución da D. X. de Centros e RRHH de 5 de decembro de 2014. 
Rematado o prazo de inscrición, publícase agora a relación de centros inscritos nesta iniciativa, que desenvolverán as súas actividades durante o presente curso 2014/2015 e que antes do 25 de abril deberán remitir a memoria correspondente para a súa valoración. 
Entre as memorias presentadas, elixiranse catro centros dos que un total de 50 alumnos e alumnas participarán nunhas xornadas de convivencia que terán lugar no CRD da Coruña, a finais de maio/comezos de xuño de 2015. 
O total de centros inscritos é de  45, coa seguinte distribución:
  • A CORUÑA: 15 centros
  • LUGO: 6 centros
  • OURENSE: 3 centros
  • PONTEVEDRA: 21 centros

Libros, música, cine... en tempos fríos

Chega o período vacacional do Nadal e as bibliotecas escolares comezan a publicar as súas recomendacións de lectura: libros para todas as idades e para todos os gustos, pero tamén cine, música, enderezos electrónicos de interese... Os formatos laborarson diversos pero comezan a estar maioritariamente en soporte dixital, como esta selección de cine galego, do IES Pazo da Mercé (As Neves). Velaquí as "guías de lectura para o Nadal":

 

Voluntariado de lectura-A. Curso 2014/2015

O Portal Educativo publica hoxe a Resolución do 24 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se pretende impulsar o voluntariado cultural relacionado coa lectura entre o alumnado de 5º e 6º de primaria, dos centros de titulariade da Consellería de Cultura, Educación e O.U., a través da iniciativa denominada "Voluntariado de Lectura-A", integrada no programa Hora de Ler, para o fomento da lectura nos centros de ensino, e para o curso 2014/2015.

Os centros interesados poden presentar solicitudes desde hoxe e ata o 15 de decembro, mediante o impreso e o procedemento recollido na resolución. 

As memorias de actividades desenvolvidas ao longo do curso presentaranse, posterioremente, con data límite do 25 de abril de 2015. 

As accións recollidas por esta convocatoria están relacionadas co labor de voluntariado cultural que desempeña o alumnado colaborador da biblioteca escolar, ben na xestión e dinamización da biblioteca, ben no deseño e desenvolvemento de actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro. 

O alumnado dos centros finalmente seleccionados participarán, coma no curso anterior, nunhas xornadas de convivencia que se desenvolverán no CRD de A Coruña, a finais de maio/comezos de xuño. 

Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Dirección Xeral de Centros e RRHH (Consellería de Cultura, Educación e O.U), e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (Consellería de Traballo e Benestar), integrándose como programa de voluntariado. 

Matemática próxima

BIBLIOTECA ESCOLAR E XOGOS MATEMÁTICOS on PhotoPeach

As bibliotecas escolares galegas está a dar vida ao cartel deste curso "Biblioteca escolar... matemático!!!", organizando exposicións de materiais relacionados coas matemáticas, así como actividades para dar a coñecer estes materiais, sesións de xogos matemáticos, acertixos matemáticos, recompilacións literarias relacionadas coas matemáticas e outros... Un exemplo é este vídeo da biblioteca do IES Blanco Amor (Ourense), no que podemos ver a exposición de materiais e unhas imaxes do alumnado en plena actividade. Outras mostras de actividades:

Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

ENTUSIASMO E PROXIMIDADE SON A CLAVE DA DIVULGACIÓN CIENTÍFICA. Ángel Carracedo.

 

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vaise impulsar a celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO,  do científico Ángel Carracedo, profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela. Conocido investigador e divulgador científico, Ángel Carracedo ten colaborado coas bibliotecas, tanto públicas como escolares, na difusión dos valores científicos e do acceso ao coñecemento. 

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogues de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

  • MANIFESTO DE ÁNGEL CARRACEDO
  • FOLLETO INFORMATIVO: MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS
  • MATERIAIS. MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS
  • Amplíase a oferta de maletas viaxeiras

     

    Coincidindo co mes da biblioteca escolar, neste mes de outubro, a Asesoría de Bibliotecas Escolares daba a coñecer unha nova aplicación que, baixo o nome de MALETAS VIAXEIRAS, permite ás bibliotecas dos centros interesados a reserva de maletas de diferentes temáticas para levar en préstamo temporal, como apoio ás súas actividades. 

    Ademais das xa coñecidas sobre cómic, lectura, Camiño de Santiago, Os mundos de Cunqueiro, matemáticas, e materiais para as familias, veñen de incorporarse dúas maletas moi especiais e que poden ser do interese dos centros de ensino secundario e formación profesional. Trátase das maletas de "economía", cunha selección coidada de libros e recursos audiovisuais que poden contribuír ao coñecemento das claves para entender o momento económico e social que vivimos nos últimos anos, pero tamén para introducir ao alumnado no ensaio, un xénero que precisa dun lector específicamente activo. 

    As maletas ofrécense en préstamo temporal (15 días, agás excepcións) e os centros deben recollelas e entregalas na Asesoría de bibliotecas escolares (Consellería de Educación, San Caetano, Santiago de Compostela), persoalmente ou a través dos medios que consideren oportuno.  INSTRUCIÓNS

    Día da biblioteca 2014: un día, moitas propostas

    Poética matemática

    As matemáticas están presentes na vida cotiá, tamén na ficción  e mesmo na poesía. As bibliotecas escolares comezan a compartir recursos moi diversos para facer efectivo o lema deste curso "Biblioteca escolar... matemático!". Destacamos algúns deles relacionados coas  matemáticas e a poesía. 

     

    Imaxe obtida aquí (ver recursos didácticos de matemáticas) 

     

    Convocatoria en apoio dos Clubs de lectura para o curso 2014/2015

    O Portal Educativo publica hoxe a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que, con data 15 de setembro, busca incentivar o funcionamento de clubs de lectura en centros públicos, de titularidade da consellería, que acollan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxima especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, ensinanzas de persoas adultas e outras). 

    O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de outubro de 2014. 

     

    TEXTO DA CONVOCATORIA

    Imaxe: club de lectura no CPI José García García (Ourense)