Skip to Content

DÍA DAS LETRAS GALEGAS : FILGUEIRA VALVERDE

XOSÉ  FILGUEIRA VALVERDE

                 (1906 – 1996)

 

Xosé Fernando Filgueira Valverde naceu en Pontevedra en 1906. Realizou estudos de Dereito, Filosofía e Letras (alcanzando o título de doutor) e Psicoloxía nas Universidades de Santiago de Compostela e Zaragoza. En 1923 formou parte do grupo de fundadores do Seminario de Estudos Galegos, onde dirixiu a sección de Historia da Literatura. Desde ese momento e até a súa morte, acontecida en Pontevedra en 1996, o erudito pontevedrés mantería unha gran actividade na promoción de iniciativas culturais.
     Filgueira Valverde iniciou o seu amplo labor docente en 1927 no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra. En 1935 gañou unha cátedra no Instituto Balmes de Barcelona e posteriormente exerceu en Lugo e na cidade do Lérez, da que foi alcalde. Pola súa dedicación ao ensino recibiría o alcume do "vello profesor".
     Membro numerario da Real Academia Galega desde 1942 e correspondente das Reais Academias de Historia, de Lingua e de Belas Artes de San Fernando, en 1972 foi nomeado vocal do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixiu ademais o Museo "Rosalía de Castro", o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e o Museo de Pontevedra. No bienio 1982-83 exerceu o cargo de Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.
     Na década de trinta foi colaborador habitual de El Pueblo Gallego e Logos, publicación esta última en que mantería unha sección de comentarios bibliográficos asinados co pseudónimo J. A. Para alén destes artigos, a súa obra literaria atinxe a narrativa, a poesía, o ensaio e o teatro. Así, na súa producción figuran o libro de relatos Os nenos (1925) e a semblanza O vigairo (1927); o texto teatral Agromar. Farsa pra rapaces (1936) —estreado en 1932—, de novo asinada por J. Acuña; as antoloxías Cancioneiriño de Compostela (1932) e Cancioneiriño novo de Compostela (1969), en que recolle composicións do medioevo e etapas posteriores que fan referencia á capital galega, ou o volume de prosas literarias Quintana viva (1971).     Porén, a maior aportación de Filgueira Valverde constitúena os seus traballos no campo da investigación. Moitas destas prosas, espalladas pola imprensa diaria, foron recollidas polo autor nos nove volumes editados baixo o título xenérico de Adral entre os anos 1979 e 1996. As súas aportacións ao coñecemento da lírica medieval verían a luz en 1992 no libro Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1927-1987).

 

http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/5b/J.F._Filgueira,_a_los_17_a%C3%B1os..jpg/200px-J.F._Filgueira,_a_los_17_a%C3%B1os..jpgOS NOMES DOS DÍAS DA SEMÁN.

     Vaise perdendo de todo o vello costume de chamar aos días da semán con números, seguidos das verbas «feira», e medra o uso dos nomes «pagáns» que sempre coexistiron con eles, ben en formas galegas, ben con castelanismos que respondan á data do espallamento.
     O feito de que Galicia e Portugal acolleran o sistema numérico responde, sen dúbida, a un infruxo ecresiástico e pode datar da evanxelización de San Martiño de Dume, na época sueva. Giesse supuxera unha orixe islámica, desbotada por Paiva Bolêo no mellor estudo sobre un tema en que os nosos falares arrédanse tanto dos demáis da Romania.

     San Isidoro fixara nas «Etimoloxías» os motivos pra que fose xeneralizado o uso litúrxico e mostrouse tolerante cos que empregaban as denominacións románs, xustificándoas cunha sorte de «eubemerismo». Di deste xeito.
     «Dies ven de diis, os deuses cuios nomes consagraron os románs a certas estrelas. O primeiro día chamouse do sol, porque é a principal de todas, i este día é como a cabeza dos outros. O segundo (luns), da lúa, que é a máis somellante do Sol, polo seu brillo e grandeza, e toma a súa lus. O terceiro (martes), da estrela Marte, que se chama Vesper. O carto (miércoles), da estrela Mercurio, chamado por algúns Circo Branco. O quinto (xoves), da estrela Iovis, Iúpiter, que chaman Faetón. O sesto (vernes), a Venere, Venus, a que chaman Lucifer; é antre todas a que máis lus ten. O séptimo, da estrela Saturno, que está no séptimo ceo e din que percorre a roita en trinta anos. Os xentís deron estes nomes aos días colléndoos destas sete estrelas, porque coidaban que delas recibían bens, decindo que do Sol recibíase o esprito; da lúa, o corpo; de Mercurio, o inxenio e máis a fala; de Venus, o pracer; de Iúpiter, a tempranza; de Saturno, o humor... Moito mellor procede o rito da Eirexa cando dá nomes a estes días; nembargantes, si, por costume, saíra da boca dun cristián o que o seu corazón reproba, non deixe de ter presente que todos aqueles de quen se parica o nome dos días, foron homes, sin máis, e que, soio por certos benfeitos temporaes, porque foron poderosos e sobranceiros, é polo que lles foron dados honores diviños e puxéronlle os seus nomes ás estrelas, e non esquezamos que, polas estrelas, fóronlles dados aos días».
     O feito esperta algunhas cuestións que convén escrarecer. «Feira» quixo, no escomenzo, decir «descanso» e «día de festa». O uso de considerar, litúrxicamente, «feiras» tódolos días data do século V. Covarrubias recolle unha razón que debe vir de aqueles tempos: «porque en todos los días de la semana se hace sacrificio a Dios». O nome das «ferias» pasaría a os «mercados», que se facían perto das eirexas. Foi o cuño eclesiástico da verba o que determiñóu que, en castelán, se mantivese a «f» inicial, ao xeito galego, en lugar de «heria», que, por exempro, se atopa nos refráns de Hernán Núñez. «Gente de heria» di Quevedo polos xoldeiros i esmorguistas.
     Portugal mantén íntegra a serie numérica, collendo, como é xeral, o «sábado», que vén do día hebreo de «sabat», e o domingo, do «dies dominicus», a verdadeira «feira» do Señor, o descanso, o «día solto» que din os nosos labregos. O uso latino escomenzara no século III, asegún di Wartburg.
     Xa na edade media, convivían os dous sistemas en Galicia: «lúes» aparez en documentos de Baiona e de Pontedeume, no XIII e no XIV, «martes», nos «Cancioneiros» e nun pergameo de Antealtares do 1253, «mércores» e «venres» nas «Cantigas de Santa María»... Na «General Estoria», editada por Martínez López, faise a refenda dos días e dos astros á maneira isidorián cos nomes mitolóxicos... «domingo tanto quer dizer ena nosa langage como día da semana, teveron e teen et am os antigoos nomes quelles os gentiis poseron das planetas, o lúes da lúa, o martes de Mars, o mércoles de Mercurio, o joves de Júpiter, o vernes de Venus». En castelán son curiosas dobres versións, como a que dá a «Crónica General», e que comentóu López Estrada, na súa boa recensión a Paiva Bolêo: «En la quinta feria adelant, que era el jueves». E aínda conviría decir que nos calendarios vellos pode atoparse outro sistema, alfabético de «a» ao «g».
                                                       FILGUEIRA VALVERDE

 



story | by Dr. Radut