Caderno informativo Bibliotecas Escolares de Galicia 2010/2011

Este CADERNO INFORMATIVO 2010/2011 reúne diversas informacións relacionadas coas bibliotecas escolares galegas e os programas e iniciativas da Consellería de Educación para a renovación destas bibliotecas e o fomento da lectura nos centros de ensino.

- Plan de mellora de bibliotecas escolares

- Programa HORA DE LER

Contén, así mesmo,  bibliografía e recursos electrónicos diversos.

Concurso nacional de boas prácticas en bibliotecas escolares 2011

O BOE de hoxe, 1 de abril, publica a Resolución da Secretaría de Estado de Educación y Formación Profesional, pola que se convoca o concurso nacional de boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas dos centros escolares para o ano 2011. Premiaranse prácticas que se inscriban nos seguintes ámbitos:

  • A utilización da biblioteca como recurso didáctico e de integración curricular polos diferentes departamentos, áreas ou materias, a través de traballos de aula-biblioteca.
  • O uso da biblioteca como fonte de información, que favoreza o traballo interdisciplinar mediante proxectos documentais complexos.
  • A educación documental e a formación de usuarios.
  • O desenvolvemento dun plan de lectura integrado no Proxecto Educativo do centro, que implique a outros sectores da comunidade educativa, abrindo a biblioteca escolar ao medio, e establecendo redes de colaboración con outras bibliotecas.
  • O uso das tecnoloxías da información e comunicación ao servizo da biblitoeca escolar (bibliotecas virtuais, acceso ao catálogo, formación, etc.)

O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de maio de 2011.

TEXTO COMPLETO DA CONVOCATORIA

Encontros Plan de mellora de bibliotecas escolares 2010/2011

Quentando motores.... o vindeiro 7 e 8 de abril reunirase en Santiago de Compostela o profesorado responsable das bibliotecas  integradas actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares, un programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, iniciado en 2005, e que inclúe neste curso un total de 374 centros públicos de distintos niveis educativos.

Será ocasión para profundizar no modelo da biblioteca escolar que se está a estender, como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe. Incidirase nos instrumentos que Internet pon a disposición das bibliotecas para o exercicio das súas funcións e facilitar a formación da competencia informacional do alumnado, e falarase de lectura e de poesía: cine e banda deseñanda centrarán as experiencias dos centros, que se presentarán en mesas simultáneas. Tamén será oportunidade para o encontro entre os membros dun colectivo que están a facer realidade as pequenas utopías que son todas e cada unha das bibliotecas escolares galegas.

Programa

 

Recuncho de lectura para nais e pais no CEIP O Ramo

Velaquí un bo exemplo de como aproveitar eses espazos que acostuman estar infrautilizados, ata que a imaxinación e a profesionalidade do profesorado (guiado pola necesidade e as novas funcións da biblioteca escolar) os pon en valor. No CEIP O Ramo (Fene - A Coruña) crearon este "recuncho de lectura para nais e pais", preto dos despachos de dirección, onde as familias poden aproveitar para ler mentres agardan, facendo dese tempo "un tempo útil". Esta idea ben pode iluminar outros recunchos, existentes en case todos os centros, e ganalos para a lectura. O mapa na parede... fundamental, que a percepción espacial do alumnado tamén se constrúe con estes pequenos detalles, no día a día do centro. Parabéns!!!

"O libro lembra": 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

O libro lembra. Este é o título do texto da escritora estonia Aino Pervik que serve para conmemorar a data do nacemento de Hans Christian Andersen, o 2 de abril, e que desde hai xa anos (1967), a IBBY (International Board on Books for Young people) promove como Día Internacional do Libro Infantil, co fin de estimular a creación e difusión de libros de calidade para nen@s e moz@s, e promover a lectura entre a xente máis nova. 

Cada ano, esta organización encarga un texto e unha ilustración para o cartel conmemorativo a autores dun país distinto. Nesta ocasión, Aino Pervik e Jüri Mildeberg proceden de Estonia e agasállanos con unha imaxe exquisita e unha visión do libro como testemuña dunha época e dun lugar. 

Grazas á OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) e á sección galega, GALIX, podemos acceder ao tríptico que presenta o texto de Aino Pervik nas catro linguas do Estado, e disfrutalo en galego. 

+ Información

Texto do escritor DAVID OTERO sobre o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Versos a moreas!!!

"a poesía ten mil caras e emana sempre do máis fondo da cultura dos pobos". 
Andan nestes días as bibliotecas escolares galegas "a poemar", a dicir versos, a cantalos, a darlles vida...
que os versos gustan do aire libre e de enredar con nen@s e grandes;
andan as nenas e nenos galegos a facer visibles esas mil caras, e outras mil máis, 
que a palabra poética é quen de construír...
Lembramos dous poemas que se difundiran co gallo do Día do Libro, 2009 da man de Ramiro Fonte e de Gloria Sánchez, ámbolos dous sobre o libro e a biblioteca como tema.

Formación de usuarios en clave de "lipdub" no IES Fontem Albei

 


A formación de usuarios e usuarias pódese facer de moitas maneiras, pero cando se aúna humor, participación, música, visibilidade e bo facer, o éxito está asegurado. Velaquí o primeiro "lipdub" dunha biblioteca escolar galega. Parabéns ao equipo de Biblioteca do IES FONTEM ALBEI (A Fonsagrada, Lugo), por esta iniciativa!

"Dende o Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar non queríamos facer un lipdub por facer senón contar unha historia (aproveitando as novas tecnoloxías), a historia dun libro esquecido que tras percorrer boa parte do centro retorna ao seu lugar natural: a biblioteca. Aproveitamos a historia para,  ademais de dar a coñecer o centro e potenciar a biblioteca,recordar a CDU mediante a asociación de de imaxes, números e cores, en definitiva, facer formación de usuarios. Nada do que aparece no vídeo está posto ao azar. Dende o título do mesmo "O final da conta atras" referíndonos ao tempo que lle resta ao libro ata chegar á Biblioteca como as distintas esceas"

8 de marzo nas bibliotecas escolares galegas

Arredor do 8 de marzo, unha das datas claves no calendario civil para a formación dos cidadáns, que son, os rapaces e rapazas do país, as bibliotecas escolares ofrecen oportunidades de aprendizaxe diferenciadas, nas que se aúna lectura e investigación, valores e sensibilidade, convicción e desexos de xustiza e de igualdade. A título de exemplo, algunhas destas actividades das que nos foi chegando noticia:

Rosalía de Castro... vive nas bibliotecas escolares galegas

Unha das datas do "calendario da lectura" en Galicia é o 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. Calquera momento do ano é bo para achegarse á escritora, pero na Biblioteca Escolar do CEIP Alexandre Bóveda, de Chapela-Redondela (Pontevedra), aproveitan para recompilar materiais e realizar propostas ao alumnado, abrindo novas vías para dar a coñecer a súa obra. Elaboraron unha guía que titulan RABUÑANDO CANTARES na que podemos atopar as distintas edicións dos libros de Rosalía que poden resultar máis próximos ás nenas e aos nenos, así como discos de diferentes autores que versionaron os seus poemas ou lle dedicaron as súas creacións. Contén propostas de actividades para os distintos ciclos de ensino infantil e primaria e unha selección de recursos electrónicos para ampliar a mirada sobre esta autora clave da nosa literatura e do noso universo cultural, polo que é tan necesario axudar a camiñar aos máis novos, ás máis novas. Parabéns á "caracola Tola" e a todo o seu equipo.  

A biblioteca do IES SAN PAIO, de Tui (Pontevedra) preparou tamén materiais específicos en relación con ROSALÍA DE CASTRO e a conmemoración do día 21 de febreiro  do Día Internacional da Lingua Materna.

Namórame con lecturas! Propostas de febreiro nas bibliotecas escolares galegas

cartel concurso mensaxes de amorSon moitas e moi variadas as propostas que desde os Equipos de Biblioteca, en colaboración ás veces cos equipos de Normalización Lingüística, se lle están facendo á rapazada co gallo do 14 de febreiro, data que (sendo estritamente comercial) ben se pode mudar nunha oportunidade para atraer ao alumnado á lectura e á escritura. Un modo contundente de recoller os seus intereses a, a partir deles, incentivar máis usos de cultura escrita. Algúns exemplos:

Recomendacións de lecturas matemáticas

cartel IV Certame Matmonólogos - IES Monelos

 

O IES MONELOS de a Coruña publica un boletín de divulgación matemática, TETRACTIS, no que podemos acceder, ademais de moitas outras propostas de interese, a unha relación de lecturas recomendadas arredor das matemáticas.

Salienta, así mesmo, a convocatoria do IV Certame de Matmonólogos, de participación aberta, establecéndose varias categorías e cun prazo de presentación de guións que remata o 28 de abril. Está publicada en Tetractis a información sobre as pasadas edicións.

 

Conclusións do II Congreso Leer.es

 


Baixo o lema "Leer para aprender. Nuevas alfabetizaciones", celebrouse en Madrid, no mes de novembro de 2010 o II Congreso Nacional Leer.es. Nas conclusións contémplase un apartado específico para as bibliotecas escolares, que comeza así:

"As bibliotecas escolares, coma centros de recursos e servizos de apoio á aprendizaxe, constitúen un medio privilexiado para o desenvolvemento de todas aquelas competencias relacionadas coa lectura e otra tamento da información. Nun contexto dixital, a biblioteca amplía os seus obxectivos e funcións e involúcrase claramente no proceso educativo, facilitando as novas alfabetizacións e reforzando as máis tradicionais. "

Convidamos a ver todo o documento

Ler e xogar nunha Escola de Educación Infantil

Desde a Escola de Educación Infantil Barrionovo - Pastoriza, de A Coruña, achégannos información do aproveitamento que están a facer das bolsas dos "libros que van e veñen".
No vídeo que pode verse aquí vese todo o proceso no que participa o alumnado da escola, desde que escollen o seu libro e levan para a casa, ata que despois de lido fan os seus "apuntamentos" no caderno "xogar e ler".
Agradecemos ao profesorado este documento que exemplifica tan ben unha actividade de formación da competencia lectora, de adquisición de autonomía persoal na selección das lecturas... e de moitas máis habilidades que se están a practicar, coa lectura como mediación. 

Aprender a usar a información e cultura de Paz desde as bibliotecas escolares

Achégase o 30 de xaneiro e moitos centros educativos fan xirar boa parte das actividades de aprendizaxe de lectura, escritura e tratamento da información arredor do tema da Paz. Esta data, aniversario da morte de Gandhi, foi declarado pola UNESCO Día Escolar pola Paz.  Comezan a chegarnos materiais elaborados desde as bibliotecas escolares con esta finalidade, que iremos difundindo a través desta páxina:

As normas da biblioteca, unha idea de participación.

A biblioteca escolar tamén pode dar motivos para traballos de carácter interdisciplinar ou proxectos nos que, a través da planificación, a colaboración, a toma de decisións, a posta en práctica de habilidades concretas (de lectura, de escritura, de investigación), os rapaces e rapazas vaian desenvolvendo as súas competencias básicas. Velaquí un exemplo: o alumnado de Atención Educativa do IES de Ponteceso, dirixidos polo profesor de EF, elaboraron estas "normas da biblioteca" en formato vídeo.

NORMAS DA BIBLIOTECA DO IES PONTECESO from biblioaponte on Vimeo.

 

 

As bibliotecas escolares na Revista Galega de Educación

Capa da Revista Galega de Educación, nº 48 A Revista Galega de Educación, publicación de Nova Escola Galega, dedícalle o monográfico do seu número 48, aínda quente e ulindo a tinta, ás Bibliotecas Escolares.

Este monográfico recolle artigos de bibliotecas escolares galegas, repartidas por todo o país, ilustrando cada un deles un aspecto dos moitos que presentan na actualidade estes importantes recursos educativos. En conxunto, debuxan un panorama rico e diverso. Complétase con artigos introdutorios de Manuel Area e de Pilar Sampedro e Cristina Novoa, que coordinaron este monográfico. As visións dun ilustrador, unha inspectora e un director de centro completan esa visión panorámica do que hoxe representan as bibliotecas escolares.  Inclúe unha entrevista ao profesor Juan Mata e unha listaxe de recursos bibliográficos impresos e electrónicos. 

Resumos dos artigos

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura 2010/2011

Xa está publicada no Portal Educativo a Resolución de 22 de decembro, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se resolve a convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2010/2011. Neste curso reciben axudas para o seu funcionamento un total de 200 Clubs de Lectura de centros que matriculan alumnado de ensino secundario, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

Lémbrase a posibilidade de intercambiar lotes de libros con outros clubs de lectura, a través do "banco de libros" no blogue LIBROS A EITO. Pódense ofertar lotes de libros (enviando a listaxe a bescolares@gmail.com) e pedir libros en préstamo, logo de realizada a busca, directamente ao centro ofertante. Tamén teñen á súa disposición o blogue LER EN MAN COMÚN, onde poden atopar informacións específicas e difundir as súas bitácoras.

+ información       

Lecturas para o Nadal 2010

As bibliotecas escolares galegas teñen xa moi asumido o seu papel como contribuíntes á construción da sociedade lectora, que precisamos para medrarmos como país e como colectividade máis culta, máis preparada, máis competente. Chega o Nadal e estas bibliotecas escolares difunden as súas recomendacións de lectura, lembrando a pertinencia de incluír libros, discos, películas, videoxogos de especial interese , nos agasallos destas datas. Velaquí as "guías de lectura" que nos foron chegando:

8 premios para Galicia no Concurso Nacional de boas prácticas en bibliotecas escolares 2010

O 15 de decembro trouxo boas noticias ao colectivo das Bibliotecas Escolares Galegas. O Ministerio de Educación comunicaba as decisión do Xurado do Concurso Nacional de boas prácticas para a dinamización das bibliotecas dos centros escolares, 2010. Na relación de centros recoñecidos con estes premios podíanse contar ata 8 centros galegos. Recoñecese, un ano máis, o esforzo que están a facer as nosas comunidades educativas por transformar as súas bibliotecas en espazos de aprendizaxe e de convicencia arredor da lectura e os recursos culturais. Ponse de manifesto, á súa vez, que as actuacións impulsadas desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través dos seus programas ("Hora de ler" para o fomento da lectura, e o Plan de mellora de bibliotecas escolares iniciao no curso 2005/2006) están a dar bos resultados. Parabéns a todos os centros premiados, moi especialmente, ao profesorado que pon en pé, día a día, hora a hora, estas "pequenas utopías" que son as bibliotecas escolares:

Modalidade A (Centros de infantil, primiaria, educación especial e EPA):

"Ler e escoitar", emocionante final.

O I Concurso de lectura en voz alta "Ler e escoitar" chegou á súa fase final. O pasado 16 de decembro tivo lugar a sesión prevista, na que os 49 rapaces e rapazas finalistas pasaron as últimas probas, nun acto ben emotivo. Todos os participantes deron mostras dun grande aplomo e saber estar á hora de subir a un escenario e amosaron, sen excepción, grandes habilidades de lectura en voz alta. A selección dos textos escollidos libremente polas lectoras e os lectores sorprendeu pola súa calidade e pertinencia. Foi, en fin, unha mañá longa pero emocionante, dedicada á lectura e aos libros, na que os sorrisos estiveron presentes en todo momento en pequenos e grandes. A narradora Charo Pita, que foi a guía deste acto de exaltación da palabra escrita, pero tamén da oralidade, fixo unha defensa da lectura e da necesidade de escoitar aos outros, de saber escoitar. Houbo tamén tempo para os contos, e como broche final, a entrega de premios con "foto de familia" incluída. Parabéns a todas e todos os participantes.  + Información

Publicada no Portal Educativo a listaxe de alumnado galardoado

Finalistas do I Concurso de lectura en voz alta, LER E ESCOITAR

 

O Portal Educativo publica hoxe, 3 de decembro, a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se fai pública a listaxe de alumnos e alumnas que pasan á fase final do Concurso "Ler e Escoitar",  logo da valoración por parte do Xurado dos vídeos presentados á fase autonómica, tal e como estaba previsto na convocatoria de 21 de setembro.

O alumnado finalista será convocado a un acto de lectura pública que se realizará en Santiago de Compostela o vindeiro 16 de decembro, no que se resolverá definitivamente este I Concurso de lectura en voz alta, LER E ESCOITAR, destinado a estimular a práctica da lectura expresiva nos centros educativos galegos.

Acceso directo á resolución

Biblioteca escolar, oportunidade para a colaboración, tamén.

Grazas ao Equipo Tics-Biblioteca do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra (un dos centros que levan tempo integrando de forma admirable as tecnoloxías da comunicación e da información en toda a actividade xenerada ou apoiada desde a biblioteca escolar), temos acceso a unha presentación sobre o papel das bibliotecas escolares nos centros educativos, e as súas posibilidades. A partir dos carteis que a consellería publicou nos tres últimos anos, co gallo do mes de outubro, mes da biblioteca escolar, con ilustracións de Manuel Lariño, Miguelanxo Prado e Mariña Seoane, respectivamente, a compañeira Charo Sánchez, co resto do seu equipo, ofrécenos esta atractiva ferramenta sobre as oportunidades da biblioteca escolar. Porque hai unha ducia de motivos para que as bibliotecas escolares sexan, dunha vez por todas, contempladas como eses recursos imprescindibles para un ensino de calidade na sociedade actual. Grazas por compartilo!

Variacións sobre a lectura. III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia-2010

 

Todo foi ben, e através desta páxina saíron en directo todas as intervencións na Sala Santiago, dentro destes III Encontros de bibliotecas escolares de Galicia, celebrados en Santiago, no Pazo de Congresos os días 29 e 30 de outubro. Farase un vídeo co resume do resto das experiencias. Tlodos os materiais, están dispoñibles a través do espazo moodle habilitado para estes encontros. (Se non entra directamente o enlace, pódese acceder como "convidado").