Biblioteca escolar, última xeración

Achégase o mes de outubro e as bibliotecas escolares están xa inmersas en proxectos e actividade. Por moi escuro que sexa o futuro, sen dúbida está aí, chamando á porta, e as bibliotecas han estar preparadas e adiantarse un paso, sen deixar de soñar.

Para celebrarmos o Día da biblioteca (24 de outubro), o mes da biblioteca escolar (segundo convocatoria da IASL), un curso máis, a Consellería de Educación edita un cartaz cunha imaxe dun autor galego. Nesta ocasión, Emma Ríos, ilustradora do mundo do cómic, interpreta o lema proposto, Biblioteca escolar, última xeración, e ofrécenos unha visión alegre e cómplice do que son e poden ser as bibliotecas escolares: lugares de encontro e de convivencia, espazos de aprendizaxe e de contacto gozoso coa cultura escrita; integración dos distintos soportes e formatos que albergan a información e os contidos culturais, oportunidades para soñar e imaxinar; apoio para a adquisición de competencias básicas e construción de coñecementos de calquera tipo; escolas de cidadanía.

+ información sobre EMMA RÍOS no portal Banda Deseñada, do Consello da Cultura Galega.

+ Emma Ríos na Wikipedia

Formación de usuari@s na biblioteca CEIP de Pedrouzos (Brión, A Coruña)

 
Desde a biblioteca do CEIP de Pedrouzos (Brión), achégannos un enlace á súa aula virtual onde podemos entrar como convidados e coñecer un material de formación de usuarios, feito coa ferramenta LIM e que exemplifica o tipo de actividades que se poden levar a cabo desde a biblioteca, coa finalidade de desenvolver no alumnado habilidades específicas para o uso das fontes informativas e dos recursos que esta pode ofrecer. Agradecemos a xenerosidade do equipo da biblioteca poñendo a disposición de todos esta ferramenta.

Resolución do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012

logo de Bibliotecas Escolares de GaliciaO DOG do 13 de setembro publica a Orde de 1 de setembro pola que se resolve o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, para o curso 2011/2012. Incorpóranse 84 novos centros a este programa, que se iniciara no curso 2005/2006 co obxectivo de impulsar a renovación e a actualización das bibliotecas dos centros de ensino non universitario. Actualmente integran o Plan de mellora de b.e. un total de 449 centros públicos, de distintos niveis de ensino.

RESOLUCIÓN

Lembrando a IV Xornada dos Clubs de Lectura


Vídeo resume da IV Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Santiago de Compostela o pasado 10 de xuño.

+ INFORMACIÓN e MATERIAIS

"Un bosque para ler e navegar", ou como artellar un Proxecto Documental Integrado (PDI).

O 2011 foi declarado Ano Internacional dos bosques polos organismos internacionais. Esta circunstancia foi aproveitada por moitos centros escolares para centrar a súa actividade, nalgún momento do curso, no mundo dos bosques, desde destintos enfoques. Un exemplo de bo facer é este Proxecto Documental Integrado (PDI), Un bosque para ler e navegar, deseñado e desenvolvido durante todo o curso no CEIP Frián-Teis, de Vigo, coa participación de toda a comunidade educativa. Recomendamos unha visita aos distintos apartados deste traballo, apoiado pola biblioteca a través dos seus recursos informativos, porque ilustra estupendamente como se pode aprender e ensinar aproveitando fontes diversas, partindo do medio, do máis próximo e significativo para o alumnado, sumando forzas, creando vínculos entre os distintos sectores da comunidade escolar, integrando tecnoloxías tradicionais e dixitais... en definitiva, educando a alumnado actual con metodoloxías axeitadas, sen esquecer o importante: o dereito das nenas e dos nenos a aprender e a medrar como cidadáns activos.

UN BOSQUE PARA LER E NAVEGAR

Ver: Proxectos Documentais Integrados. Rosa Piquín. 2006

Selo "Buena práctica Leer.es" do mes de xullo para o CEIP A Lama

O centro virtual LEER.ES, do Ministerio de Educación, vén de conceder os seus "selos de boas prácticas" correspondentes ao mes de xullo. Novamente, unha biblioteca escolar galega acada esta distinción que vén recoñecer un traballo ben feito no ámbito da lectura e a innovación educativa. O CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra) desenvolveu este ano un PDI (Proxecto Documental Integrado) arredor do tema da auga. Lectura, investigación, aprendizaxe significativa, metodoloxías adaptadas ao alumnado, ás formas de aprender na sociedade da información, relación co medio, comunicación, interdisciplinariedade... entusiasmo, profesionalidade e aproveitamento dos recursos culturais e do medio. Parabéns ao profesorado responsable deste proxecto e á biblioteca escolar que lle dá apoio e soporte a este tipo de actividades.

Hora de botar contas, de facer números, de ver indicadores... Hora de avaliar.

A cultura da avaliación entrou nas bibliotecas escolares galegas e vaise asentando, poñendo de manifesto a profesionalidade do profesorado que as xestiona e lles dá vida. Se ben o indicador do préstamo vai perdendo protagonismo fronte a outros de maior significado, o certo é que este servizo é un dos máis importantes na biblioteca escolar. Unha ollada atenta á súa evolución dentro dun centro pode servir para reorientar as decisións a tomar na política de adquisicións, no necesario equilibrio da colección, na planificación de novas propostas e servizos.

Velaquí os datos do préstamo dunha biblioteca escolar, a do IES As Mariñas, de Betanzos, correspondente ao curso que remata, e o gráfico da evolución do préstamo nos últimos cursos, así como a interesante valoración que fan os responsables da biblioteca destes datos.

Resolución provisional. Centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012

Publicada no Portal Educativo a resolución provisional pola que se incorporan 83 novos centros ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o curso 2011/2012, seguindo o proceso que se recolle na Orde de 17 de marzo de 2011 (DOG de 5 de abril), de convocatoria.

Na resolución definitiva, que se publicará no DOG, no mes de setembro, recollerá a totalidade dos centros integrados neste programa no vindeiro curso, unha vez rematado todo o proceso de valoración de memorias correspondentes ao ano académico 2010/2011, entre outros trámites pertinentes.

Un verán de libros: recomendacións de lectura das bibliotecas escolares galegas

Remata o curso escolar pero non remata o tempo da lectura. Ben o saben as nenas e os nenos que nos últimos días andiveron reservando as súas lecturas para o verán na biblioteca do centro. Son cada vez máis numerosas as bibliotecas que prestan lotes de libros para as vacacións aos distintos membros da comunidade educativa. Outra función da biblioteca, a de orientar en lecturas de calidade, ponse de manifesto, nestes días, a través das guías de lectura, boletíns de recomendacións e outras publicacións en papel e en internet. Recomendamos visitar os blogues das bibliotecas escolares galegas. PRIMARIA  -  SECUNDARIA , e poñemos aquí algúns exemplos:

"Desmontando prexuizos" ou "dedicado a quen afirma que os nenos non len"...

 


 

"Un ano entre libros" é o título deste vídeo do CEIP CHANO PIÑEIRO (Gondomar, Pontevedra) que vén a resumir e dar conta da intensa actividade dunha biblioteca escolar ao longo do curso... un bo exemplo das dinámicas existentes por todo o territorio galego. Parabéns!!!

+ información no PAPORRUBIO, o blogue da biblioteca do Ceip Chano Piñeiro.

IV Xornada dos Clubs de Lectura. Materiais

 

 

O 10 de xuño celebrouse en Santiago de Compostela a IV Xornada de Clubs de Lectura, coa asistencia de 205 profesoras e profesores de toda Galicia, coordinadores dos clubs de lectura que funcionaron este curso 2010/2011 en centros públicos que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, idiomas ou ensinanzas artísticas. Os materiais da xornada están accesibles a todo o profesoado neste enlace (entrar como convidado). Están tamén dispoñibles os vídeos das diferentes sesións.

+ información en LER EN MANCOMÚN

 

IV Xornada dos Clubs de Lectura

   

O venres 10 de xuño, na EGAP (Escola Galega de Administración Pública), de Santiago de Compostela, reunirase o profesorado que coordina os clubs de lectura que, no actual curso 2010/2011, están a ter funcionamento en máis de 200 centros de ensino secundario de toda Galicia. Esta IV Xornada dos Clubs de Lectura será oportunidade para o encontro, o intercambio de propostas, a creación de canles de colaboración futuras, a presentación de experiencias e a reflexión sobre as múltiples posibilidades desta fórmula de fomento da lectura e de formación de lectores e lectoras competentes. Axudarán a tal efecto, a profesora da Universitat de Barcelona, Ana Díaz-Plaja, e o escritor Fernando Marías. Unha mesa de experiencias baixo o lema, Un club de lectura é algo máis, servirá para coñecer algúns exemplos de clubs de lectura que colaboran en actividades conxuntas, implican ás familias ou realizan actividades de fondo calado nas súas respectivas comunidades educativas, espallando o pracer de ler no seu medio máis próximo, ampliando a súa actividade a outras bibliotecas, visitando librerías, creando roteiros literarios nas súas vilas e cidades, ou colaborando con outros clubs de lectura de centros educativos doutras comunidades autónomas, a través do programa ARCE, do Ministerio de Educación, e mesmo doutros países, a través do programa europeo e-Twinning.

Retransmitirase en directo, a través desta páxina, toda a xornada.  Tamén no blogue LER EN MANCOMÚN, dos clubs de lectura

PROGRAMA

Biblioteca no IES Ribeira do Louro


Unha visita virtual á biblioteca do IES Ribeira do Louro (O Porriño, Pontevedra), da man dos rapaces e rapazas que nola van ensinando...  Espazos para o traballo, a consulta, o pracer de ler e de aprender.

Normas de uso da biblioteca no Frei Sarmiento de Pontevedra


Untitled from IES Frei Martín Sarmiento (Bibl on Vimeo.

No IES Frei Sarmiento, de Pontevedra, na estela do que xa fixeran no IES de Ponteceso (Ponteceso, A Coruña) e coa colaboración do Obradoiro de Imaxe do centro e dos rapaces  e rapazas de 3º de ESO, elaboraron este vídeo para difundir as normas de uso da biblioteca. "Maneiras de vivir" a biblioteca que benefician a tod@s.

Maletas viaxeiras: "Os mundos de Cunqueiro"

O 2011 foi declarado polo Consello da Cultura Galega, "Ano Cunqueiro" por mor de celebrarse o centenario do seu nacemento.

Con este motivo, recóllense nunha nova "maleta viaxeira" algunhas das obras do escritor, xunto con outros títulos de autoría diversa, inspirados no fértil imaxinario creado por Álvaro Cunqueiro. Acompáñanse, entre outro material, dunha breve mostra de músicas publicadas a partir dos seus poemas.

As maletas "Os mundos de Cunqueiro" están dispoñibles para os centros que as soliciten, en préstamo temporal. Contacto: bibliotecasescolares@edu.xunta.es.

Esta maleta vense unir ás xa existentes de lectura, cómic e poesía, que andan a rolar polos centros de toda Galicia. A partir do vindeiro curso, estarán todas centralizadas na Asesoría de bibliotecas escolares.

Unha biblioteca escolar que se transforma: CEIP de Chans de Bembrive


Velaquí un vídeo que ilustra o proceso de transformación da biblioteca escolar en centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, ao tempo que facilita a formación de usuarios e usuarias. Parabéns á comunidade educativa do CEIP Chans de Bembrive (Vigo, Pontevedra), pola súa nova biblioteca e polo seu traballo.

Letras Galegas en maio... e todo o ano.

Por todo o país florecen neste maio actividades culturais diversas, co fin de dar a coñecer a figura á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, pero tamén a poñer en valor a lingua e as súas posibilidades de comunicación e de expresión artística. As bibliotecas escolares non son alleas á marea poética que atravesa este ano "loisiano" e son moitos os exemplos de actividades que se impulsaron desde estes espazos educativos; tamén moitas as propostas de aula ou de centro que apoiaron cos seus recursos. Velaquí unha pequena mostra:

Recoméndase un percorrido polos blogues das bibliotecas escolares galegas para obter unha idea das actividades programadas e da súa diversidade: PRIMARIA  -  SECUNDARIA

Salvando libros: un proxecto colaborativo

 Unha vez máis, un bo feixe de bibliotecas escolares galegas puxéronse á tarefa de botar adiante un proxecto conxunto. A raíz dunha proposta inicial, a través de correos electrónicos de ida e volta, foise perfilando a idea de SALVAR UN LIBRO a fin de "chamar a atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito". Un total de 96 bibliotecas escolares de distintos niveis de ensino sumáronse a este traballo conxunto. Despois dunha fase interna, cada centro educativo elixiu un libro galego para salvar, que son os que se recollen nuns carteis, deseñados polo ilustrador Jaime Eizaguirre Santillán, ex-alumno do IES Sánchez Cantón e que xa ten colaborado en proxectos anteriores, sempre de forma desinteresada. O traballo estivo coordinado polas responsables das bibliotecas de EEI de Vide (As Neves) e do IES Luís Seoane (Pontevedra), coa colaboración tamén da responsable do IES Sánchez Cantón (Pontevedra).

 

Unha boa representación das bibliotecas escolares galegas en Madrid

Onte, 11 de maio, celebrouse en Madrid, na Biblioteca Nacional, o acto de entrega dos premios correspondentes ao Concurso Nacional de boas prácticas en xestión e dinamización de bibliotecas escolares, do ano 2010. Como xa se difundira, un total de oito bibliotecas escolares galegas resultaron galardoadas nesta ocasión, sumándose así aos 21 premios acadados desde que se iniciou esta convocatoria, no ano 2003.  Parabéns ás comunidades educativas dos centros que recibiron onte este recoñecemento, polo seu traballo a prol da innovación educativa e pola súa contribución á construción da sociedade lectora. Imaxes

+ información: AQUÍ, aquí, aquí, aquí e aquí.

Vídeo resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares


Velaquí un vídeo resume dos Encontros do Plan de mellora de Bibliotecas Escolares 2010/2011, que tiveron lugar en Santiago de Compostela os pasados 7 e 8 de abril, coa asistencia dos responsables das 374 bibliotecas integradas no presente curso neste programa da Consellería de Educación. + información e acceso aos materiais AQUÍ (entrar como convidado).

Bibliotecas escolares de onte e de hoxe

(Premer e seleccionar esta reportaxe)

 

O día 2 de maio, no programa da TVG A Revista, emitiuse esta reportaxe sobre dúas bibliotecas escolares singulares, que responden a dúas concepcións distintas, con funcionalidades tamén distintas. Por unha banda, a biblioteca histórica do IES Xelmírez I, de Santiago de Compostela, e pola outra, a biblioteca do IES Manuel Antonio, de Vigo, unha biblioteca que responde ao actual modelo impulsado desde a Consellería de Educación, a través do Plan de mellora de bibliotecas escolares, no que está integrada desde o curso 2007/2008. A celebración do Día do Libro, o pasado 23 de abril, mereceu a atención da "Galega", que emitiu estas reportaxes relacionadas coas bibliotecas: 1 - 2

23 de abril, Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor

As Bibliotecas Escolares non poden pararse, e menos neste mes de abril, que vén cargado de encontros, soños e actividade arredor do libro e da lectura. O vindeiro 23 de abril, aínda que sexa período vacacional, non pasa desapercibido. Este Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, é un día para reivindicar eses "lugares para a lectura" que construímos entre os lectores e os libros (calquera que sexa a forma que estes libros acaben tomando).

O poeta Carlos Negro agasallou ás Bibliotecas Escolares Galegas cun fermoso texto, "O lugar da lectura", e a Consellería de Educación editou con el un marcapáxinas para celebrar este 23 de abril de 2011. Agradecemos a Carlos Negro as fermosas imaxes do seu texto, aproveitamos para poñer a bufanda colorada e saímos pasear pola fenda do espello.

MARCAPÁXINAS (dobrar en sentido lonxitudinal)

No blogue HORA DE LER hai algúns exemplos da forma en que as bibliotecas escolares galegas celebran este día.

Materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 10/11

 

Os días 7 e 8 de abril celebráronse en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotcas escolares.

Convocatoria Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012

O DOG do 5 de abril fai pública a Orde do 17 de marzo de 2011 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación e O. Universitaria, para o curso 2011/2012. Seleccionaranse 75 novos centros e, así mesmo, poderán continuar no programa aqueles centros xa integrados que presenten a documentación oportuna e acaden valoración positiva na memoria do presente curso 10/11. Esta actuación está cofinanciada polo Ministerio de Educación, en virtude do Convenio de colaboración para a mellora das bibliotecas escolares, un programa de cooperación entre as dúas administracións educativas, iniciado en 2005. O prazo de presentación de solicitudes e de documentación é de un mes, rematando pois o cinco de maio.

TEXTO DA CONVOCATORIA

ACCESO AOS ANEXOS en formato electrónico (Cubrir directamente, imprimir e enviar de forma ordinaria)