Bibliotecas escolares

Caderno informativo 2012/2013

Publícase en formato pdf un CADERNO INFORMATIVO 2012/2013 coa relación de todos os centros integrados actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares, xunto con outras informacións de interese: blogues de bibliotecas escolares galegas, blogues dos clubs de lectura, orientacións sobre o modelo de biblioteca escolar, pautas para a actualización da colección da biblioteca, informacións relacionadas co Proxecto Lector de Centro, propostas da consellería en relación con bibliotecas escolares e lectura, materiais a disposición dos centros para o fomento da lectura, bibliografía e recursos dixitais en relación coas bibliotecas escolares, a alfabetización informacional ou o fomento da lectura... (Trátase dun documento en revisión que se actualizará periódicamente).

Outubro, mes da biblioteca escolar. 24 de outubro: Día da Biblioteca.

   

   

Desde hai algúns anos, a IASL vén instando á celebración do "mes da biblioteca escolar" (anteriormente, Día da biblioteca escolar no cuarto luns de outubro) co fin de difundir as posibilidades deste tipo de bibliotecas e a súa potencialidade como factor de calidade do ensino nos centros.  Desde os inicios, a Asesoría de bibliotecas escolares apoiou esta iniciativa internacional cunha chamada á realización de actividades que servisen para facer visible a biblioteca nos centros.  O lema deste ano é A biblioteca escolar, unha chave para o pasado, o presente e o futuro.

Desde 2008, a Consellería de Educación vén editando, a comezos de cada curso escolar, un cartel para difundir o modelo de biblioteca escolar polo que se está a traballar, uníndose desta forma á celebración do Día da biblioteca (24 de outubro), no convencemento de que, aínda sendo unha biblioteca específica (cunha misión clara dentro do centro educativo, e uns servizos e actividades acordes á súa definición como "centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe"), non deixa de ser unha BIBLIOTECA; máis aínda, é a ÚNICA biblioteca pola que pasa toda a poboación en idade escolar dun país: todos os nenos e todos os mozos teñen no seu centro (ou deberían ter) unha biblioteca escolar.

Galicia conta, desde hai pouco (Lei 5/2012, do 15 de xuño), cunha Lei de Bibliotecas de Galicia que contempla a Rede de Bibliotecas Escolares como integrantes do Sistema Galego de Bibliotecas, xunto coa biblioteca de Galicia, a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, as Bibliotecas Universitarias e as bibliotecas especializadas entre outras.

De zona de paso.... a recuncho de lectura. IES Poeta Añón (Outes)

Desde o IES Poeta Añón (Outes, A Coruña), chéganos este vídeo que documenta o proceso de transformación dunha zona de paso nun espléndido recuncho de lectura, coa colaboración da rapazada e do Departamento de Plástica do centro: un orzamento mínimo, algún moble reciclado e unha gran dose de imaxinación e ghanas... Gañar espazos para a lectura, unha forma de "mediar" e facilitar que os rapaces e rapazas se sintan a gusto nesa actividade, que é a única forma de habituarse á lectura...  Parabéns por esta iniciativa e grazas por compartila!!

Biblioteca escolar, acelerador de innovación

As bibliotecas escolares galegas viviron importantes transformacións nos últimos anos, grazas ao esforzo conxunto de comunidades educativas e administración, nunha tarefa que ten como finalidade ofrecer máis e mellores instrumentos ao alumnado para a súa formación académica e persoal. Estas transformacións non foron só físicas (moito profesorado afirma que a biblioteca é o espazo máis fermoso do seu centro); o cambio máis importante é o que se produce no centro educativo cando a biblioteca se activa, porque arredor das súas propostas e dos seus recursos, da actividade que xenera e os apoios que presta, botan a andar (ou cobran forza, asentándose) dinámicas de traballo diferente, prácticas pedagóxicas máis activas, propostas máis colaborativas, proxectos ilusionantes que axudan a construír coñecemento e a construír comunidade tamén. As bibliotecas, ao renovarse e activarse, confírmanse como aceleradores de innovación, de innovación educativa.

Con este lema, Biblioteca escolar, acelerador de innovación, preséntase o cartel que neste curso 2012/2013 edita a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co gallo da celebración do mes da biblioteca escolar (outubro) e do Día da Biblioteca (24 de outubro) e que chegará aos centros en datas próximas. Nesta ocasión, a ilustración correspondeu ao creador galego Andrés Meixide,  que vén sumarse así aos ilustradores que teñen colaborado con esta consellería no obxectivo de difundir as posibilidades da biblioteca escolar (Manuel Mariño/2008, Miguelanxo Prado/2009, Marina Seoane/2010, Emma Ríos/2011)

Comunicación presentada no Congreso Iberoamericano de las lenguas en la Educación y la Cultura-IV congreso Leer.es (Salamanca, 5/7 de setembro de 2012)

Vídeo-resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012


Encontros Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Vídeo resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012, celebrados en Santiago de Compostela os días 19 e 20 de abril, coa asistencia de responsables ou membros dos equipos de bibliotecas incluídas neste programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (nesta ocasión, centros que se integraron nas catro últimas convocatorias). Para a organización desta actividade de formación, no contexto do Plan de mellora de bibliotecas escolares, contouse con financiación do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, en virtude dos convenios de colaboración nesta materia.

Publicada no DOG a Orde de convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2012/2013

O DOG do 7 de maio fai pública a ORDE do 26 de abril de 2012 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitsaria, para o curso 2012/2013.

Seleccionaranse 55 novos centros e, así mesmo, poderán continuar no programa aqueles centros xa integrados que presenten a documentación oportuna, en tempo e forma,  e acaden valoración positiva na memoria do presente curso 11/12. Esta actuación está cofinanciada polo Ministerio de Educación, en virtude do Convenio de colaboración para a mellora das bibliotecas escolares (Addenda 2010), un programa de cooperación entre as dúas administracións educativas, asinado en 2006.

O prazo de presentación de solicitudes é de UN MES a partir da data de publicación, sendo a data límite o 7 DE XUÑO.

Materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012

Os días 19 e 20 de abril de 2012 tiveron lugar en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012, coa participación de responsables de bibliotecas de 306 centros dos 449 que conforman este programa no presente curso. En breve estarán dispoñibles os vídeos de boa parte das sesións, así como un vídeo resume das dúas xornadas.

Todos os materiais (presentacións dos diferentes relatores e informacións adicionais) están dispiñibles na aula virtual habiliada, a través desta LIGAZÓN (pódese entrar como convidado).

Julia González, responsable do CEIP Mestres Goldar (Vigo) realizou unha reportaxe fotográfica da EXPOSICIÓN DE MATERIAIS que os centros participantes achegaron e que se puido ver durante a celebración dos encontros.  

Cinco impactos positivos das bibliotecas escolares no rendemento do alumnado.

A través da páxina LECTURA LAB (FGSR), coñecemos este estudo realizado a instancia do Departamento de Educación do Estado de Nova Iork en relación coa influencia das bibliotecas escolares nos resultados obtidos polos estudiantes. No estudo, realizado polo New York Comprehensive Center en 2011, obtéñense resultados que falan da importancia de apoiar ás bibliotecas escolares, dados os beneficios que proporciona a docentes e alumnos a súa presenza activa nos centros educativos.  Así por exemplo, o "primeiro impacto" do que fala o estudo afirma:

Grazas á colaboración na busca de obxectivos coherentes e a que facilitan aos estudantes o acceso á tecnoloxía, as bibliotecas escolares axudan a mellorar a efectividade dos docentes.

+ Información AQUI

Daniel Cassany: Bibliotecas escolares, cultura escrita e sociedade en rede.

Videoconferencia de Daniel Cassany para a apertura do curso Bibliotecas escolares, cultura escrita y sociedad en red (2011). Corresponde á segunda edición do curso do CAEU da OEI Diplomatura de posgrado en Bibliotecas escolares, cultura escrita y sociedad en red http://www.oei.es/postgrado_bibliotecas/


Espazos de lectura informal, outra forma de crear ambientes lectores no centro.

Espazo de lectura informal - CPI Manuel Suárez Marquier - O RosalÁ hora de transformar a biblioteca no centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, unha das primeiras accións é a de redistribuír os espazos e crear zonas para as distintas actividades que se poden levar a cabo na biblioteca. Cómpre estudar as posibilidades da superficie dispoñible e, cando non é moita, ver de aproveitala ao máximo e non renunciar a ningunha das zonas (lectura informal, lectura individual, traballo en pequeno grupo, gran grupo, zona de ordenadores, recuncho audiovisual para uso autónomo, exposición de novidades, zona de xestión, préstamo e atención a usuari@s, taboleiro informativo, recuncho de lectura en voz alta ou de presentación de traballos, recitais, etc.), aínda que sexa gañando "terreo colindante": corredores, zonas de paso, recunchos infrautilizados....  Cando a biblioteca dispón dun espazo amplo (coma neste caso, o CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal, Pontevedra) o deseño das distintas zonas (en función tamén dos recursos dispoñibles), é esencial. Así o están facendo en moitas das bibliotecas escolares galegas, que están a innovar non só os espazos senón, especialmente, as actividades que se levan a cabo nelas e os servizos que ofrecen ás súas comunidades educativas. Estas actuacións permiten a creación de espazos atractivos, onde se pon en valor a lectura en toda a súa extensión, e o encontro "amable" cos recursos culturais e o coñecemento. Non se trata dun luxo senón dun dereito, o dereito á educación de calidade. Un bo exemplo é esta imaxe da zona de lectura informal na biblioteca do CPI Manuel Suárez Marquier.

VÍDEO: BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

Ás portas do Aninovo

Todo un ano por diante para traballar polas bibliotecas escolares e a lectura. Que veñan ben dadas!!!

6 premios para as bibliotecas escolares galegas no Concurso Nacional de boas prácticas 2011, do Ministerio de Educación.

O Ministerio de Educación vén de comunicarlle á esta consellería que no Concurso Nacional de boas prácticas na xestión e dinamización das bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2011, acadaron galardón seis bibliotecas escolares desta comunidade. Por segundo ano consecutivo, o primeiro premio na modalidade de ensino infantil e primario é para un centro galego. Velaquí a relación de centros premiados:

Parabéns ás comunidades educativas destes centros polo esforzo realizado, e polo recoñecemento que estes premios supoñen á profesionalidade e o compromiso do profesorado que pon en marcha e mantén estas bibliotecas, estes espazos educativos de primeiro nivel. As nenas e os nenos que se forman nelas como lectores e como cidadáns, ben o merecen.

Bibliotecas escolares galegas

Bibliotecas Escolares en Tránsito [GAL] from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Este vídeo foi rodado en centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares de diferentes recunchos de Galicia, e presentouse no Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito, celebrado en Compostela os días 10, 11 e 12 de novembro, organizado pola Consellería de Educación en colaboración co Ministerio de Educación.
As imaxes exemplifican a distribución de espazos nas novas bibliotecas, e algunhas das actividades que o alumnado realiza nelas día tras día.

 

Biblioteca escolar, última xeración

Achégase o mes de outubro e as bibliotecas escolares están xa inmersas en proxectos e actividade. Por moi escuro que sexa o futuro, sen dúbida está aí, chamando á porta, e as bibliotecas han estar preparadas e adiantarse un paso, sen deixar de soñar.

Para celebrarmos o Día da biblioteca (24 de outubro), o mes da biblioteca escolar (segundo convocatoria da IASL), un curso máis, a Consellería de Educación edita un cartaz cunha imaxe dun autor galego. Nesta ocasión, Emma Ríos, ilustradora do mundo do cómic, interpreta o lema proposto, Biblioteca escolar, última xeración, e ofrécenos unha visión alegre e cómplice do que son e poden ser as bibliotecas escolares: lugares de encontro e de convivencia, espazos de aprendizaxe e de contacto gozoso coa cultura escrita; integración dos distintos soportes e formatos que albergan a información e os contidos culturais, oportunidades para soñar e imaxinar; apoio para a adquisición de competencias básicas e construción de coñecementos de calquera tipo; escolas de cidadanía.

+ información sobre EMMA RÍOS no portal Banda Deseñada, do Consello da Cultura Galega.

+ Emma Ríos na Wikipedia

"Desmontando prexuizos" ou "dedicado a quen afirma que os nenos non len"...

 


 

"Un ano entre libros" é o título deste vídeo do CEIP CHANO PIÑEIRO (Gondomar, Pontevedra) que vén a resumir e dar conta da intensa actividade dunha biblioteca escolar ao longo do curso... un bo exemplo das dinámicas existentes por todo o territorio galego. Parabéns!!!

+ información no PAPORRUBIO, o blogue da biblioteca do Ceip Chano Piñeiro.

Vídeo resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares


Velaquí un vídeo resume dos Encontros do Plan de mellora de Bibliotecas Escolares 2010/2011, que tiveron lugar en Santiago de Compostela os pasados 7 e 8 de abril, coa asistencia dos responsables das 374 bibliotecas integradas no presente curso neste programa da Consellería de Educación. + información e acceso aos materiais AQUÍ (entrar como convidado).

Bibliotecas escolares de onte e de hoxe

(Premer e seleccionar esta reportaxe)

 

O día 2 de maio, no programa da TVG A Revista, emitiuse esta reportaxe sobre dúas bibliotecas escolares singulares, que responden a dúas concepcións distintas, con funcionalidades tamén distintas. Por unha banda, a biblioteca histórica do IES Xelmírez I, de Santiago de Compostela, e pola outra, a biblioteca do IES Manuel Antonio, de Vigo, unha biblioteca que responde ao actual modelo impulsado desde a Consellería de Educación, a través do Plan de mellora de bibliotecas escolares, no que está integrada desde o curso 2007/2008. A celebración do Día do Libro, o pasado 23 de abril, mereceu a atención da "Galega", que emitiu estas reportaxes relacionadas coas bibliotecas: 1 - 2

Caderno informativo Bibliotecas Escolares de Galicia 2010/2011

Este CADERNO INFORMATIVO 2010/2011 reúne diversas informacións relacionadas coas bibliotecas escolares galegas e os programas e iniciativas da Consellería de Educación para a renovación destas bibliotecas e o fomento da lectura nos centros de ensino.

- Plan de mellora de bibliotecas escolares

- Programa HORA DE LER

Contén, así mesmo,  bibliografía e recursos electrónicos diversos.

Encontros Plan de mellora de bibliotecas escolares 2010/2011

Quentando motores.... o vindeiro 7 e 8 de abril reunirase en Santiago de Compostela o profesorado responsable das bibliotecas  integradas actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares, un programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, iniciado en 2005, e que inclúe neste curso un total de 374 centros públicos de distintos niveis educativos.

Será ocasión para profundizar no modelo da biblioteca escolar que se está a estender, como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe. Incidirase nos instrumentos que Internet pon a disposición das bibliotecas para o exercicio das súas funcións e facilitar a formación da competencia informacional do alumnado, e falarase de lectura e de poesía: cine e banda deseñanda centrarán as experiencias dos centros, que se presentarán en mesas simultáneas. Tamén será oportunidade para o encontro entre os membros dun colectivo que están a facer realidade as pequenas utopías que son todas e cada unha das bibliotecas escolares galegas.

Programa

 

8 de marzo nas bibliotecas escolares galegas

Arredor do 8 de marzo, unha das datas claves no calendario civil para a formación dos cidadáns, que son, os rapaces e rapazas do país, as bibliotecas escolares ofrecen oportunidades de aprendizaxe diferenciadas, nas que se aúna lectura e investigación, valores e sensibilidade, convicción e desexos de xustiza e de igualdade. A título de exemplo, algunhas destas actividades das que nos foi chegando noticia:

Conclusións do II Congreso Leer.es

 


Baixo o lema "Leer para aprender. Nuevas alfabetizaciones", celebrouse en Madrid, no mes de novembro de 2010 o II Congreso Nacional Leer.es. Nas conclusións contémplase un apartado específico para as bibliotecas escolares, que comeza así:

"As bibliotecas escolares, coma centros de recursos e servizos de apoio á aprendizaxe, constitúen un medio privilexiado para o desenvolvemento de todas aquelas competencias relacionadas coa lectura e otra tamento da información. Nun contexto dixital, a biblioteca amplía os seus obxectivos e funcións e involúcrase claramente no proceso educativo, facilitando as novas alfabetizacións e reforzando as máis tradicionais. "

Convidamos a ver todo o documento