Actualidade

30 de Xaneiro: Día Escolar da Paz

Aínda que este ano cadran nunha mesma semana datas tan dinámicas nos centros educativos como o Entroido e o Día da Paz, a actividade xerada polas bibliotecas escolares está a ser intensa, como intensas son as ganas de colaborar e enorme a xenerosidade do profesorado dos equipos destas bibliotecas que están a compartir iniciativas, materiais, programas de actividades, guías de lectura.... construíndo a Paz día a día.... Traballar no ámbito da educación é algo moi complexo no momento social no que nos atopamos... e queremos, desde a Asesoría de bibliotecas escolares, lembrar aquel texto de Eduardo Galeano:

"... son cousas pequenas. Non acaban coa pobreza, non nos sacan do subdesenvolvemento, non socializan os medios de produción e de troco, non expropian as covas de Alí Babá.

Pero quizáis desencadeen a alegría de facer, e a traduzan en actos.

Ao fin, actuar sobre a realidade e cambiala, aínda que sexa un pouquiño, é a unica maneira de probar que a realidade é transformable..."

Resolución da convocatoria de clubs de lectura 2007/2008

 

 Con data de 26 de decembro resólvese a convocatoria de Clubs de Lectura, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Presentáronse un total de 106 proxectos de clubs de lectura, procedentes de diversos centros educativos que acollen alumnado de ensino secundario, baharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Prácticamente, un tercio dos centros de ensino secundario de Galicia albergarán nos próximos meses, grupos de lectura (nalgúns casos varios grupos): profesores e alumnos, ás veces pais e nais e persoal non docente, que teñen a vontade de xuntarse para falar de libros e compartir lecturas fóra do tempo lectivo.

Guías de Lectura para o Nadal - II

 

 Máis guías de lectura para o Nadal:

Guías de lectura para o Nadal

   Achégase o tempo de vacacións e as bibliotecas están xa a elaborar as súas Guías de lectura para o Nadal.

Dereitos Humanos, todos os días

 

 Pasou o día, pero non a romería. Afortunadamente, son moitos os centros educativos que traballan de forma cotiá pola defensa dos Dereitos Humanos, comezando por facer efectivo o dereito á educación, a unha educación de calidade que favoreza a formación integral do alumnado, pero tamén a construción dunha sociedade máis xusta e solidaria.

Os blogues das bibliotecas escolares galegas son estes días un indicador do dinamismo do profesorado que está á fronte destes servizos educativos. Dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares desexamos felicitar a tod@s os participantes neste traballo colaborativo... sabemos que as sinerxias que se crean traballando xuntos por unha causa común xeran sempre boa enerxía... esa que fai andar o mundo.

 Cartel elaborado e posto a disposición de todas as bibliotecas escolares desde o IES Río Cabe, de Monforte de Lemos.  

Dereitos Humanos, traballo colaborativo e bibliotecas escolares

Xa hai uns días que os blogues das bibliotecas escolares de Galicia veñen presentando unha mensaxe común co fin de lembrar a celebración, o día 10 de Decembro, do Día Internacional dos Dereitos Humanos. É esta unha actuación común que nace da convición das vantaxes do traballo colaborativo, e da vontade e xenerosidade de profesoras e profesores que están á fronte das bibliotecas escolares galegas.

Recomendamos unha visita aos blogues das bibliotecas escolares, fiestras privilexiadas para coñecer o intenso dinamismo destas, e comprobar os efectos do esforzo común na defensa dos Dereitos Humanos,  nesta ocasión, e dunha educación integral do alumnado dos centros.

4 bibliotecas escolares galegas acadan premio no Concurso nacional de boas prácticas do MEC-2007

 

Ceip Milladoiro-Malpica

Un ano máis, na relación de centros educativos galardoados no Concurso Nacional de boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2007, aparece unha boa e nutrida representación galega. Nesta ocasión acadaron recoñecemento os seguintes centros:

  • CEIP A Ponte, de Lugo (2º premio, modalidade A)
  • CEIP Milladoiro, de Malpica (3º premio), modalidade A)
  • CEIP San Martiño, de Salcedo-Pontevedra (3º premio, modalidade A)
  • IES Marqués de Suanzes, de Ferrol (3º premio, modalidade B)

 

CEIP A Ponte - Lugo

 

Parabéns ás comunidades educativas dos respectivos centros por estes premios, que supoñen unha valoración ao esforzo común presente, sen dúbida, detrás destas boas prácticas agora recoñecidas.

BIBLIOTECA ESCOLAR, ESPAZO PARA A IGUALDADE

A biblioteca escolar, as bibliotecas, lugares nos que atopar:

  • PALABRAS para nomear o que sentimos.
  • PALABRAS para entender, para entendérmonos.
  • PALABRAS para berrar, cando todos calan.
  • PALABRAS para dicir baixiño, pero que se escoiten.
  • PALABRAS para expresar e expresármonos... e expresar ao OUTR@.

25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero.

As bibliotecas escolares programaron diversas actividades para a sensibilización da comunidade educativa no seu conxunto, e do alumnado en particular, en relación á necesidade de eliminar toda violencia e moi especificamente, a violencia de xénero da nosa sociedade. Algúns exemplos:

    IES Gregorio Fernández, de Sarria (Lugo)
    CEIP Fermín Bouza Brey, Ponteareas (Pontevedra)
    IES do Sar, Santiago de Compostela
    Cómpre estar atentos aos blogues das bibliotecas escolares galegas neste día 25, moi especialmente a dous deles que iniciarán unha "cadea" de vontades:
    http://trafegandoronseis.blogspot.com/
    http://www.bibliotecadocole.com/

Clubs de Lectura

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publica, no contexto das actuacións para o fomento da lectura en centros escolares, unha convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de Clubs de Lectura, durante o curso 2007/2008, en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que matriculen alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 20 de novembro.

Texto da convocatoria e impreso de solicitude.

A Guía do Profesorado LER O MUNDO,  dos materiais para o 1º ciclo do ensino secundario da campaña de fomento da lectura HORA DE LER contén informacións sobre os obxectivos e as fórmulas máis axeitadas para a posta en práctica dun club de lectura con alumnado adolescente. Contén tamén recursos e bibliografía.

Os blogs das bibliotecas escolares galegas chaman a atención da tvg


 

As bibliotecas escolares galegas están a empregar os blogs como ferramenta para a difusión das súas actividades e para mellorar os servizos ofrecidos aos lectores e lectoras. Son xa máis de 30 os blogs deste tipo en pleno funcionamento, o que chamou a atención de diversos axentes atentos ao que se move por Internet en materia educativa ou cultural, entre eles, os responsables do programa Libro Aberto da Televisión de Galicia , que vén de emitir unha pequena reportaxe sobre este tema.

O blog é comunicación en estado puro, de aí a fascinación que produce entre os usuarios das tecnoloxías da comunicación e da información, e entre o profesorado que se achega a este medio, descubre as súas poibilidades pedagóxicas e comeza a utilizalos como instrumento nas súas practicas de ensino e aprendizaxe.

Os que máis len: nenas e nenos entre 10 e 13 anos

A Federación de Gremios de Editores de España vén de facer públicos os resultados do Barómetro de Hábitos de Lectura y compra de Libros correspondente ao terceiro trimestre de 2007. Consolídase o grupo de nenas e nenos entre 10 e 13 anos como o sector da poboación que máis le: 9 de cada 10 nenas e nenos desta idade decláranse lectores; a maioría le por elección propia e porque lles gusta.

Un dato significativo é que o 94,5% dos nenos e nenas enquisados afirman que no seu colexio os profesores lles animan á lectura.

Outro dato importante: nos fogares destes lectores, o 73,4% dos pais len de forma cotiá e un 80,7% mercoulles ou regaloulles libros no último ano.

O mesmo estudio sinala que entre a poboación lectora maior de 14 anos (o 57%), o grupo de poboación que máis le son os mozos entre 14 e 24 anos, que o fan nun 70,2%

Non debe pasarse por alto outro dato deste barómetro, o que indica que só escolle o galego para as súas lecturas un 0,1% da poboación lectora. Por último, un vistazo á lista dos libros máis lidos en xeral, e entre os máis novos en particular, chama a unha reflexión á hora de preparar seleccións de lecturas e itinerarios lectores para o noso alumnado, co fin de mellorar a súa competencia literaria.

24 de outubro: Día das Bibliotecas

O día 24 de outubro está sinalado, no Calendario do Libro de Galicia, como Día das Bibliotecas. Este ano 2007, a Consellería de Cultura e Deporte encargoulle a Xaquín Marín a imaxe para o cartel divulgativo que lle foi remitido a todas as bibliotecas públicas e escolares. A celebración noutras comunidades autónomas pódese consultar na páxina de Amigos del Libro Infantil y Juvenil.

As bibliotecas non son lugares neutros. Na construción dunha sociedade lectora, requisito para a consecución dunha sociedade máis xusta e solidaria, os bibliotecarios e bibliotecarias deben tomar partido, partido hasta mancharse, retomando o verso de Gabriel Celaya. Así nolo lembra Javier Pérez Iglesias, bibliotecario da Universidade Complutense de Madrid, no texto Por una multitud de minorías, recollido no volume Palabras por la biblioteca:

"As nosas seleccións de documentos, a nosa forma de presentalos aos usuarios, a maneira de clasificalos e de facelos accesibles, todo elo son tarefas estrictamente bibliotecarias que supoñen tomar partido. Ao deseñar a biblioteca estamos actuando, tomando decisións que teñen implicacións políticas e sociais."

Neste día, desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares propoñemos:

Non calquera libro. Si todas as lecturas.

Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia 2007

Xa foron... as Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia 2007 celebráronse tal e como estaba previsto. Os resultados a medio prazo iranse vendo, como xa pasou con anteriores convocatorias deste tipo, no traballo cotián do profesorado nos seus centros. As primeiras valoracións son todas positivas: pola asistencia de máis dun milleiro de profesionais dos niveis de educación infantil, primaria e secundaria; pola receptividade amosada aos contidos dos diversos relatorios; pola satisfacción manifestada nas pausas e ao remate das xornadas; pola alegría reflectida nos rostros da xente que descubría, unha vez máis, que son moitos e moitas os que están a traballar a prol das bibliotecas escolares galegas, a prol da promoción da lectura entre o alumnado, a favor dunha mellora da calidade educativa que se ofrece nos centros. Coas conclusións recollidas e lidas ao remate das xornadas, e as valoracións dos asistentes, elaborarase un documento en breve ao que se lle dará difusión a través deste medio.

Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 2007

Máis de mil profesores e profesoras de toda Galicia vanse reunir, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela os días 19 e 20 de outubro, nas Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 2007. Será lugar de encontro para a reflexión conxunta sobre a lectura no contexto escolar, sobre as mellores fórmulas para conseguir lectores e lectoras competentes, preparados para moverse con seguridade na sociedade da información, sensibles á mellor literatura; será tamén ocasión para compartir inquietudes, establecer vínculos de colaboración e reforzar amizades, que tamén as hai, entre as xentes que fan posibles as bibliotecas escolares galegas.

Programa

Información sobre o Palacio de Congresos, lugar de celebración das xornadas.

Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros - 2º trimestre 2007

A Federación de Gremios de Editores de España publicou no mes de xullo o informe sobre hábitos de lectura e compra de libros, correspondente ao 2º trimestre de 2007. Por primeira vez, este informe incorpora datos relativos á poboación entre 10 e 13 anos. De interese para quen traballa neste ámbito. A ter enn conta tamén a relación de libros máis lidos... que podería provocar algunha reflexión.

Ler ao dereito. O dereito a ler: Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia-2007

Está aberto o prazo para solicitar a participación na actividade de formación do profesorado XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA - 2007, que se celebrarán en Santiago de Compostela baixo o título LER AO DEREITO. O DEREITO A LER.

Información sobre a actividade na páxina de formación do profesorado: www.edu.xunta.es/fprof

Programa

Dúas bibliotecas escolares do Plan de mellora, Premios Nacionais de boas prácticas 2006.

A Biblioteca Nacional acolleu, o pasado 29 de maio, a entrega por parte do Ministerio, dos Premios Nacionais de boas prácticas na dinamización de bibliotecas escolares, correspondentes á convocatoria do ano 2006. Dúas bibliotecas galegas, a do IES Leliadoura, de Ribeira, e a do IES Ramón Mª Aller Ulloa, de Lalín, resultaron galardoadas.

Acceso a outras noticias sobre esta entrega de premios:

Cursos de verán de bibliotecas escolares

O Ministerio de Educación e Ciencia, en colaboración con distintas entidades públicas, convoca prazas para os cursos de verán 2007. Hai dous cursos de bibliotecas escolares, un para profesorado de ensino infantil e primario en Santander, e outro para o profesorado de ensino secundario, en Ávila. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 3 de xuño.

Orde de convocatoria, publicada no BOE do 14 de maio de 2007.

Convocatoria Premio Marta Mata á calidade dos centros educativos - 2007

O Ministerio de Educación vén de convocar o Premio Marta Mata á calidade dos centros educativos, correspondente ao ano 2007.

"O obxectivo do mesmo é recoñecer, destacar e dar visibilidade á traxectoria daqueles centros docentes non universitarios que se teñan distinguido polas súas boas prácticas e polo esforzo compartido da comunidade educativa na busca da mellora da acción educativa, para conseguir unha educación de calidade para todos. "

Nos criterios de selección, se recolle, entre outros: "Que o centro docente, no marco dos obxectivos educativos plantexados pola Unión Europea, adopte medidas organizativas e curriculares para colaborar na creación dun entorno de aprendizaxe aberta, desenvolver a iniciativa e a autonomía persoal do alumnado, mellorar a aprendixzaxe de idiomas estranxeiros e abrir o centro ao contorno, ao mundo do traballo e á sociedade en xeral, realizando intercambios con outros centros e participando en redes educativas."

Unha biblioteca escolar activa constitúe un factor de calidade do ensino que se oferta no centro. Moitas realidades de centros escolares galegos, con bibliotecas escolares consolidadas, entran de cheo nas condicións desta convocatoria, que pode ser unha oportunidade para facer visible un traballo sistemático a prol dunha educación integral do alumnado.

Texto completo da convocatoria publicada no BOE

Plan de mellora de bibliotecas escolares - 2007/2008

O DOG do 16 de maio publica a Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da consellería, para o curso 2007/2008. Existen tres modalidades:

  1. Centros que se integraron no Plan na 1ª convocatoria (PLAMBE_1)
  2. Centros da segunda convocatoria (PLAMBE_2)
  3. Novos centros

O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 18 de xuño.

Neste enlace pódense cubrir os anexos directamente e imprimilos para o seu envío co resto da documentación.

O blog da biblioteca escolar do IES As Mariñas, premio Espiral Edublogs 2007

O blog A Nosa Biblioteca 3.0 da biblioteca escolar do IES As Mariñas, de Betanzos, recibiu onte, 13 de maio, o terceiro premio do concurso de blogs educativos, na modalidade Blogs de colectivos, organizado pola Associació Espiral: educació i tecnología, unha agrupación de profesores, estudiantes, investigadores, entidades e técnicos interesados na aplicación das tecnoloxías da información no ámbito educativo.

Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros

A Federación de Gremios de Editores de España vén de facer público o Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros corrspondente ao primeiro trimestre de 2007.

Interesa unha lectura atenta destes datos, máis aló do optimismo que leva a afirmar que o índice de lectura acada en España o 56% neste primeiro trimestre. Un dato si pode ser de interese para ir eliminando tópicos: A relación entre idade e hábito de lectura amosa o índice máis elevado entre os mozos de 14 a 24 anos (73,2%).

Estes e outros estudos anteriores pódense consultar na páxina da FGEE, no apartado de documentos sobre o sector editorial español.

Achégase arquivo co estudo anteriormente aludido.

Arquivo adxunto

María Gripe, in memoriam

O pasado 5 de abril morreu a escritora sueca María Gripe. Os mediadores que levan anos seguindo a literatura xuvenil europea coñecen ben a esta autora, de indubidable calidade literaria e humana.

Os escaravellos voan á tardiña é un dos seus  libros máis coñecidos para os lectores adolescentes galegos.

María Gripe recibira o premio Hans Christian Andersen, o nobel da literatura infantil e xuvenil, no ano 1974

Representación galega nas III Jornadas sobre Bibliotecas Escolares de Extremadura

Os responsables de dúas bibliotecas escolares do Plan de mellora acudirán III Jornadas sobre Bibliotecas Escolares de Extremadura, a celebrar en Cáceres os días 8 e 9 de maio de 2007, por invitación dos programadores, a Dirección General de Política Educativa da Consejería de Educación da Junta de Extremadura:

  • O CEIP Pepe de Xan Baña, de Traba-Castriz-Santa Comba
  • O IES Auga da Laxe, de Gondomar