Título node Learning object

Activistas polo mundo que queremos
Mér, 16/07/2014 - 11:00

Ficha técnica

Institución: Proxecta

  • Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

    • Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo
      • Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
        • Subdirección Xeral de Cooperación Exterior
    • ONGD: Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) e ACPP (Asemblea de Cooperación pola Paz)

Ámbito: solidariedade/cidadanía global/ voluntariado
 

Definición:

Activistas polo mundo que queremos é un proxecto de Educación para a Cidadanía Global (ECG), que se desenvolve ao longo de todo o curso de xeito semipresencial (4 sesións presenciais no centro e 3 sesións de traballo mediante a aula virtual, sempre co apoio do equipo técnico das ONGD). O fin último do proxecto é concienciar sobre algunhas das principais desigualdades globais, incidindo na importancia de que todos e todas, como cidadáns e cidadás críticos/as que somos, actuemos para mudar estas situacións inxustas.

Traballaranse os tres tipos de contidos (os coñecementos, as actitudes/ valores e as habilidades/ destrezas) para lograr así un aproveitamento óptimo do proxecto, alén de traballar no desenvolvemento dos resultados de aprendizaxe e das competencias clave.

O alumnado participante poderá traballar na defensa dos Dereitos Humanos partindo da investigación arredor de catro liñas temáticas: a defensa do medio ambiente, o feminismo, a defensa das persoas do colectivo LGTBIQ+ e o activismo antirracista. Unha vez seleccionado e investigado un destes temas mediante as actividades da aula virtual, os mozos e mozas utilizarán a radio como ferramenta educomunicativa para presentarnos as súas propostas para facer do mundo un lugar mellor (os medios técnicos estarán facilitados polas entidades que conforman o proxecto, que tamén serán as encargadas de gravar e editar os guións que redacte o alumnado).

Finalmente, o proxecto culmina coa “Visita Sur”, na cal os centros participantes reciben a visita de persoas activistas procedentes de contextos vulnerábeis, para dialogar coa mocidade sobre a importancia da participación social para mudar aquelas cuestións que nos oprimen. No seguinte enlace pódese apreciar, a modo de exemplo, a Visita Sur recibida no curso 2021/2022: Visita El Salvador.

Vinculación cos ODS da Axenda 2030:

  • ODS 10. Redución das desigualdades
  • ODS 4. Educación de calidade
  • ODS 5. Igualdade de xénero
  • ODS 13. Acción polo clima

Temporización: curso completo

Alumnado destinatario: alumnado de 1º, 2º,3º e 4º ESO e alumnado dos ciclos de formación profesional básica, grado medio e superior (recomendable para a familia profesional de Servizos Socioculturais e a Comunidade)

Límite de centros participantes: 6

Límite de docentes participantes por centro: 10

Límite de alumnado participante por centro: 4 aulas/ 100 alumnos/as

Criterios de selección:

1.- Valorarase a súa vinculación co PEC no caso de institutos e có Proxecto Formativo no caso de CIFP e no caso de que non se integre nos mesmos, a súa integración nas materias do profesorado participante.

2.- Terase en conta a representatividade do territorio galego.

3.- O profesorado ten que impartir aulas nos grupos que participen.

4.- Desenvolvemento do plan de traballo autónomo.

5.- Especificación da responsabilidade de cada docente participante.

Responsable do programa:

Nome: Eloi Fernández Ramos

Departamento: Solidariedade Internacional de Galicia

Teléfono: 981 24 35 03 / 650 54 14 26

Correo electrónico: sensibilizacion@solidaridadgalicia.org


Obxectivo xeral:

Esta proposta pretende achegar ao profesorado e ao alumnado a realidade dos países empobrecidos e as dinámicas globais que perpetúan as situacións de desigualdade social tanto nos países do Sur Global como na nosa contorna máis próxima, e incidir en como todos e todas podemos facer algo para mudar estas situacións e construír o Mundo que Queremos.

Obxectivos específicos:

Para o alumnado

  • Facilitar coñecementos e habilidades sobre a participación e o activismo.
  • Crear un proxecto educomounicativo arredor dos contidos do proxecto.
  • Adquirir competencias para facer fronte aos problemas sociais e ambientais
  • Analizar os problemas sociais e ambientais locais e a súa incidencia no entorno global, para propoñer alternativas dende o local.
  • Desenvolver actividades para comunicar os problemas sociais e ambientais identificados na súa contorna próxima.

Para o profesorado

  • Facilitar coñecementos e habilidades sobre os  contidos do proxecto
  • Explorar o nivel de coñecemento dos estudantes sobre as problemáticas sociais e ambientais do seu contorno.
  • Coñecer e empregar ferramentas e recursos pedagóxicos como a radio

Desenvolvemento das competencias clave

  • Competencia en comunicación lingüística
  • Competencia dixital
  • Competencia en aprender a aprender
  • Competencias sociais e cívicas
  • Competencia en conciencia e expresións culturais

Palabras clave:

Activismo, participación, comunicación transformadora, igualdade, solidariedade, xustiza social.

Metodoloxía e temporización

Actividades e recursos

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

  • Formación:

Estratexias innovadoras para traballar os activismos xuvenís.

Será unha formación recoñecida polo CAFI; obrigatoria a asistencia dunha representación do profesorado de cada centro. Nesta xornada farase un recorrido polo proxecto, pola plataforma Moodle a utilizar, e un diagnóstico inicial da situación de partida de cada centro con respecto ao proxecto.

Data: 19 de outubro de 2024.

Lugar: Santiago de Compostela na EGAP

Horario: 11:00 – 14:00 e de 15:00 a 18:00

  • Webs de referencia:

· Web: Activistas polo Mundo que Queremos

· Facebook: Facebook Activistas polo Mundo que Queremos

· Instagram: InstagramActivistas polo Mundo que Queremos

· Canle de YouTube: You Tube

· Canle de Ivoox: Ivoox

  • Obradoiros:

COÑECENDO E CONCIENCIÁNDONOS

  1. Que significa ser activista? Primeiro obradoiro presencial na aula (100 minutos) para dar a coñecer o proxecto, a aula virtual e achegarnos ao contido a traballar: que significa a palabra activismo e as características das persoas activistas. Tipos de activismos. Semanas do 11 ao 22 de novembro de 2024.
  2. Achegámonos aos activismos: Medioambiental, Xénero, LGTBIQ+, Antirracista. Sesión a través da aula virtual. Parada segunda do proxecto. Decembro de 2024.
  3. Comunicación transformadora. Analizaremos os medios de comunicación dende unha perspectiva crítica e de cidadanía global. Terceira parada do proxecto, presencial (100 minutos). Semanas do 8 ao 17 de xaneiro de 2025.

PASANDO A ACCIÓN

  1. Comeza a acción: Realizamos os nosos guións radiofónicos. Creamos os nosos guións radiofónicos sobre o activismo elixido. Traballo en aula do alumnado guiado polo profesorado. Meses de xaneiro-febreiro 2025.
  2. Comeza a acción: Obradoiro radio. Creamos os nosos programas de radio activista. Parada quinta do proxecto. Presencial na aula (100 minutos). Mes de febrero-marzo 2025.
  3. Achegámonos a outros contextos socias. Distintas voces para unha mesma realidade. Coñecemos a labor de activistas que traballan en diversas esferas noutras partes do mundo. Parada seis do proxecto, a través da aula virtual. Marzo 2025.
  4. Encontros con activistas do Sur. Parada sete do proxecto, presencial na aula (100 minutos). Abril 2025.
  5. Socialización dos podcast e avaliación. Parada oito do proxecto (50 minutos). Maio-Xuño de 2025.

Produto final

O produto final será o programa de radio que locute o propio alumnado, quen tamén se encargará da redacción dos guións. Da edición dos programas encargarase a equipa técnica do proxecto.

Criterios de avaliación da memoria final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1 .Creación dunha rede de traballo cooperativa na comunidade educativa entre alumnado, profesorado, familias e/ou institucións da contorna. Valorarase especialmente a participación activa do alumnado no desenvolvemento do proxecto (toma de decisións, realización do produto final etc).

2. Interdisciplinariedade (achegas desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade do proxecto.

3. Impacto e difusión do proxecto. É imprescindible incorporar na memoria, a través de ligazóns (páxinas web, blogs etc), evidencias gráficas e/ou documentais do traballo realizado que permitan constatar o desenvolvemento do proxecto

Criterios específicos

4. Grao de participación (a lo menos no 70% das actividades) do alumnado na proposta educativa.

5. Grao de protagonismo asumido polo alumnado na creación dun proxecto educomunicativo.

6. Nivel de asunción de responsabilidades (coordinación de actividades realizadas tanto no centro como nas da aula virtual, participación activa nas mesmas, etc.) do profesorado no desenvolvemento do proxecto.

 

Selección de boas prácticas:

Menús Learning object node R

Sección