Título node Learning object

Paisaxe e Sustentabilidade
Mér, 16/07/2014 - 11:00

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
    • Instituto de Estudos do Territorio

Ámbito: medio ambiente
Definición: o programa ten como obxectivo desenvolver coñecementos e recursos para comprender e interpretar as paisaxes próximas e cotiás a través dos seus elementos constitutivos, da súa diversidade e do seu valor cultural e simbólico, para desenvolver unha actitude responsable no marco da sustentabilidade e para desenvolver propostas que melloren a súa calidade.

Vinculación cos ODS da Axenda 2030:

  • ODS 11. Cidades e comunidades sustentables
  • ODS 15. Vida de ecosistemas terrestres

Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: Infantil, primaria, ESO, bacharelato e FP
Límite de centros participantes: 30
Criterios de selección:

  1. Idoneidade e calidade do proxecto. Seleccionaranse aqueles que mellor reflictan os contidos presentes nos Catálogos das Paisaxes de Galicia, das Directrices de Paisaxe de Galicia e que empreguen ferramentas cartográficas no desenvolvemento das actividades proxectadas.
  2. Grao no que se reflicten no proxecto as paisaxes próximas ao centro educativo e a súa contorna inmediata.
  3. Grao de innovación do proxecto polo emprego dos contidos das Guías da Colección Paisaxe Galega como recurso didáctico nas actividades proxectadas.
  4. Grao de implicación da comunidade educativa para afondar no coñecemento da contorna do centro, así como da paisaxe e do territorio próximo.
  5. Plan de difusión dos resultados dos traballos entre a comunidade educativa.
  6. Ter participado con anterioridade con memoria final validada

Responsable do programa:

Nome: Marcos Fernández Francos
Departamento: Instituto de Estudos do Territorio
Teléfono: 981 541 026
Correo electrónico: marcos.fernandez.francos@xunta.gal


Xustificación

O programa Paisaxe e Sustentabilidade enmárcase no Convenio Europeo da Paisaxe; concretamente o artigo 6c sinala medidas específicas de formación e educación: “Cursos escolares e universitarios que, nas disciplinas correspondentes, aborden os valores relacionados coas paisaxes e as cuestións relativas á súa protección, xestión e ordenación”

Así mesmo, a Lei 7/2008 de paisaxe de Galicia no artigo 14º.c Formación, sensibilización, educación e concertación, recolle que “A Xunta de Galicia fomentará a incorporación da materia da paisaxe nos distintos ciclos educativos, e promoverá a formación de especialistas en materia de intervención da paisaxe”.

Por último, a Estratexia Galega da Paisaxe sinala diversas actividades encamiñadas á sensibilización, formación e divulgación da paisaxe.

Así pois, Paisaxe e Sustentabilidade é unha iniciativa educativa que parte da idea de que vivimos inmersos nun territorio e nunha paisaxe que configura o escenario da nosa vida cotiá. As nosas accións, aínda que sexan mínimas poden mellorar ou empeorar o espazo onde habitamos. A paisaxe, que está constituída de moitos compoñentes (a percepción, a dimensión histórico-cultural, a físico-ecolóxica), é pois unha materia de estudo e reflexión.

Obxectivos

  • Desenvolver a comprensión da paisaxe onde vive o alumnado a través do recoñecemento dos seus elementos constitutivos, diversidade natural, cultural, o valor simbólico e a importancia da preservación do territorio e da paisaxe.
  • Fomentar o estudo e a análise interdisciplinaria da paisaxe, relacionando os coñecementos curriculares das diferentes materias para que poña en marcha propostas innovadoras que desenvolvan a capacidade interpretativa sobre os espazos próximos e cotiáns.
  • Implementar pequenos proxectos de estudo, interpretación e intervención na contorna próxima que, liderados polo alumnado, incorporen a paisaxe como obxecto de aprendizaxe e constitúan unha mellora para a súa posta en valor.
  • Empregar ferramentas gráficas que permitan representar o espazo: cartografía, fotografía, audiovisual.
  • Potenciar o traballo en equipo e a iniciativa persoal, coordinada co profesorado e integrando a participación da comunidade escolar e local no desenvolvemento do proxecto (pais, veciños etc.) e difundir na rede os mellores proxectos.

Desenvolvemento das competencias clave

  • Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
  • Competencia de aprender a aprender
  • Competencia dixital
  • Comunicación lingüística
  • Conciencia e expresións culturais

Actividades

Proposta de actividades:

  • Recoméndase desenvolver traballos cuxo obxectivo sexa acadar o coñecemento das paisaxes próximas e que se encamiñen a elaborar catálogos, exposicións e materiais divulgativos centrados nos elementos paisaxísticos (por exemplo miradoiros, sendas panorámicas, paisaxes urbanas, paisaxes singulares, áreas de especial interese paisaxístico etc.) presentes no ámbito próximo ao centro educativo.
  • Tamén se poderán desenvolver traballos e actividades onde se deseñen propostas de estudo e intervención nos espazos próximos (por exemplo, espazos públicos urbanos ou rurais) para, que de xeito participativo, se estuden os elementos que configuran as paisaxes cotiás.

Recursos

  • Webs de referencia:
    • Convenio Europeo da Paisaxe: ligazón
    • Catálogo das Paisaxes de Galicia: ligazón
    • Directrices de Paisaxe de Galicia: ligazón
    • Guías da Colección Paisaxe Galega: ligazón
    • Web de información cartográfica da Xunta de Galicia: ligazón
    • Plan de Ordenación do litoral. Nesta páxina se poden atopar as fichas e as fotografías aéreas de todo o litoral de Galicia: http://www.xunta.es/litoral

Produto final

Como conclusión do proxecto elaborarase unha memoria final (en formato pdf ou blog) onde se describan e recopilen as accións e os traballos realizados durante o curso, acompañada de fotografías ou materiais audiovisuais onde se visualicen as actividades desenvolvidas. Na memoria final describiranse as actividades que desenvolveron para a súa difusión entre a comunidade educativa.

Criterios de avaliación da memoria final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1 .Creación dunha rede de traballo cooperativa na comunidade educativa entre alumnado, profesorado, familias e/ou institucións da contorna. Valorarase especialmente a participación activa do alumnado no desenvolvemento do proxecto (toma de decisións, realización do produto final etc).

2. Interdisciplinariedade (achegas desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade do proxecto.

3. Impacto e difusión do proxecto. É imprescindible incorporar na memoria, a través de ligazóns (páxinas web, blogs etc), evidencias gráficas e/ou documentais do traballo realizado que permitan constatar o desenvolvemento do proxecto.

Criterios específicos

4. Grao de motivación e sensibilización do alumnado polo coñecemento e respecto pola paisaxe e pola sustentabilidade da súa contorna.

5. Grao de desenvolvemento dos contidos relacionados coa paisaxe e a súa relación coas actividades realizadas.

6. Difusión do traballo realizado polo alumnado no centro, comunidade educativa, fogares e localidade, para transmitir a capacidade de valorar e promover cambios para mellorar a paisaxe e a sustentabilidade da contorna.

 

Menús Learning object node R

Colectivo

Sección