A Xunta abre este sábado o prazo de solicitude das bolsas para a compra de libros e de material escolar, que aumentan para axudar ás familias ante a inflación

As familias poderán presentar a documentación entre o 20 de maio e o 21 de xuño, preferiblemente por vía electrónica ou tamén no seu propio centro educativo

Consolídase a subida do bono de material a 75 € para familias cunha renda per cápita inferior a 6.000 € e créase un novo vale de 60 € para o tramo de 6.000 a 10.000 €

O número de estudantes beneficiarios en material medra así de 95.000 a 130.000

No caso dos libros, as axudas para o alumnado de 1º e 2º de Primaria e de Educación Especial experimentan unha suba xeneralizada ata máximos de 300 €

Os estudantes desde 3º de Primaria a 4º de ESO disporán do Fondo Solidario de Libros, que permite obter case a totalidade dos manuais de balde

En conxunto, a Consellería de Educación destina 26 M€ a esta bolsas para o vindeiro curso e chega coas súas medidas a máis do 70% dos estudantes matriculados

Sáb, 20/05/2023 - 10:49
s

A Xunta de Galicia abre este sábado, 20 de maio, o prazo para solicitar as axudas tanto para libros de texto como para material escolar. O período para que as familias poidan realizar os trámites oportunos para beneficiarse das mesmas estenderase ata o 21 de xuño, inclusive. Estas liñas de actuación van destinadas ao alumnado matriculado en Primaria, ESO e Educación Especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2023/24 e as convocatorias poden consultarse no Diario Oficial de Galicia e no Portal Educativo.

Prevese que as diferentes liñas de axudas da Xunta cheguen a máis do 70% do alumnado de centros sostidos con fondos públicos de Primaria, ESO e Educación Especial, de xeito que se supere a porcentaxe con respecto ao actual ano académico a piques de rematar.

Vales para material escolar

Co obxectivo de axudar ás familias ante o contexto de inflación, a nova convocatoria incrementa as partidas, tanto para os libros de texto como para o material escolar. No caso do material escolar, consolídase a suba do bono de material, que o curso pasado medrou de 50€ a 75€, incremento que se manterá o vindeiro ano académico para as familias con ingresos a 6.000€ per cápita. Ademais, crease un novo bono de 60€ para as familias que se sitúen no tramo entre 6.000€ e 10.000€ per cápita. Con esta medida, prevese un aumento do 40% do número de alumnos beneficiados, ao pasar de 95.000 a 130.000.

No caso do alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, así como o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, todos eles serán beneficiarios do vale de 75€ con independencia da renda.

Adquisición de libros de texto

No caso dos libros de texto, o sistema organízase en base a dous tipos de axudas: as bolsas para a compra de manuais nas etapas en que estes non poden ser reutilizados dun curso a outro (1º e 2º de Primaria, Educación Especial e alumnado con necesidades educativas especiais) e o Fondo Solidario de Libros, cando estes poden ter unha vida útil durante varios anos e ser empregados por varios alumnos ao longo de sucesivos cursos (desde 3º de Primaria ata 4º de ESO).

As axudas para a compra de libros experimentan un incremento xeneralizado nas contías, que oscilarán entre os 160€ e os 270€, fronte aos 140€ e os 240€ do curso pasado. Para os escolares de 1º e 2º de Primaria, a axuda continuará dependendo da renda per cápita da unidade familiar. No primeiro tramo (igual ou inferior a 6.000€) será de 240€ (ata agora eran 210), mentres que no segundo tramo (renda superior a 6.000€ e igual ou inferior a 10.000€) será de 160€ (140€ na última convocatoria).  

No caso do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que non poida usar libros do fondo, na etapa de Primaria, as familias do primeiro tramo de renda percibirán 240€ por fillo (ata o momento 210€) e as do segundo 160€ (140€ na anterior convocatoria). Na etapa de ESO, as familias do primeiro tramo de renda poderán acceder a unha axuda de 270€ (240€ ata agora) e as do segundo a 180€ (160€ anteriormente).

O alumnado de Educación Especial, tanto en centros específicos como en unidades de Educación Especial de centros ordinarios ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, recibirá 300€ (ata agora eran 275€) con independencia da renda per cápita familiar.  

Finalmente, para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o importe da axuda será o maior correspondente ao ensino e curso no que estea matriculado, con independencia da renda per cápita da unidade familiar.

Fondo Solidario de libros

En xeral, salvo as especificidades xa sinaladas para a Educación Especial e o alumnado con necesidades específicas, desde 3º de Primaria a 4º de ESO funcionará o Fondo Solidario de libros, que permite que todas as familias que cumpren cos requisitos teñan cuberto de balde os libros que precisan para os seus fillos, case na súa totalidade.

A asignación de libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar. 

Así, o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000€, ou que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a seis libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000 e 10.000 euros terán acceso a catro.

Ademais, e para os casos nos que o centro educativo debe adquirir algún libro para incrementar a dotación do Fondo Solidario por non ser suficientes para cubrir a asignación os existentes, a Xunta incrementa en 5€ o importe máximo que aboará por cada libro complementario, que ascende a 40€ en Primaria e a 45€ en ESO.

Presentación de solicitudes

Será requisito fundamental para acceder ao Fondo solidario de Libros ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros do curso anterior. Poderán presentar as súas solicitudes os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderá presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.