Convocatoria do V Concurso de Podcasts-Radio na biblio
A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, no contexto do Plan LIA de Bibliotecas escolares, fai pública a Resolución de 21 de marzo de 2023, pola que se convoca o V Concurso de Podcasts-Radio na biblio, en colaboración coa Radio Galega (CRTVG). Poderán participar os centros públicos non universitarios, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades, integrados ou non no programa Radio na biblio. Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas 2023, dedicado este ano ao intelectual, escritor, activista político e cultural, articulista, editor e ensaísta Francisco Fernández del Riego, polo que as temáticas dos podcasts, nas catro modalidades previstas, deberán tratar sobre a valoración da lingua materna, reforzar a lectura en galego ou o achegamento ao mundo da edición e da tradución, e da importancia do activismo cultural a partir dos anos 50 do que foi protagonista, entre outros, o autor homenaxeado.
O prazo de presentación dos traballos e da documentación complementaria remata o 28 de abril de 2023.