Case 800 internos melloran a súa formación nos Centros de Educación e Promoción de Adultos das prisións de Galicia co apoio de 53 docentes
Román Rodríguez gaba a entrega e profesionalidade deste profesorado e salienta a educación como “a ferramenta máis valiosa para abrir portas e superar barreiras”
Nos centros penitenciarios galegos ofértanse Ensinanzas Básicas Iniciais, Educación Secundaria e Bacharelato, así como cursos de idiomas e, no caso da Lama, FP
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, coñeceu esta semana o funcionamento do Centro de Educación e Promoción de Adultos que a Xunta de Galicia ten na prisión de Teixeiro, na localidade de Curtis, onde 13 docentes atenden a máis de 220 internos matriculados este curso nas diferentes ensinanzas que se imparten. O titular do departamento educativo da Xunta felicitou a este equipo de profesores pola súa dedicación e gabou a profesionalidade e entrega que demostran os 53 docentes que prestan servizo nos cinco centros penitenciarios galegos.
Neste sentido, destacou o labor fundamental destas persoas non só no eido puramente educativo, senón no proceso de reconstrución das persoas e para favorecer a súa reinserción social. “A educación é a ferramenta máis valiosa da nosa sociedade para abrir portas e para superar barreiras e, no caso das persoas privadas de liberdade, é fundamental”, sinalou o conselleiro.
Son preto de 800 os alumnos matriculados este curso nestes centros de educación e promoción de adultos, que ofertan tanto Ensinanzas Básicas Iniciais como Educación Secundaria e Bacharelato. Cómpre sinalar que o alumnado das prisións oscila ao longo do curso, de tal xeito que ao longo do ano académico 2021/22 melloraron a súa formación nestes centros un total de 1074 persoas.
No transcurso da visita, na que estivo acompañado polo equipo docente do centro así como polo director da prisión de Teixeiro, José Ángel Vázquez, o conselleiro tivo a oportunidade de coñecer as instalacións do pavillón educativo, dotadas tanto de varias clases como de biblioteca, aula de informática e de estudo, sala de usos múltiples e dun espazo para as persoas que seguen estudos na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).
Ademais, o profesorado explicou o funcionamento dalgunhas da iniciativas máis valoradas polos internos, como a dos clubs de lectura, que contan coa participación en moitos casos dos autores das obras seleccionadas.
Outras ensinanzas
No caso do centro da prisión de Bonxe, a maiores das ensinanzas regradas, 10 alumnos cursan o ciclo formativo de grao medio Carpintaría e moble. Neste espazo formativo tamén se prepara ás persoas que o desexan para a proba de acceso a ciclo formativo de grao medio.
No eido dos idiomas, expídense certificados pola asistencia a cursos de castelán para inmigrantes, de galego, de inglés e francés. Así mesmo, o centro de Teixeiro ofrece ensinanzas non regradas de castelán, francés e inglés orientadas a preparar as probas libres que se celebran nas Escolas Oficiais de Idiomas. Neste momento hai matriculadas 56 persoas, que recibirán unha certificación interna do centro na que consta se superaron a formación de xeito satisfactorio.