O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta chega xa a 800 centros tras sumarse 25 novos

O orzamento da Consellería de Educación para este programa elévase a 1,6M€

Na selección de centros deuse prioridade aos do rural e impúlsase a compra de fondos nas librerías máis próximas e material de atención á diversidade

Mér, 19/10/2022 - 13:32
be

A Xunta de Galicia vén de incorporar 25 novos centros educativos públicos ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), tal e como publica o Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, a rede de centros integrados neste programa chega este curso a 798 centros, dos que 754 son públicos e 44 concertados.

O orzamento destinado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a este plan elévase a 1,6€ para cubrir tanto os fondos destinados aos colexios e institutos de nova incorporación como aos que continúan participando na iniciativa.

Un ano máis a convocatoria dá prioridade aos centros do rural, de tal forma que, en igualdade de puntuación, teñen preferencia os situados en concellos de menor poboación. De feito, dos centros de nova incorporación, a meirande parte son de poboacións de pequena e mediana poboación. A listaxe dos mesmos é a que se reflicte na seguinte táboa:

 

PROVINCIA

CONCELLO

CENTRO

A Coruña

A Coruña

CEE María Mariño

A Coruña

A Coruña

CEIP Plurilingüe Wenceslao Fernández Flórez

A Coruña

A Coruña

CEIP Novo Mesoiro

A Coruña

Boiro

CEIP Santa María do Castro

A Coruña

Ferrol

IES Ferrol Vello

A Coruña

Oleiros

CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal

A Coruña

Porto do Son

CEIP Plurilingüe de Campanario

A Coruña

Ribeira

CEP Plurilingüe de Carreira

A Coruña

Santiago

CIFP Compostela

A Coruña

Santiago

IES Lamas de Abade

Lugo

Alfoz

IES Alfoz-Valadouro

Lugo

Cervo

CEIP Península da Paz

Lugo

Cospeito

CEIP Plurilingüe de Muimenta

Lugo

Monforte

CEE Infanta Elena

Lugo

Navia de Suarna

CPI Plurilingüe Navia de Suarna

Lugo

Outeiro de Rei

CEIP Laverde Ruíz

Ourense

Ourense

CEIP Plurilingüe de Seixalbo

Ourense

Verín

CEIP Plurilingüe Amaro Refojo

Ourense

Verín

IES García-Barbón

Pontevedra

Moaña

EEI do Con

Pontevedra

Moraña

CPI Plurilingüe Santa Lucía

Pontevedra

Nigrán

IES Escolas Proval

Pontevedra

Pontevedra

IES Sánchez Cantón

Pontevedra

Sanxenxo

CEIP de Portonovo

Pontevedra

Vigo

EPAPU Berbés

 

As asignacións para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. No caso dos centros integrados no programa en convocatorias anteriores, poderán destinar a asignación a fondos, a mobiliario e outros equipamentos (os incorporados nas convocatorias 2008-09 a 2012-13 e 2021-22) ou a gastos de funcionamento específicos da biblioteca (centros integrados na convocatoria de 2021/22).

A compra dos fondos realizarase, preferentemente, a través das librerías da zona de referencia do centro, e deberá incluír materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado inmigrante etc.). Así mesmo, a multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser convenientemente contempladas; e o 50% dos materiais adquiridos deberán ser en lingua galega. Ademais, poderase mercar con estas asignacións mobiliario específico e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.

Por outra banda, os centros incluídos neste programa recibirán formación específica, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería.

Plan LÍA

Esta convocatoria enmárcase no novo Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe), a folla de ruta da Xunta que guía todas as actuacións nestes espazos ata o ano 2025. A nova estratexia constrúese sobre sete puntos ou áreas clave, como son o crecemento da rede de bibliotecas escolares de Galicia e a renovación dos seus recursos; a biblioteca social, incidindo nunha maior inclusión; a construción de redes de colaboración, avaliación e comunicación entre os axentes da sociedade lectora; o uso das bibliotecas como laboratorios creativos de aprendizaxe; o estímulo da lectura entre toda a comunidade educativa; a alfabetización mediática e informacional e a innovación metodolóxica formativa, impulsando novas pedagoxías en torno á propia biblioteca.

Cada un destes sete puntos clave desenvolveranse en diferentes liñas de actuación, que incluíran o reforzo de proxectos de éxito neste ámbito como o propio Plambe, así como o lanzamento de novas iniciativas.