O próximo curso escolar arrancará o 9 de setembro co inicio das clases para as etapas de infantil e primaria
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o calendario lectivo vixente para o curso 2021-22, que rematará o 22 de xuño de 2022
As probas finais extraordinarias para os alumnos de Secundaria, 1º de Bacharelato e 1º de FP Básica realizaranse a finais de xuño, cun axuste nas datas definitivas tal e como solicitaban as anpas e un período de reforzo para o alumnado que o precise
Incorpórase por primeira vez a conmemoración o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de calendario escolar que rexerá para o vindeiro curso 2021-2022, que arrancará o día 9 de setembro co inicio das clases para o alumnado das etapas de 2º ciclo de Educación Infantil, de Educación Primaria e de Educación Especial, mentres que os alumnos de Educación Secundaria Obligatoria, de Bacharelato e de Formación Profesional incorporaranse ás aulas o día 15 de setembro. Para todos eles as clases rematarán o día 22 de xuño de 2022.
No que atinxe ás ensinanzas de réxime especial, as actividades lectivas realizaranse entre os días 15 de setembro de 2021 e 30 de xuño de 2022, de acordo cos calendarios de probas de acceso e probas de certificación establecidos para cada unha delas.
No caso do alumnado de Educación Infantil que se incorpora por primeira vez a un centro educativo, mantense o sistema de funcionamento de cursos anteriores, cun período de adaptación que non se alongará máis aló do 21 de setembro deste ano.
Canto aos períodos vacacionais queda establecido o Nadal (desde o 22 de decembro de 2021 ata o 7 de xaneiro de 2022, ambos inclusive), o Entroido (os días 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo de 2022) e Semana Santa (desde o 11 ata o 18 de abril ambos inclusive). Tampouco serán días lectivos os declarados festas de ámbito estatal e os festivos oficiais da Comunidade Autónoma, así como o Día do Ensino, que se celebrará o 11 de outubro de 2021, polo que será non lectivo a efectos académicos.
Estas mesmas datas tamén figurarán para o servizo de comedor escolar naqueles centros públicos no que este servizo está xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Así pois, nestes casos o servizo de comedor arrancará o 9 de setembro de 2021 para o alumnado de Infantil e Primaria e o 15 de setembro para ESO, e en ambos casos estará en funcionamento ata o 22 de xuño de 2022, agás durante os períodos vacacionais establecidos na normativa.
Doutra banda, a orde publicada hoxe tamén recolle as conmemoracións oficiais durante o curso escolar coas súas respectivas datas e instáurase como novidade por primeira vez neste curso a celebración do Día de Rosalía de Castro o 24 de febreiro de 2022.
Probas extraordinarias en xuño
Así mesmo, a normativa de calendario escolar para o vindeiro curso establece por primeira vez o adianto a xuño as probas finais da convocatoria extraordinaria que ata o de agora se realizaban tradicionalmente en setembro, cun axuste nas datas definitivas tal e como solicitaban as anpas.
Polo tanto, as probas finais da convocatoria extraordinaria para a ESO, o Bacharelato (en 2º de Bacharelato xa se fai en xuño) e o primeiro curso de Formación Profesional Básica realizaranse entre o 20 e o 22 de xuño de 2022. Aténdese así unha demanda da comunidade educativa avalada pola Xunta Autonómica de Directores e pola Mesa Sectorial Docente.
Ademais, o período comprendido entre o 6 e o 22 de xuño de 2022 adicarase á preparación e realización das probas extraordinarias así como a actividades de apoio, reforzo recuperación, ampliación e titorización para estes alumnos.