A Xunta abre o III macrocuestionario sobre convivencia nas aulas, que se poderá cubrir desde mañá ata o 29 de abril
Está dirixido a familias, docentes e persoal non docente vinculado aos centros educativos, así como alumnado a partir de 5º curso de Primaria
O obxectivo é testar a evolución da convivencia ao longo do tempo co fin de implementar medidas específicas e axeitadas á realidade do contexto actual
A Xunta de Galicia lanzará mañá o III macrocuestionario sobre convivencia nas aulas, dirixido a o conxunto da comunidade escolar galega, un colectivo de 500.000 persoas entre familias, docentes e persoal non docente vinculado aos centros educativos de todas as etapas educativas (infantil, primaria, secundaria, Bacharelato, FP, escolas de idiomas e conservatorios de música) e alumnado a partir de 5º curso de primaria.
Con esta ferramenta, que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo en marcha por primeira vez en 2015 e que se repetiu en 2019, búscase actualizar a radiografía da situación dos centros escolares en canto á convivencia, así como testar a evolución no tempo co fin de implementar as medidas específicas e máis axeitadas á realidade das aulas. De feito, o obxectivo é implantala con carácter bianual co fin de realizar unha trazabilidade rigorosa a partir da secuencia histórica obtida coas variables traballadas.
Ademais este ano, a partir dos distintos cuestionarios segundo os colectivos aos que van dirixidos, poderase extraer información sobre o contexto da pandemia no eido da convivencia escolar.
Esta acción vaise enmarcar dentro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2021-2025 EduConvives, que nestes momentos está en fase de elaboración a través de contactos cos distintos colectivos co fin de acadar un documento final consensuado.
Un proceso confidencial de 10 minutos
O macrocuestionario xa foi remitido aos centros educativos para que o fagan chegar ao conxunto dos integrantes da súa comunidade escolar, que dispoñe de prazo para cubrilo desde mañá luns día 12 ata o 29 de abril. A enquisa cóbrese a través dunha aplicación informática específica en liña, e son os directores dos propios centros os encargados de xerar as claves de acceso para todos os membros da súa comunidade educativa, de xeito totalmente aleatorio, garantindo así o anonimato dos participantes. Desta forma, os destinatarios poden acceder ao cuestionario -coas claves aleatorias que lle asinen- a través de calquera dispositivo electrónico (ordenadores, móbiles, tabletas,…). A maiores, as familias, a través de Abalar móbil recibirán un aviso sobre a dispoñibilidade da enquisa.
Trátase dun proceso totalmente privado e anónimo e, co fin de acadar os resultados máis obxectivos posibles, o contido das preguntas coñecerano cada un dos participantes no proceso no mesmo momento en que decide cubrir o cuestionario. Para manter a súa fiabilidade, validez e consistencia interna, mantense o groso das preguntas das dúas edicións anteriores, que están deseñadas en función do colectivo ao que van dirixidas.
En total hai sete tipos de cuestionarios distintos en función do colectivo aos que vai dirixido, con menos de 20 preguntas sinxelas e directas por documento, polo que o tempo estimado para cubrilo é duns dez minutos.
Unha vez concluído o proceso, cada centro escolar recibirá os seus resultados debidamente organizados. A maiores, a Consellería realizará unha análise global da convivencia escolar en Galicia que sirva para orientar a toma de decisións desde evidencias sólidas.