O secretario xeral de Educación subliña que os retos de futuro son a innovación, a cualificación do profesorado, o aproveitamento do talento e a inclusión

José Luis Mira interveu na Comisión Especial de Estudo sobre a Reactivación Económica, Social e Cultural de Galicia pola crise da covid-19

Mér, 18/11/2020 - 14:48

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta de Galicia, José Luis Mira, interveu esta mañá ante a Comisión Especial de Estudo sobre a Reactivación Económica, Social e Cultural de Galicia pola crise da covid-19 para abordar o contexto de pandemia desde o ámbito educativo e os retos aos que se enfronta o sistema, entre eles o de asegurar que os mozos e mozas adquiran unha base competencial sólida de cara ao seu desenvolvemento persoal e profesional.

José Luis Mira subliñou a transcendencia que a educación ten como elemento transformador das sociedades, e que nun momento como o actual é imprescindible apostar por proxectos de futuro. Neste senso, o secretario xeral de Educación e FP asegurou que −en liña coas orientacións establecidas no Plan de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea−, o Goberno galego está traballando nunha serie de proxectos específicos como son a innovación educativa, a cualificación do profesorado, o aproveitamento do talento e a inclusión, a igualdade e a equidade de xeito que, en termos xerais, “o sistema educativo contribúa á mellora do noso capital humano”.

Segundo explicou no Parlamento, desde a Xunta de Galicia estanse poñendo en marcha iniciativas dirixidas a formar á comunidade educativa (tanto a alumnos como a profesores) para o uso e aproveitamento das competencias dixitais e lingüísticas. Nesta liña asegurou que, dentro do sistema educativo galego, se vai promover un proceso de acreditación das competencias dixitais con valor para a carreira profesional e a empregabilidade. Mira fixo especial fincapé na adaptación da cualificación do profesorado e na necesidade “de orientarse de cara aos novos tempos”

Así mesmo, tamén destacou a aposta por proxectos relacionados coa innovación educativa aplicada ao proceso de ensinanza e aprendizaxe mediante a creación de espazos de educación e formación que favorezan a experimentación, a innovación e o emprendemento a través da creatividade e o deseño. Precisamente para favorecer estes procesos, José Luis Mira explicou que desde a Consellería de Educación se vai incidir na capacitación dos formadores así como na participación dos profesionais educativos nas redes de formación do Espazo Europeo de Educación.

Reforzo educativo

Outro dos piares da educación é a inclusión, a igualdade e a equidade; para o cal se van seguir implementando actuacións de reforzo xa asentadas e coas que se están logrando datos como que Galicia reducira ata o 12,6% a taxa de abandono temperá no ano 2019 (un 25,8% menos que hai unha década, e por debaixo do 17,3% estatal).

Así, ademais dos plans de reforzo específico a través do programa ARCO para o alumnado que o preciso, o secretario xeral de Educación incidiu na integración lingüística para o alumnado inmigrante, ou en liñas de acompañamento e mentoring para colectivos con dificultades de integración.

No apartado específico da Formación Profesional, incidiu na necesidade de seguir adaptando a oferta formativa de xeito que se adapte ás demandas do tecido socioeconómico, impulsar a colaboración público-privada, reforzar a orientación profesional para acompañar aos alumnos no tránsito da formación á incorporación ao mundo laboral, así como habilitar vías para a actualización de competencias de persoas que xa dispoñen dun título de FP pero que é necesario que adapten os seus coñecementos aos novos contextos.

“O obxectivo é −en palabras de José Luis Mira− ofrecer unha boa formación en competencias e en valores para os nosos mozos e mozas, que van constituír o capital humano do noso futuro inmediato”. “Con profesionais cualificados, estaremos favorecendo a competitividade do noso sistema produtivo e, con ilo, mellorando a economía, o consumo e o benestar dos galegos e galegas”, abondou.