Educación abre o prazo para que as familias soliciten axudas para libros e material escolar e acceso ao fondo solidario da Xunta

O prazo para presentar as solicitudes –preferentemente por vía telemática, rematará o día 19 de xuño

Co fin de reforzar o apoio ás familias ante a crise xerada pola pandemia do COVID-19, a Consellería de Educación incrementa a contía das axudas á compra de libros e flexibiliza as esixencias de renda para acceder ao fondo de libros e aos vales de libros e material escolar, ao que destina un orzamento de case 20 M€, un 63% máis ca no presente curso

O alumnado de 1º e 2º de Primaria poderá acollerse ás axudas á compra de libros, que van dos 210 aos 140 € en función da renda, o que supón un incremento de entre 40 e 50 euros por neno con respecto á contía do curso 2019/2020, ademais de ampliar tamén os límites de renda esixidos para ter dereito á axuda

Para o alumnado matriculado en educación especial, ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, a axuda pasa dos 250 aos 275 euros

Tamén se amplían os límites mínimos de renda esixidos para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO, que poderán acollerse ao Fondo Solidario de Libros, cuxos manuais se asignan por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar

Ademais, continúase co reparto de vales de 50 euros para adquisición de material escolar no caso das familias con rendas inferiores a 6.000 euros (ata o de agora o límite estaba establecido en 5.400 euros)

Mar, 19/05/2020 - 10:50

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2020/21.

O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende o 20 de maio ata o próximo día 19 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe.

Con fin de reforzar o apoio ás familias ante a situación de crise xerada pola pandemia COVID-19 e a atención aos máis desfavorecidos, para o vindeiro curso 2020-21 a Consellería de Educación aumenta as contías das axudas para a compra de libros (preto de 19,7 millóns de euros, o que supón un incremento de case o 63% con respecto aos 12,1 M€ do presente curso); e flexibiliza os límites de renda para acceder aos vales de libros, material escolar e ao Fondo Solidario de libros, cunha maior cobertura en canto ao alumnado beneficiario. O reparto de orzamento faise a razón de 7.750.000 € para o Fondo Solidario de libros de texto, 6.430.000 euros para as axudas a compra de libros e os 5.500.000 euros restantes para vales de material escolar.

Cómpre lembrar que o sistema solidario habilitado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que posibilita garantir unha educación accesible para o conxunto do alumnado susténtase en tres eixos, que son o Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos nos que os materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar.

Axudas á compra

As axudas da consellería para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e ao alumnado matriculado en Educación Especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.

O vindeiro curso modifícanse os tramos de renda per cápita familiar para dar cabida a un maior número de familias, e as contías aumentan entre 40 e 50 euros segundo o tramo de renda.

Así, os requisitos de renda e as contías das axudas quedan do seguinte xeito:

Educación Primaria:

      • Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros:  210 euros (ata o de agora o tramo era de ata 5.400 euros e a contía de 170 euros)
      • Renda per cápita familiar superior a 6.000,01 e igual ou inferior a 10.000 euros: 140 euros (no presente curso o tramo ía dos 5.400,01 aos 9.000 euros e a contía era de 90 euros)

Así mesmo, no caso do alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 275 euros (25 máis que os 250 establecidos agora), con independencia da renda per cápita familiar.

Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (210 euros fronte aos 170 actuais), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

Fondo solidario

No Fondo solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

De non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario para dar unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquirirá os libros complementarios que sexan necesarios.

Neste caso tamén se flexibilizan á alza os treitos de renda per cápita. Así, o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros (ata o de agora situábase en 5.400 euros), ou que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a 6 libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000,01 e 10.000 euros (ata o de agora o tramo ía de 5.400,01 a 9.000) terán acceso a 4 manuais.

Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores.

Axudas para material escolar

O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en educación primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros (ata o de agora o límite era de 5.400 euros), e a contía da axuda mantense a mesma, isto é, 50 euros/alumno.

O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

Trámites por vía telemática

As  solicitudes poderán presentarse por vía electrónica (preferentemente) empregando a aplicación informática “fondolibros” (https://www.edu.xunta.gal/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.