Resolución da convocatoria do concurso para elaborar a exposición sobre o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocaron un concurso para elaborar unha exposición sobre a obra, a época e a lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020 –Ricardo Carvalho Calero– e/ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica na que este viviu.
Logo de finalizar o prazo de presentación de orixinais e de se reunir a Comisión de Selección, publícase a resolución cos centros gañadores do concurso-exposición.
O traballo gañador do concurso na categoría A (educación infantil e primaria) foi a exposición Recordando Carvalho Calero, elaborada polo CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña), que recibirá o premio establecido na base 4.
O traballo gañador do concurso na categoría B (educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial) foi a exposición Unha vida polo galego, elaborada polo IES Ferrol Vello, de Ferrol (A Coruña), que recibirá o premio establecido na base 4.
O xurado acordou concederlle o premio da categoría A ao traballo co lema Recordando Carvalho Calero, do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña), por combinar da forma máis axeitada a beleza estética, a calidade da lingua e o recurso ás tecnoloxías da información e da comunicación máis innovadoras (como a realidade aumentada), coa finalidade de difundir a figura do autor homenaxeado entre o público máis novo, incluído o que presenta necesidades específicas de apoio educativo, e por estar pensado ata nos menores detalles para dar a coñecer a súa vida, obra e época.
Así mesmo, determinou concederlle o premio da categoría B ao traballo co lema Unha vida polo galego por conseguir plasmar a vida, obra e época de don Ricardo Carvalho Calero nun conxunto harmonioso de carteis nos que son de salientar a modernidade e a acertada selección da información, alén da súa unidade, acadada mediante a recorrencia de imaxes do autor, do seu barrio natal, o Ferrol Vello, e do veleiro como símbolo da súa singradura vital.