Vicky Colbert, Premio Mundial de Innovación Educativa, coñece o modelo de ensino no rural galego
A conselleira de Educación e a presidenta da Fundación María José Jove acompañaron a docente na súa visita a un centro de Moeche
A socióloga colombiana é fundadora do modelo Escuela Nueva Volvamos a la Gente
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, visitaron esta mañá o CEIP de San Ramón (Moeche). Ambas acompañaron a Premio Mundial WISE de Innovación Educativa (2013), Vicky Colbert, que está a visitar Galicia para coñecer o modelo de ensino no rural.
Colbert interesouse polos proxectos que desenvolveu o centro ao longo do curso pasado e que este ano vén de renovar, como é o caso da iniciativa de traballo cos robots “Escornabots” no CEIP de San Ramón a través do programa Biblioteca Creativa. Así mesmo, coñeceu outras iniciativas que desenvolveron estes centros no curso pasado e nas que poderán volver participar ao longo do presente, tales como os contratos-programa, o Voluntariado de Lectura ou o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.
Ademais, a socióloga colombiana puido comprobar o funcionamento do proxecto de libro dixital impulsado pola Xunta de Galicia, o E-Dixgal, ao que se incorporou este centro o pasado ano académico 2018/19.
Galardoada tamén co Premio Yidan para o Desenvolvemento Educativo na súa primeira edición (2017), entre outros múltiples recoñecementos no eido do ensino, o emprendemento social e o liderado, Vicky Colbert é socióloga pola Universidade Javeriana (Colombia) con estudos de postgrado da Universidade de Stanford (EEUU).
Colbert é, ademais, fundadora e directora da Fundación Escuela Nueva Volvamos a la Gente, coautora do seu modelo pedagóxico e foi a primeira Coordinadora Nacional desta iniciativa, ademais de ter desempeñado diversos cargos en diferentes administracións educativas.
Este modelo, posto en marcha a mediados dos anos 70 en Colombia, ten como obxectivo mellorar a calidade das escolas do país, centrándose na súa primeira fase no rural. Quince años despois, a UNESCO situou Colombia como o país coa segunda mellor educación rural primaria, sendo ademais o único no que a escola rural obtivo mellores resultados ca urbana. O modelo, que buscar mellorar o ensino nas comunidades desfavorecidas, está estendido a cidades de todo o mundo, onde logrou diminuír as taxas de deserción e repetición, así como baixar os niveis de violencia e bullying.
Baixo a estratexia de promover unha aprendizaxe activa, cooperativa e personalizada centrada no que aprende, este modelo educativo ten tamén moi en conta a formación previa do profesorado a través de talleres participativos e vivenciais que replican a metodoloxía mesma y que buscan lograr un cambio na actitude dos docentes cara a un sistema no que o alumno é o centro e o profesor un facilitador as aprendizaxes.