Premio dos Clubs de Lectura 2019, do ámbito educativo, para a escritora María Reimóndez
Xúntase a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 23 de abril de 2019, pola que se fai pública a concesión do Premio dos Clubs de Lectura 2019, co gallo da celebración do Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor o 23 de abril. A través deste galardón quérese recoñecer o labor das autoras e autores galegos que facilitan, cos seus libros, o labor de mediación na creación de hábitos de lectura e que son quen de concitar o interese dos lectores e lectoras participantes na experiencia dos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia.
O premio seralle entregado á escritora María Reimóndez no transcurso da XII Xornada dos Clubs de Lectura dos centros de ensino secundario de Galicia, que terá lugar en Santiago de Compostela (EGAP), o 7 de xuño e que reunirá ao profesorado que coordina os clubs de lectura integrados nesta iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, con convocatorias anuais desde o curso 2007-2008.